O Congreso dos Deputados permite xa rexistrar iniciativas exclusivamente en galego, catalán ou éuscaro, sen necesidade de achegar unha versión en castelán. O recoñecemento progresivo do uso destas linguas cooficiais implicou investimentos en medios técnicos e na contratación de servizos de interpretación, transcrición e subtitulado.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Instituto Leonés de Cultura (ILC) elaborou unidades didácticas sobre a lingua galega destinadas a máis de 200 colexios da provincia de León, especialmente no Bierzo Oeste, para preservar e fomentar o uso deste idioma. Estas unidades, adaptadas a diferentes niveis educativos, inclúen recursos como contos, xogos e cancións baseadas no galego local. A iniciativa busca promover a identidade cultural da comarca e complementar outras accións de protección lingüística impulsadas polo ILC.
A Xunta activa a plataforma a través da que as empresas editoras interesadas e que cumpran os requisitos poden ofrecer as súas obras, en galego e en formato físico, ás entidades da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Así, o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a orde pola que se regulan as condicións de participación e se abre o período de incorporación das novidades editoriais a este sistema.
Só o 41,8 % dos adestradores e adestradoras dos clubs deportivos en Cataluña emprega o catalán nos adestramentos, segundo unha enquisa realizada en 2024 por Òmnium Cultural e a UFEC. Para impulsar o uso desta lingua, presentouse un plan que inclúe formacións, guías e recursos, co obxectivo de reforzar a súa presenza nos adestramentos e na dinámica dos clubs.
A convocatoria anual de subvencións da Xunta á creación audiovisual para a promoción do talento galego neste sector conta en 2025 cunha dotación de 176 000 euros para 11 novas curtas e longametraxes en versión orixinal galega.
O goberno dinamarqués deixará de usar probas de "competencia parental" criticadas por non respectar a identidade cultural e lingüística das familias inuit. Estas probas, utilizadas en investigacións de protección infantil, a miúdo resultaban na separación de nenos e nenas de familias inuit sen ter en conta factores culturais e lingüísticos. A decisión inclúe a creación dunha unidade especial con coñecemento da cultura groenlandesa para asistir aos municipios en casos relacionados.
Segundo o Ministerio de Educación de Portugal, aproximadamente o 25 % dos máis de 140 000 alumnos estranxeiros ten un dominio limitado da lingua portuguesa. Para abordar esta situación, prevese a contratación de ata 287 mediadores lingüísticos e culturais en 319 escolas, así como a revisión da disciplina de Portugués Lingua Non Materna.
Fonte: Público
España é o cuarto país da UE cunha maior proporción de persoas, un 30 %, que nunca aprendeu un segundo idioma, cifra moi superior á media europea que se sitúa no 21 %. A pesar de que mellorou o dominio do inglés nos últimos anos, España segue nos últimos postos da UE neste aspecto, con grandes diferenzas por idade e nivel educativo.
Fonte: Funcas
A Universidade das Illas Baleares (UIB) publicou o seu dicionario académico en liña, que inclúe 404 termos en catalán acompañados das súas equivalencias en castelán e inglés, para unificar un modelo lingüístico na institución. Este recurso recolle vocabulario específico de xestión universitaria adaptado á UIB e está en constante actualización, integrada na colección de Dicionarios en Liña do TERMCAT.
Un proxecto centrado na realidade virtual busca empregar esta tecnoloxía para preservar dúas linguas europeas en perigo de extinción: o griko, falado en partes de Italia, e o córnico, unha lingua nativa de Cornualles no Reino Unido. O proxecto, denominado Revive, está liderado pola Universidade Anglia Ruskin e conta coa participación de sete nacións.
Fonte: Inavate
Boletín
Subscríbase ao boletín




