A Universidade de Deusto aprobou o seu Plan director de política lingüística 2025-2030, co obxectivo de avanzar cara a un trilingüismo efectivo en castelán, éuscaro e inglés. O documento estrutúrase en catro eixes: docencia, comunidade universitaria, comunicación e compromiso social, e inclúe medidas para ampliar a oferta académica en éuscaro e inglés, mellorar a calidade lingüística e fomentar o uso equilibrado das tres linguas.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Os obradoiros de maxia desenvolveranse en catorce municipios de Cataluña e están dirixidos ás parellas lingüísticas do programa Voluntariado pola Lingua. A actividade, dinamizada polo mago Eduard Juanola, permite practicar o catalán nun contexto lúdico coa implicación das persoas voluntarias.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Xunta de Galicia fixo públicas no Diario Oficial de Galicia as ordes que establecen as bases de dúas convocatorias de axudas destinadas ao libro galego: unha dirixida á tradución para o galego de obras editadas inicialmente noutras linguas e outra destinada á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.
A campaña Mind Cymru busca promover que os pacientes de saúde mental no País de Gales poidan recibir atención na súa lingua materna. Un estudo revela que moitos destes doentes teñen dificultades para se expresaren en galés ao accederen aos servizos sanitarios, o que pode afectar a calidade da súa atención.
Fonte: North Wales Pioneer
A ministra de Infraestruturas de Irlanda do Norte, Liz Kimmins, anunciou que a lingua irlandesa aparecerá na sinalización física da Grand Central Station de Belfast e nas máquinas de billetes.
Fonte: Department of Infrastruture
O Goberno catalán aprobou un plan de choque para ampliar en 30 000 as prazas de formación en lingua catalá, co obxectivo de alcanzar as 140 000 anuais en 2026. A iniciativa, cun investimento de 8,8 millóns de euros, está dirixida a persoas recentemente chegadas e a sectores como a educación, a saúde e o comercio. Inclúe máis cursos, novos formatos, maior frecuencia e unha aposta pola descentralización a través de subvencións aos municipios.
Os concellos de Oarsoaldea impulsan a campaña «Mugitu gorputza, indartu hizkuntza!» para reforzar o uso do éuscaro no comercio e na hostalería, centrada este 2025 nos ximnasios e establecementos vinculados á saúde. A iniciativa ofrece servizos gratuítos como traducións e asesoramento, ademais de materiais como carteis e glosarios. Tamén se premiará o uso da lingua co reparto de agasallos entre a clientela euscaldún. Ata o momento, adheríronse 34 negocios da comarca.
A Comisión Europea presentou o Consorcio de Infraestrutura Dixital Europea da Alianza para as Tecnoloxías da Linguaxe (ALT-EDIC) e o Espazo de Datos Lingüísticos (LDS), dúas iniciativas clave para abordar a escaseza de datos lingüísticos en Europa. O seu obxectivo é facilitar o adestramento de modelos de intelixencia artificial multilingües, reforzando así a diversidade lingüística e a soberanía tecnolóxica da Unión Europea.
Andorra sumouse á petición de Cataluña para que o catalán sexa recoñecido como lingua oficial da Unión Europea. Esta medida permitiría integrar máis facilmente a normativa comunitaria na lexislación andorrana, eliminando a necesidade de traducións desde outras linguas oficiais da UE.
Fonte: El Nacional
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, presentou a adaptación do curso Celga 2 en liña á lectura fácil para facer accesible o coñecemento da lingua a toda a sociedade. Trátase dunha ferramenta dispoñible no Portal da Lingua Galega que, a través desta actualización, permite a autoformación con contidos e información accesible a persoas con discapacidades cognitivas que queiran acadar a certificación no idioma galego.
Boletín
Subscríbase ao boletín


