Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de marzo de 2025

    O Ministerio de Educación da India informou de que, segundo a Política Nacional de Educación (NEP), non se lles imporá ningunha lingua aos estados. As tres linguas que os estudantes aprendan serán elixidas polos estados e o propio alumnado, garantindo así a flexibilidade e o respecto ás linguas rexionais.

    Fonte: The Pinnacle Gazette

    19 de marzo de 2025

    O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña rexeitou os recursos da Generalitat e ratificou a obrigatoriedade de impartir o 25 % das clases en castelán nos centros educativos. A Generalitat argumentaba que o Decreto Lei 6/2022 impide establecer porcentaxes lingüísticas, pero o tribunal considerou que os recursos non xustificaban suficientemente o interese casacional da súa petición.

    19 de marzo de 2025

    Desde outubro de 2023, Errenteria desenvolve novas metodoloxías para achegar o éuscaro á cidadanía mediante o proxecto Uler Saioak, que xa formou 28 persoas en comprensión oral. Ademais, púxose en marcha Ulerrizketak, un programa que facilita interaccións en éuscaro cunha persoa de confianza para consolidar a aprendizaxe.

    19 de marzo de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou no colexio López Ferreiro, en Santiago de Compostela, o programa de dinamización lingüística ‘Falamos +’, no que participan dez centros repartidos polas catro provincias co obxectivo de “impulsar o uso da lingua galega entre a cativada desde a perspectiva do lecer dentro do ámbito escolar”.

    18 de marzo de 2025

    O Concello de Leiria implantou un novo servizo de interpretación en lingua de signos portuguesa para mellorar o acceso da comunidade xorda aos servizos municipais. O sistema funciona nos días laborables e permite que as persoas con discapacidade auditiva reciban asistencia na súa comunicación coas institucións locais.

    Fonte: Sapo

    18 de marzo de 2025

    Miles de persoas manifestáronse en Perpiñán para pedir máis apoio das autoridades francesas ás escolas inmersivas en lingua catalá da Cataluña Norte, que atravesan unha grave crise económica. Baixo o lema "Bressola viva, lingua viva", a marcha percorreu o centro da cidade, onde se escoitaron consignas a favor do ensino en catalán.

    Fonte: Diari de la Llengua

    18 de marzo de 2025

    O Parlamento de Cataluña aprobou unha moción que propón o catalán como lingua de acollida para as persoas recentemente chegadas a Cataluña de cara a facilitar a súa integración e a igualdade de oportunidades. Ademais, reclama ao Estado un compromiso firme coa normalización do catalán nos territorios de fala catalá e insta o Goberno de Cataluña a garantir a reciprocidade televisiva entre TV3, IB3 e À Punt.

    18 de marzo de 2025

    O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar axudas destinadas á promoción do coñecemento e uso do aranés. As subvencións, que poden cubrir ata o 80% do custo dos proxectos, están dirixidas a persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro e empresas, sempre que a iniciativa teña unha vinculación directa co aranés ou co Arán.

    17 de marzo de 2025

    A Declaración de Montserrat, promovida pola Rede Vives de Universidades, reafirma o seu compromiso cunha educación superior innovadora, sustentable e inclusiva. Defende unha política multilingüe que combine a vocación internacional coa promoción do catalán e aposta por fortalecer alianzas estratéxicas e proxectos interuniversitarios para incrementar o impacto social e cultural das universidades.

    17 de marzo de 2025

    A oferta de materias en catalán nos mestrados das universidades públicas de Cataluña reduciuse a un terzo, mentres que aumentou en castelán e inglés. Nos graos, a presenza desta lingua segue sendo maioritaria, pero tamén diminuíu lixeiramente nos últimos seis anos. A Universidade de Xirona é a que máis utiliza o catalán (84 %), mentres que a UPF é a que menos (45 %), debido á súa vocación internacional.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder