España
Goberno vasco e Autoridade Portuaria de Bilbao asinan un convenio para fomentar o uso do éuscaro no Porto bilbaíno
O Goberno vasco e a Autoridade Portuaria firmaron un convenio de catro anos de duración para lograr un maior uso do éuscaro mediante a súa promoción e normalización.
Fonte: Deia
Proponse que as linguas de signos españolas sexan recoñecidas como Ben Inmaterial de Interese Cultural
Concha Díaz, presidenta da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), propuxo na Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade que as linguas de signos españolas sexan recoñecidas como Ben Inmaterial de Interese Cultural debido á desprotección que sofren as persoas que as empregan.
Fonte: La Vanguardia
Bai Euskarari Elkartea crea a primeira aplicación en éuscaro para buscar emprego
Lansarean, a primeira aplicación en éuscaro para buscar traballo, conta xa con 4000 ofertas, 400 empresas e 2900 usuarios. Foi lanzada por Bai Euskarari Elkartea coa intención de dirixirse aos profesionais que buscan traballo e ás empresas que ofrecen oportunidades laborais.
Fonte: Noticias de Gipuzkoa
Nace unha nova web sobre música en catalán
A enciclopedia de música catalá Viasona estreou unha nova páxina web coa que queren dar unha visión global do sector da música en catalán. O novo espazo incorpora unha sección de actualidade e mellora o acceso á enciclopedia xa existente.
Fonte: El Nacional
A asociación Karrikiri fomenta o emprego de éuscaro en Pamplona
A asociación Karrikiri leva fomentando durante máis de 20 anos o uso da lingua vasca en Pamplona con diferentes iniciativas como bolsas de emprego, busca de pisos entre xente que fale éuscaro, listaxe de comercios euscaldúns e un servizo de tradución.
Fonte: Noticias de Navarra
Segundo un estudo, o 68% das notarías de Cataluña non ofrece redactar escrituras en catalán
O estudo realizado pola Plataforma pola Lingua destacou que tan só o 32% das notarías de Cataluña ofrécelles aos seus clientes escoller o catalán para a redacción de escrituras. Isto contrasta co dato de que o 51,1% da clientela afirmou falar catalán na súa vida cotiá.
Fonte: La Vanguardia
O Día de Internet en Éuscaro centrarase nos dispositivos móbiles
O vindeiro 17 de maio celebrarase en San Sebastián a terceira edición do Día de Internet en Éuscaro, que porá o foco nos móbiles para coñecer que modelos poden utilizarse en lingua vasca.
Fonte: EITB
O aranés recibe un incremento de 15 000 euros nas subvencións para súa promoción
A Dirección Xeral de Política Lingüística do Departamento de Cultura achegará 60 000 euros para a promoción e o coñecemento do aranés.
Fonte: Gencat
Instan a respectar o topónimo "València" nos sinais de tráfico
A Plataforma per la Llengua pediulles ao Síndic de Greuges (Valedor do Pobo na Comunidade Valencia) e ao Ministerio de Fomento que se respecte a denominación "València" nos sinais de estradas, autovías e autoestradas. Esta denominación é oficial dende a publicación do Decreto 16/2017.
Fonte: La Vanguardia
Política Lingüística lanza unha nova liña de axudas para impulsar a lingua de signos catalá
Esta nova liña de axudas convocada pola Dirección Xeral de Política Lingüística está dirixida a proxectos de fomento e difusión da lingua de signos catalá e conta cunha dotación económica de 40 000 euros.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Boletín
Subscríbase ao boletín