Novas

Comeza en Santiago a itinerancia da Cova, o xogo das palabras encadeadas nunha nova versión adaptada á era dixital
30 de outubro de 2008

Comeza en Santiago a itinerancia da Cova, o xogo das palabras encadeadas nunha nova versión adaptada á era dixital

Esta instalación de última tecnoloxía percorrerá cinco cidades galegas, nas que convidará a todos os transeúntes a xogar coa lingua galega

A Cova suxire un percorrido que recrea o mito da caverna de Platón, e que servirá para elaborar unha cadea de palabras xigante entre todos os que xoguen

A Praza Roxa de Santiago de Compostela acolle desde o 29 de outubro e ata o vindeiro 2 de novembro, a instalación interactiva A Cova, unha iniciativa xurdida dentro da campaña “En galego tes todo por vivir. Tócache!”, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Cova é unha instalación de última tecnoloxía que ofrece un percorrido no que se recrea o mito da caverna de Platón, e na que todas as persoas que o desexen poderán deixar as súas pegadas, o seu mundo das ideas, a través do xogo das palabras encadeadas. Unha das primeiras persoas en facelo foi a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, que se achegou ata a Praza Roxa de Santiago para participar no xogo.

Os novos recursos tecnolóxicos permitirán construír entre todos os participantes unha cadea xigante de palabras, para o que se contou coa base de datos do Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga), que asegura a corrección das palabras que se insiran na cadea.

Itinerancia
A Cova está indicada para todos os públicos, sen distinción de idade, que recibirán un agasallo pola súa participación. En Santiago, permanecerá ata o vindeiro 2 de novembro. Despois, a instalación trasladarase á Coruña, onde permanecerá os días 7, 8 e 9 de novembro nos Xardíns de Méndez Núñez. Os días 14, 15 e 16 de novembro, o Parque do Barbaña, en Ourense, acollerá esta actividade interactiva, e os vindeiros 21, 22 e 23 será a rúa Urzáiz de Vigo o novo enderezo da Cova. Por último, a Praza Nova de Lugo acollerá esta instalación interactiva os días 28, 29 e 30 de novembro.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder