A décima edición do LGx15, unha iniciativa organizada pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) para a difusión de ideas sobre o futuro do galego, celebrouse o pasado 26 de outubro de 2024 en Santiago de Compostela. As intervencións deste evento xa se poden ver na canle de Youtube da CTNL.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O presidente saínte dos Estados Unidos, Joe Biden, aprobou antes de abandonar a Casa Branca un plan destinado a revitalizar as linguas indíxenas no país. Esta iniciativa busca preservar e promover o uso das linguas nativas, recoñecendo a súa importancia cultural e histórica, e garantindo a súa transmisión ás futuras xeracións.
Fonte: Diari de la Llengua
A Universidade do Porto lanzou RefLex PLE, unha ferramenta destinada a profesorado, investigadores e estudantado de portugués como lingua estranxeira. Este recurso nace co fin de estandarizar o vocabulario segundo os niveis de competencia definidos polo Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, facilitando a aprendizaxe e o ensino do portugués a falantes non nativos.
A Residencia Xacobeo acollerá durante o vindeiro mes de marzo o asturiano Inaciu Galán, gañador da estadía na que levará a cabo o seu proxecto de tradución de obras galegas. Trátase da iniciativa que impulsan a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Residencia Literaria 1863 e que, por primeira vez, contará cun escritor da península que traballará nun proxecto de tradución ao asturiano.
Fonte: Xunta de Galicia
O mercado dos audiolibros medra en España, con máis de 9,3 millóns de persoas que optaron por este formato en 2023. En Galicia, Xerais acaba de lanzar o seu primeiro audiolibro, Pel de cordeiro de Ledicia Costas, mentres que Galaxia presentará tres obras destinadas ao público infantil e novas producións para adultos.
A Primeira Xornada sobre Política Lingüística nos Municipios abordou as estratexias para reforzar o uso do catalán a nivel local. O conselleiro F. Xavier Vila destacou o papel dos concellos como espazos clave de socialización e propuxo medidas como a creación de plans municipais e incentivos fiscais para fomentar a lingua.
As entidades locais teñen de prazo ata o 21 de febreiro para presentarse á convocatoria de subvencións para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para a mellora das coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal.
As autoridades educativas norteirlandesas sinalan que Irlanda do Norte precisa dúas novas escolas secundarias para atender á crecente demanda de educación en lingua irlandesa. Actualmente existen só dúas escolas secundarias de inmersión en lingua vernácula.
Fonte: BBC
A película Moana 2 estreouse simultaneamente en inglés e en maorí, converténdose no primeiro filme animado de Disney en lograr este fito. Esta iniciativa forma parte dos esforzos por preservar e promover o idioma indíxena te reo maorí en Nova Zelandia.
Fonte: NBC News
Un estudo realizado polas universidades de Agder (Noruega) e Birmingham (Reino Unido) demostrou que incrementar a condición física en adultos monolingües maiores mellora a súa comprensión da linguaxe. Este achado destaca a importancia do exercicio regular para un envellecemento saudable e para mellorar as habilidades comunicativas diarias.
Fonte: Neuroscience News
Boletín
Subscríbase ao boletín

