Novas

Consolídase o programa de estudos de lingua, literatura e cultura galegas na universidade “La Sapienza”, de Roma
07 de novembro de 2008

Consolídase o programa de estudos de lingua, literatura e cultura galegas na universidade “La Sapienza”, de Roma

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a institución académica italiana acordaron renovar o programa de galego ata o ano 2011

A Xunta de Galicia achega 64.000 euros para financiar as actividades de docencia, promoción e difusión da lingua e para custear a bolsa da lectora

O Consello da Xunta acordou aprobar a renovación do convenio de colaboración existente entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Università degli Studi di Roma “La Sapienza” para consolidar o programa de ensino de lingua, literatura e cultura galegas nesta institución académica.

En virtude deste acordo, o Centro de Estudos Galegos desta universidade italiana terá, durante este curso e ata o ano 2011, o soporte económico necesario para o seu funcionamento, cifrado en 63.976,32 euros, e que achegará a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Este financiamento servirá para sufragar os gastos derivados das actividades académicas e de fomento e difusión do galego e para manter a bolsa da profesora lectora que exerce as súas funcións neste centro de estudos.

O convenio establece como compromisos da universidade, ademais da docencia, a organización de actividades relacionadas coa investigación, a promoción e a difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas, tales como cursos, conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas e exposicións, entre outras, tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia. A profesora lectora, baixo a dirección do responsable do Centro de Estudos Galegos, será a encargada de desenvolver estas actividades, para o que disporá dos medios materiais necesarios.

Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ademais da contribución económica que realizará para o desenvolvemento do programa, encargarase de supervisar as accións acordadas e de comprobar a súa adecuación á finalidade da subvención.

Publicacións
O Centro de Estudos Galegos desta universidade, establecido na Facultade de Ciencias Humanísticas, vén desenvolvendo un importante labor dentro da rede de proxección exterior do galego. Ademais de publicacións sobre Galicia e A Provenza ou sobre a lírica galego-portuguesa, encargouse da tradución comentada d’A Esmorga ao italiano. Outras dúas universidades de Italia, as de Padua e Perugia, contan con centros de estudos galegos.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder