Novas

O boletín do Observatorio da Lingua Galega estrea versións en inglés e español
05 de febreiro de 2009

O boletín do Observatorio da Lingua Galega estrea versións en inglés e español

O boletín do Observatorio da Lingua Galega, Novas de Linguas, estrea esta semana versións en inglés (News on Languages) e en español (Boletín de Lenguas). Con esta iniciativa, preténdese conseguir un maior número de subscritores, que na actualidade superan os 850, e converterse así nunha fonte de información de referencia en materia de linguas non só en Galicia, senón tamén no resto de España e do mundo.

Dende o mes de setembro de 2008 xa era posible consultar a web do Observatorio da Lingua Galega en inglés e español, aínda que só os contidos estáticos. A partir de agora, progresivamente todas as seccións estarán dispoñibles nas tres linguas, de xeito que se avanza un paso máis na accesibilidade lingüística da web, o que facilitará as visitas de persoas interesadas nos temas lingüísticos e, desta maneira, a proxección exterior da lingua galega. O obxectivo é que esta web se converta así nun espazo de promoción non só da lingua galega, senón da diversidade lingüística en xeral.

Desde que botou a andar no mes de xuño de 2008, a páxina web do Observatorio recibiu un total de 11833 visitas de procedencias xeográficas moi variadas, desde diversos países de Europa (como Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña...), ata América (Arxentina, EEUU, México, Brasil, Chile...) ou mesmo Asia (Xapón e Malaisia) e África (Marrocos).

A sección que máis interese esperta é, sen dúbida, a de actualidade, onde se inclúen as noticias, seguida da de estatísticas, na que se poden consultar os datos dos diferentes estudos realizados ata o momento polo Observatorio da Lingua Galega.

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder