Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de outubro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, incidiu en que “estamos nunha sociedade en constante cambio, o que leva consigo tamén mudanzas sociais que involucran a lingua, presente en todos os ámbitos da vida, como no que ten que ver coas crenzas ou as tradicións”. Así o destacou durante a súa participación na inauguración dos XXVI Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Consello da Cultura Galega, co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

    16 de outubro de 2024

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou no acto conmemorativo do 70 aniversario da inauguración da estatua en homenaxe a Rosalía de Castro na cidade de Porto, onde destacou que a obra da autora galega transcendeu fronteiras, sendo un exemplo de irmandade entre os pobos galego e portugués, unidos por unha historia, cultura e lingua compartidas.

    16 de outubro de 2024

    A  Xunta de Galicia homenaxeará a Ledicia Costas co Día das Escritoras como “xusto recoñecemento pola súa difusión da lingua e literaturas galegas dentro e fóra de Galicia”. Deste xeito, o 17 de outubro, a Cidade da Cultura acolle un acto aberto ao público, nunha conversa guiada pola xornalista e tamén autora María Solar.

    16 de outubro de 2024

    O Goberno da República de Irlanda aproba un plan nacional para crear un sistema de servizos públicos completamente bilingüe para o ano 2030.

    Fonte: The Irish Post

    16 de outubro de 2024

    A Axencia de Integración de Flandres revelou que no último ano medrou exponencialmente o número de persoas que estudan neerlandés nesta rexión belga.

    Fonte: The Brussels Times

    15 de outubro de 2024

    A Plataforma per la Llengua organizará tres seminarios en Mallorca durante o 2024 para fortalecer os discursos en defensa do catalán. Abordarán a situación da lingua nos ámbitos da saúde, o turismo e a imposición lingüística, co foco no caso do catalán. Os seminarios celebraranse o 25 de outubro, 15 de novembro e 13 de decembro. A entidade reivindica o dereito á atención sanitaria en catalán e alerta sobre o impacto lingüístico do turismo.

    15 de outubro de 2024

    A Consellería de Educación do Principado convocou a primeira edición dos premios extraordinarios ao coñecemento da lingua asturiana e do eonaviego, dirixidos a estudantes de 3º e 4º de Secundaria e de 1º e 2º de Bacharelato. Haberá un premio por cada etapa e lingua, cunha dotación de 800 euros, ademais dun accésit de 400 euros para lingua asturiana. As probas incluirán comprensión e produción de textos orais e escritos, e a fase final terá lugar o 26 de novembro.

    15 de outubro de 2024

    O Concello de Ames presenta a quinta edición do certame Galetiktokers, dirixido á mocidade, para promover a creación de contido audiovisual en galego nas redes sociais. Os participantes, de entre 13 e 35 anos, poden optar a premios por un total de 1800 euros. O concurso busca fomentar o uso do galego entre a xuventude, especialmente en espazos dixitais como TikTok e Instagram. As pezas audiovisuais deben ser en galego e poden tratar temas libres, co obxectivo de visibilizar e valorizar o idioma.

    15 de outubro de 2024

    O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza en Instagram o certame #cambiaatúamirada, dirixido ao alumnado de Veterinaria, co obxectivo de fomentar unha actitude positiva cara á cidade de Lugo e á cultura e a lingua galegas. A través desta iniciativa, que inclúe un sorteo de pixamas veterinarios, búscase promover o uso do galego no ámbito universitario. As persoas participantes deben seguir o perfil @linguausc e colaborar na difusión das mensaxes da campaña.

    15 de outubro de 2024

    O Parlamento de Dinamarca prohibe que unha deputada faga un discurso exclusivamente en groenlandés. Con esta acción, a deputada reivindica o uso da súa lingua materna e a introdución dun servizo de interpretación simultánea entre a súa lingua e o dinamarqués.

    Fonte: Diari de la Llengua

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder