Galicia
Caixa Galicia pon en marcha unha web para mellorar o galego dos seus empregados
Caixa Galicia vén de crear o blog 'Galeteca' -http://www.galeteca.com-, unha ferramenta que nace co obxectivo de achegar e mellorar o uso do galego dos seus empregados e clientes, así como de calquera persoa interesada na lingua do país, especialmente a empregada no mundo das finanzas, segundo informou a entidade financieira.
Fonte: GZnación
Renóvase o dicionario en liña inglés–galego máis completo
Vén de presentarse a segunda edición do Dicionario CLUVI inglés-galego, un glosario que achega 20 mil entradas e 30 mil acepcións con cadanseu exemplo de uso real tirado dun corpus de máis de oito millóns de palabras.
Fonte: Vieiros
Empresas do sector turístico reciben cartas para que utilicen o galego na súa actividade
Algunhas empresas do sector turístico están recibindo presións para que inclúan o galego na súa actividade, mediante unha serie de cartas remitidas pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Fonte: Nexotur
Comeza en Ferrol, Pontevedra e Ourense a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino
A totalidade das prazas ofertadas nesta actividade, 50 en cada cidade, quedou cuberta por profesionais do ensino primario e secundario
O programa estrutúrase en seis sesións, nas que se abordarán a planificación sociolingüística, o proxecto lingüístico de centro e as iniciativas que se están desenvolvendo con éxito en diferentes comunidades
Continúa aberto o prazo de inscrición, ata o 14 de novembro, para as cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo
As cidades de Ferrol, Pontevedra e Ourense acollen, a partir do 1 de outubro, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino. As xornadas están organizadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Esta actividade, destinada ao profesorado de ensino primario e secundario, tanto dos centros públicos coma dos privados, contou con moi boa acollida entre os docentes, que cubriron a totalidade das prazas dispoñibles, 50 en cada cidade.
Os seminarios están pensados para darlle formación ao profesorado que debe desenvolver no seu centro labores de planificación lingüística co fin de acadar a competencia plurilingüe que marca a lexislación.
Tres das seis sesións das que consta o seminario están dedicadas ao proxecto lingüístico de centro e á planificación sociolingüística. Para iso, contarase coa participación dunha especialista da Comunitat Valenciana, Montserrat Ferrer, que ofrecerá formación teórica. Ademais abordaranse experiencias concretas de centros que están desenvolvendo a planificación sociolingüística e realizarase un obradoiro no que os asistentes, distribuídos en grupos de traballo, acometerán supostos prácticos.
Os seminarios tentan, así mesmo, presentar alternativas viables e realistas que se están a desenvolver na actualidade e que poden valer de referente para impulsar o incremento de usos da lingua, tanto na comunidade educativa como no seu contorno.
As iniciativas de fomento do uso do galego oral e de utilización das novas tecnoloxías na aula tamén terán cabida nestes seminarios, que ano tras ano esgotan o número de prazas ante a gran demanda existente no profesorado.
En Ferrol, o seminario desenvolverase no IES de Canido; en Pontevedra será na Escola Oficial de Idiomas e en Ourense no IES Universidade Laboral. Nos tres casos, as sesións comezarán o 1 de outubro, e prolongaranse durante os días 2, 3, 7, 8 e 9 do mesmo mes, sempre a partir das 18,00 horas.
Tamén en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo
Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo tamén acollerán este seminario, pero nos meses de novembro en decembro. As sesións iniciaranse o 25 de novembro, e continuarán o 26 e o 27 do mesmo mes e os días 2, 3 e 4 de decembro. No caso de Compostela, o seminario realizarase no IES As Fontiñas; na Coruña será no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico de Lugo e en Vigo no IES Politécnico de Vigo. Nestes casos, o prazo de matrícula remata o 14 de novembro.
Os asistentes recibirán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Todos os profesores e as profesoras que desexen asistir aos seminarios deben inscribirse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fprof.
Fonte: Xunta de Galicia
Xa está na rede o navegador Firefox 3 en galego
A nova versión do navegador Firefox 3, que se anunciara para o 25 de xullo, xa se pode descargar no noso idioma. Agora ben, grazas ao traballo dun amplo grupo de voluntarios, está en fase “beta”, que pode durar arredor dun mes. Pasado ese tempo, o navegador galego estará xunto ás máis de corenta traducións en diferentes linguas do mundo.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Mesa pola Normalización Lingüística abre expedientes a comerciantes
A plataforma para a defensa do uso do galego, unha entidade privada, ameaza por carta propietarios de tendas que usan o castelán nos seus escaparates e rótulos.
Fonte: La Opinión
O Bloque denuncia que hai áreas da Xunta que incumpren o Plan de normalización
O deputado nacionalista Bieito Lobeira dedicou o pasado 2 de outubro unha rolda de prensa a criticar a actitude "pasiva" ou de "ataque" dalgúns sectores do PP con respecto ao idioma galego. Evitou, en todo momento, referirse aos socios do BNG na Xunta. Pero, ao final, chegou a quenda de preguntas e a Lobeira non lle quedou máis remedio que contestar. "Hai áreas do Goberno nas que non se está a aplicar o decreto do galego" aprobado en 2007. "Cómpre que o Goberno se poña as pilas e cumpra co plan" de normalización.
Fonte: El País
A Academia Galega da Língua Portuguesa comeza a súa andaina a vindeira semana
No acto de presentación participarán personalidades da vida cultural, universitaria e política de Galicia, e representantes da Academia das Ciências de Lisboa e da Academia Brasileira das Letras.
Fonte: Vieiros
O uso do galego no comercio enfronta o alcalde da Coruña coa Mesa pola Normalización Lingüística
A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou que estuda a posibilidade de emprender accións legais contra Javier Losada, alcalde da Coruña, polas súas declaracións en Radio Voz, especialmente pola frase «en democracia sobran os inquisidores». O alcalde entraba así na polémica sobre o envío de cartas aos comerciantes e empresarios por parte da Mesa para, segundo a entidade, «vixiar ou cumprimento da lei ou evitar discriminacións».
Fonte: La Voz de Galicia
Un foro analiza a relación entre o audiovisual e a lingua galega
¿O futuro da industria do cine pasa pola lingua? ¿Cal é o mercado das producións feitas en lingua minorizadas? Estas son algunhas das cuestións que se porán sobre a mesa no foro A lingua fendida. O audiovisual e o galego (14 e 15 de outubro) que organiza a Academia Galega do Audiovisual.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase al boletín