Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de xaneiro de 2025

    O CSIC publica un ano máis o Calendario científico escolar 2025, dispoñible para a súa descarga, xunto con outros recursos didácticos, en 11 idiomas (entre os que se atopa o galego) e mais en braille.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    14 de xaneiro de 2025

    A Secretaría Xeral de Medios publicou no DOG a convocatoria de subvencións para o ano 2025 dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de xaneiro de 2025

    O Ministerio de Educación marroquí anunciou un plan para capacitar máis de 3000 docentes na ensinanza da lingua tamazight, reforzando así a súa presenza no sistema educativo nacional.

    Fonte: Morocco World News

    13 de xaneiro de 2025

    As universidades de Finlandia están a empregar cada vez máis o inglés como lingua principal de instrución, desprazando o finés e o sueco. Isto está a xerar preocupación sobre a preservación das linguas nacionais no ámbito académico.

    Fonte: EuroWeekly News

    13 de xaneiro de 2025

    Dentro das actividades para conmemorar o ano novo tamazight, celébrase en Melilla o 17 de xaneiro a xornada «El Amazige en Melilla: una lengua de Europa» na que participarán especialistas de diferentes países europeos.

    Fonte: Cope

    13 de xaneiro de 2025

    O centro cívico de Zabalgana acolle a exposición interactiva «Euskara ibiltaria», que explora a diversidade da lingua vasca a través do Atlas das Variedades Locais do Éuscaro. Esta mostra busca divulgar o valor cultural da lingua e permitir unha experiencia sensorial para coñecer as súas variantes dialectais. Inclúe mapas, xogos e audios que revelan a riqueza léxica e morfolóxica do idioma, resultado de entrevistas realizadas entre 1987 e 1992 en 145 localidades.

    13 de xaneiro de 2025

    O Concello de Lugo envioulles carteis aos comercios locais para anunciar as rebaixas en galego, dentro das accións para promover o uso cotián desta lingua. A edil Maite Ferreiro salientou a urxencia de medidas efectivas ante o preocupante descenso do seu uso entre a xente nova. Presentouse tamén un decálogo para reverter esta situación e asegurar a supervivencia do galego.

    13 de xaneiro de 2025

    A docente Tania Vázquez participa na iniciativa "Palabra e Memoria", impulsada polo xornalista David Canto, para analizar o uso do galego nas inscricións funerarias en Galicia e zonas galegofalantes de Castela e León e Asturias. O estudo preliminar revela un uso moi limitado do galego escrito, aínda que se observa un crecemento recente debido ao relevo xeracional das persoas alfabetizadas en galego tras a democracia.

    10 de xaneiro de 2025

    O filme brasileiro dirixido por Walter Salles, Ainda estou aqui, protagonizado por Fernanda Torres, non conseguiu o premio na categoría de Mellor filme en lingua non inglesa nos Globos de Ouro, sendo superado pola produción francesa Emilia Pérez. A pesar diso, 'Ainda estou aqui' xa acumula sete premios internacionais, incluíndo Mellor guión no Festival de Venecia, e Fernanda Torres foi recoñecida como Mellor actriz, todo un triunfo para o cinema en lingua portuguesa.

    10 de xaneiro de 2025

    Cada ano pérdense linguas en todo o mundo, cunha taxa de desaparición que se acelera. Activistas en todo o mundo están a empregar ferramentas en liña para preservar estas linguas ameazadas, documentando e rexistrando palabras, significados e usos para manter vivas os modos de expresión e as tradicións culturais asociadas.

    Fonte: The Guardian

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder