Galicia

Celébranse os 25 anos de lingua estándar do galego

O estándar da lingua cumpre o seu primeiro cuarto de século se tomamos como punto de partida a publicación das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego. A Xunta de Galicia refrendou aquelas Normas, aprobadas un ano antes pola Academia Galega da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.
Pasaron só vinte e cinco anos, mais o contexto sociolóxico, político e lingüístico mudou, nalgún caso de xeito notable. Desde a II República española empezárase a traballar seriamente, por parte das institucións científicas vinculadas ao grupo Nós, nunha escritura unificada para o noso idioma. Se nos países con Estado propio (Grecia) ou cunha pequena burguesía proclive ao idioma (Cataluña) as discusións sobre o modelo de lingua escrita cobraron no seu día gran virulencia, no caso galego engadíanse dificultades aínda maiores.

Fonte: Galicia Hoxe

O II Encontro de Política Lingüística afondará no emprego do galego e na cooperación entre concellos

O II Encontro de Política Lingüística desde as administracións locais da Coruña pretende dar a coñecer propostas de acción e coordinación para a promoción social do uso do galego e deseñar liñas de cooperación entre concellos.

Fonte: Galicia Hoxe

Remata o prazo para solicitar subvencións dirixidas a potenciar o uso do galego nos centros de ensino públicos

* Política Lingüística destina un millón de euros a esta convocatoria, o que supón un incremento de 200.000 euros respecto da contía establecida no pasado exercicio
* O prazo para entregar as solicitudes remata o 6 de outubro
* O financiamento máximo para os centros con máis de 50 alumnos e alumnas será de 2.500 euros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convocou en setembro pasado subvencións por un importe total de un millón de euros para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino non universitario de Galicia que dependen da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O luns, 6 de outubro, remata o prazo establecido para a presentación das solicitudes de axudas con cargo a esta convocatoria.

As solicitudes deberán remitirse aos gabinetes provinciais da Secretaría Xeral de Política Lingüística, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia. A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros, non considerándose válida a data de saída do rexistro do centro de ensino.

O financiamento máximo para os centros con máis de 50 alumnos e alumnas será de 2.500 euros, 600 euros para os que conten cun número de estudantes de entre 25 e 50, e 400 euros para os centros con menos de 25 alumnos.

Incremento
Nesta edición, Política Lingüística decidiu incrementar en 200.000 mil euros a contía destinada a esta liña de subvencións respecto da asignada o ano pasado, co obxectivo de achegar máis recursos e beneficiar máis centros.

Por outra banda, o departamento que dirixe Marisol López, tendo en conta a petición feita por parte dos equipos de dinamización e normalización lingüística dos centros de ensino, acordou adiantar este curso a publicación da convocatoria de axudas para que colexios e institutos poidan dese xeito planificar as súas iniciativas cun orzamento pechado xa na primeira parte do período académico. Ademais, os centros adxudicatarios dos incentivos recibirán, no mes de decembro, un anticipo da cantidade concedida.

Para resolver a adxudicación das axudas terase en conta, fundamentalmente, a calidade dos proxectos, que terá un peso do 80 por cento, e ponderarase tamén o número de estudantes de cada centro.

Na resolución publicada a comezos de setembro no Diario Oficial de Galicia, establécese que os criterios de calidade que se avaliarán serán: a implicación activa dos distintos membros da comunidade no proxecto, a orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais da lingua, a potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade, a utilización de novas tecnoloxías, a colaboración con outros organismos alleos ao centro, a diversificación de actividades e a realización de proxectos plurianuais.

Fonte: Xunta de Galicia

Unha sentenza asegura que Paco Vázquez non incorreu en delito ao usar o topónimo «La Coruña»

O ex alcalde Francisco Vázquez non cometeu delito ningún de desobediencia ou prevaricación ao incumprir as sentenzas que lle obrigaban a usar o topónimo A Coruña, en lugar de La Coruña, segundo unha sentenza do Xulgado número 5 da Coruña divulgada polo Movemento polos Dereitos Civís (MpDC).

Fonte: La Voz de Galicia

Iníciase unha campaña contra a visión "negativa" da lingua galega

O concello de Pontevedra iniciou unha campaña para promover o uso da lingua galega en corenta centros educativos do municipio, informou a concelleira de Normalización Lingüística, Anxos Ribeiro.

Fonte: Galicia Hoxe

Un grupo de quince profesionais de Brasil estudan en Santiago un curso de lingua galega e o Camiño de Santiago

Un grupo de quince profesionais procedentes de Brasil iniciaron a programación do I Curso de Lingua e Camiño de Santiago, organizado pola Universidade compostelá en colaboración coa Dirección Xeral de Turismo, no que estudarán simultaneamente lingua galega e nocións do Camiño compostelán.

Fonte: Europa Press

A Academia Galega da Língua Portuguesa preséntase en Santiago

A Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), constituída o 20 de setembro de 2008 e presidida polo profesor José-Martinho Montero Santalha, celebrou a súa sesión inaugural o 6 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea.

Fonte: El Correo Gallego

Continúa a campaña "Quen sabe galego sabe máis", desta vez en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística e as concellerías de Normalización Lingüística e de Educación do concello de Pontevedra poñen en marcha nos 40 centros de ensino da cidade a campaña "Quen sabe galego sabe máis" para difundir os efectos positivos do uso do galego na docencia.

Fonte: CTNL

Un estudante da UNED loita polo dereito a presentar a tese en galego nesta universidade

Héitor Mera presentou na sede central da UNED (Universidad Nacional de Educación a Distancia) en Madrid unha tese de licenciatura sobre a vida e a obra do poeta cangués Bernardino Graña. O traballo foi inicialmente rexeitado por estar escrito en galego, pero o autor rebelouse e moveu fíos administrativos e políticos ata lograr que se aceptase e se lle concedese o Diploma de Estudios Avanzados (DEA), un título académico oficial.

Fonte: Faro de Vigo

A Universidade de Santiago acerca á cultura e á lingua galega o alumnado estranxeiro a través dun programa de acompañamento

A Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística e co financiamento da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, vén de poñer en marcha a 2ª edición do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE), dirixido aos alumnos de intercambio participantes nos Programas Sócrates-Erasmus, Séneca-Sicue e Convenios Bilaterais, que ten a finalidade de dar a coñecer a cultura e lingua galegas aos estudantes estranxeiros.

Fonte: XornalGalicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder