Novas

Clausúrase a Expolingua de París tras recibir milleiros de visitantes
19 de xaneiro de 2009

Clausúrase a Expolingua de París tras recibir milleiros de visitantes

O recinto acolleu o venres 16 de xaneiro un mini-curso de lingua galega ao que asistiron uns 20 alumnos que puideron pronunciar as súas primeiras palabras no noso idioma

O comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, visitou a feira, que este ano tivo como convidada de honra a Unión Europea

Os visitantes que se achegan ao expositor da Secretaría Xeral de Política Lingüística preguntan pola situación actual do galego e pola oferta formativa que existe en Francia e noutros países europeos

O sábado 17 de xaneiro chegou á súa fin a vixésimo sétima edición da feira Expolangues, que se celebrou en París, coa presenza da lingua galega a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Entre as actividades encadradas dentro da feira, o venres tivo lugar un pequeno e intensivo curso de galego destinado a que as persoas interesadas poidan pronunciar as súas primeiras palabras nesta lingua. Arredor de 20 alumnos participaron nesta actividade, guiada pola profesora lectora de galego na Universidade da Sorbona, Sonia Gómez.

Ademais deste curso, a presenza do galego na feira estivo representada nun expositor da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no que se ofrecía todo tipo de información sobre o galego e a súa situación actual, así como sobre as posibilidades de estudalo en Francia e noutros países de Europa e do mundo. Ademais, no expositor ofrecíanse proxeccións permanentes de pezas audiovisuais sobre Galicia e tamén información en liña sobre os recursos do galego existentes na rede.

A Unión Europea, convidada de honra
Este ano, a institución designada como convidada de honra é a Unión Europea. O comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, visitou a feira, na que presentou as políticas da Comisión en materia de multilingüismo, aprendizaxe de linguas e promoción da diversidade cultural. Ademais, Orban destacou a adopción do compromiso europeo para formar a cidadanía en dúas linguas que complementen a súa lingua materna, para favorecer o crecemento económico, o desenvolvemento persoal e o diálogo intercultural.

Na feira estiveron representadas 60 linguas do mundo, a través de 200 expositores de institucións, centros de ensino, editoriais e empresas relacionadas co ámbito das linguas.

A presenza da Secretaría Xeral de Política Lingüística na Expolangues de París forma parte da estratexia de proxección exterior do galego que a Xunta de Galicia está desenvolvendo nos últimos anos, co fin de reforzar o coñecemento da nosa lingua fóra de Galicia, conseguir novo alumnado nalgún dos 45 centros de estudos galegos que funcionan en universidades de todo o mundo e favorecer o intercambio de ideas coas institucións lingüísticas dos diferentes países.

Próxima cita, en Lisboa
A próxima cita do galego nunha feira destas características será a principios do vindeiro mes de marzo, na Expolingua de Lisboa, onde a convidada de honra será a lingua portuguesa e a lusofonía.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder