Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de decembro de 2024

    O Concello de Picassent asinou por primeira vez un convenio coa Academia Valenciana da Lingua para promover o uso e coñecemento do valenciano no municipio. O acordo inclúe accións en toponimia, comunicación e promoción lingüística, así como asesoramento ao persoal municipal e ás asociacións locais. Ademais, prevese o apoio á biblioteca municipal e outras iniciativas conxuntas para fomentar a lingua.

    18 de decembro de 2024

    O Concello de Manresa presentou medidas para garantir o uso do catalán na rotulación exterior dos comercios. A iniciativa parte do Plan estratéxico para a lingua e inclúe campañas de concienciación, advertencias a quen non cumpra e formación en catalán para o persoal de atención ao público.

    Fonte: Diari de la Llengua

    18 de decembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, deulle a benvida no Pazo de San Roque ao persoal bolseiro investigador que se incorpora ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    18 de decembro de 2024

    A Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior colaborarán para favorecer o uso da lingua galega no ámbito da xustiza. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos,  tras asinar un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, dando un paso máis, apuntou, “no proceso para prestixiar e normalizar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración pública”.

    18 de decembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor o novo recurso en liña do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que xeorreferencia os santuarios evocados nas Cantigas de Romaría, unha modalidade das coñecidas como Cantigas de Amigo.

    17 de decembro de 2024

    A política lingüística de Estonia quedará centralizada nunha única responsable: Kairi Kaldoja, recentemente designada como secretaria xeral adxunta de política lingüística no Ministerio de Educación e Investigación.

    Fonte: ERR

    17 de decembro de 2024

    As institucións e entidades adheridas á campaña «A xustiza, tamén en catalán» enviaron unha carta ao secretario de Estado de Xustiza denunciando as dificultades que existen nas Illas Baleares para exercer os dereitos lingüísticos no ámbito xudicial. Reclaman melloras nos sistemas informáticos para permitir a elaboración de documentos bilingües catalán-castelán e a elección do idioma nos procedementos e notificacións.

    17 de decembro de 2024

    A Real Academia Española (RAE) presentou a actualización 23.8 do Diccionario de la lengua española, que incorpora 4074 novidades entre novos termos, acepcións e expresións. Palabras como espóiler, teletrabajar, umami ou rapear reflicten a evolución de ámbitos como a ciencia, a tecnoloxía, a gastronomía ou o deporte. Ademais, a versión electrónica estrea un deseño moderno, cun buscador mellorado e novas funcionalidades para facilitar a consulta.

    17 de decembro de 2024

    A Universidade de Vigo presenta o calendario 2025 da Área de Normalización Lingüística, deseñado polo humorista gráfico Luis Davila, que promove o uso do galego con humor e sensibilidade. A iniciativa, vinculada á campaña Galego de Tranquis, anima as persoas neofalantes a practicar a lingua con tranquilidade e sen medo a cometer erros. Distribuiranse 2000 exemplares impresos e a versión dixital xa está dispoñible.

    17 de decembro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación das publicacións do Instituto de Estudos Carballiñeses ao longo do ano 2024, onde destacou o uso do galego nestes textos no seu 25º aniversario e a colaboración da Xunta de Galicia.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder