Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de marzo de 2025

    Un estudo de Education First (EF) revela que os Países Baixos encabezan a lista de países europeos co mellor dominio do inglés como segunda lingua en 2024, seguidos de Noruega e Suecia. Portugal permanece nas primeiras posicións e España sitúase no posto 36, mentres que Francia descende ao 49, a súa posición máis baixa desde 2011.

    Fonte: Euro Weekly

    12 de marzo de 2025

    En Tolosaldea, os municipios e axentes sociais iniciaron a campaña ‘Abizenak ere euskaraz’ para cambiar a grafía dos apelidos ao éuscaro en documentos oficiais. A modificación, que require un proceso administrativo sinxelo, busca avanzar na normalización do idioma e fomentar o seu uso nas administracións.

    12 de marzo de 2025

    O Departamento de Investigación e Universidades de Cataluña lanzou a campaña “Si et canvien l’idioma, no et mosseguis la llengua”, que anima os estudantes universitarios a defender os seus dereitos lingüísticos e a reclamar que non se lles cambie a lingua das materias nas que se matriculan.

    12 de marzo de 2025

    Os obradoiros de acollemento lingüístico, dirixidos a persoas que queren aprender galego, son cursos presenciais que se desenvolven en quendas de primavera e outono, con 36 horas lectivas. Están abertos principalmente a persoas de outras comunidades lingüísticas, pero tamén a calquera adulta interesada no galego.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    12 de marzo de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación da oitava edición do festival Alguén que respira!, unha cita organizada co apoio da Xunta de Galicia para poñer en valor o talento dos creadores galegos e a calidade das letras galegas a través da poesía.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    11 de marzo de 2025

    O Goberno do Reino Unido puxo en marcha unha iniciativa que permite a todo o funcionariado acceder a formación gratuíta en lingua galesa a través da plataforma Civil Service Learning. Esta medida busca promover o uso do galés en todas as áreas gobernamentais e apoiar a visión do Goberno galés de acadar un millón de falantes de galés para o ano 2050.

    Fonte: Gov.uk

    11 de marzo de 2025

    A decisión do presidente dos Estados Unidos de declarar o inglés como lingua oficial dificulta o acceso a servizos esenciais para millóns de estranxeiros. Sen a obrigatoriedade de traducións ou asistencia noutras linguas, moitos migrantes atopan barreiras para xestionar trámites básicos.

    Fonte: El País

    11 de marzo de 2025

    O Diccionari general de l’esport actualizouse este ano con 208 termos novos, cos que alcanzou un total de 11 893, e a modificación de 88 termos xa existentes. Os novos termos proceden de diversas fontes e con eles búscase manter ao día a terminoloxía deportiva en catalán e garantir o acceso á súa consulta, tamén en liña.

    11 de marzo de 2025

    O Curso de redacción de documentos técnico-xurídicos en galego, organizado pola Escola Galega de Administración Pública, desenvolverase entre o 5 e o 19 de maio de 2025 na modalidade de teleformación.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    11 de marzo de 2025

    A Dirección Xeral de Cultura e Patrimonio Cultural realizou un estudo pioneiro que compara as linguas canarias antigas coas linguas amazigh do continente africano. A investigación analiza a toponimia amazigh das Canarias, especialmente os termos anatómicos relacionados co corpo humano, e revela vínculos históricos coas comunidades amazigh do norte de África.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder