Galicia

O PSOE exerce presión para retirar unha moción do BNG sobre o galego

Unha semana despois de que PSdeG e Bloque, o presidente, Emilio Pérez Touriño, e o seu número dous, Anxo Quintana, escenificasen no hemiciclo o seu total entendemento durante o debate sobre o estado da autonomía, os partidos que integran a coalición que manda na Xunta de Galicia volveron chocar, esta vez a causa dunha proposición non de lei presentada polo deputado nacionalista Bieito Lobeira. A iniciativa busca "revalidar o compromiso adquirido coa aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega", aprobado por unanimidade en 2004.

Fonte: El País

“As nosas palabras, os nosos mundos” chega a Vigo para difundir o plurilingüismo como oportunidade de negocio

A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima do 24 de outubro ao 7 de novembro
No marco da mostra, celebrarase a xornada “A idade dixital do galego”, na que representantes de Google e Microsoft analizarán a importancia da incorporación de estratexias plurilingües como oportunidade de negocio no ámbito tecnolóxico
A exposición continúa a súa itinerancia, tras recibir en Bruxelas un amplo apoio institucional encabezado polo comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban

Tras a súa estadía en Bruxelas, a exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística “As nosas palabras, os nosos mundos” chega á Estación Marítima de Vigo, onde permanecerá do 24 de outubro ao 7 de novembro. Na cidade olívica, a mostra incidirá no plurilingüismo como unha oportunidade de negocio, xa que cada vez son máis os consumidores que reclaman ser atendidos na súa lingua. Neste sentido, a mostra pon de manifesto o uso do galego como un valor engadido para mellorar a competitividade das empresas.

As demandas dos usuarios levan ás empresas a cambiar as súas estratexias para abrirse paso nos mercados locais coa súa vocación global. Neste cometido, as novas tecnoloxías constitúen unha oportunidade. O galego conta xa con ferramentas como tradutores automáticos, dicionarios electrónicos ou contornos de traballo informáticos. Este é o eixo temático da xornada “A idade dixital do galego”, que se realizará no marco da exposición o vindeiro 28 de novembro. Nela participarán representantes das empresas Google e Microsoft en España, moderados polo director da Escola Universidade de Vigo. No evento, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.
A exposición conta cun sitio web paralelo, www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á mostra e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.

Amplo apoio institucional en Bruxelas
“As nosas palabras, os nosos mundos” pasou por xa por Santiago de Compostela, por Vilagarcía de Arousa, por Bilbao e por Bruxelas. Na capital europea estivo instalada nas dependencias da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea, no Edificio Madou, onde traballan máis de 2.000 funcionarios. Alí, a mostra contou con amplo apoio das institucións europeas, encabezadas pola directora xeral de Educación da Comisión Europea, Odile Quintin, e polo comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban.

Desde as orixes ata hoxe
“As nosas palabras, os nosos mundos”, celebrada no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, permítelles aos visitantes achegarse ao galego e á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, éuscaro, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
O punto de partida da mostra é “As orixes”, que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe. A visita desemboca na “árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas. No módulo denominado “Isto é galego” o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días.

Os contidos do terceiro bloque, que lle dá nome á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística e poñen en valor o plurilingüismo.
O último tramo da mostra, “A nosa lingua na nosa vida” é o que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se achegan exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine.

De Vigo a Madrid
Despois de Vigo, Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante. “As nosas palabras, os nosos mundos” poderá visitarse no Círculo de Belas Artes en novembro. Tamén poderá verse noutras cidades como A Coruña, Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.

Fonte: Xunta de Galicia

Centos de persoas piden na Coruña polo ensino só en castelán

Máis de 3.000 persoas, segundo a Mesa por la Libertad Lingüística (MLL), e unhas 450, segundo a Policía local, manifestáronse o domingo 19 de outubro polas rúas da Coruña para reclamar o dereito a aprender só en castelán.

Fonte: Galicia Hoxe

A Consellería de Educación de Galicia edita guías escolares en dez idiomas para inmigrantes

A Consellería de Educación editou unhas guías en dez linguas para facilitar a comunicación entre os docentes e as familias dos 13.165 nenos inmigrantes que cursan os seus estudos en Galicia. Os manuais recollen preguntas e afirmacións habituais, circulares e información básica traducidas ao árabe, chinés, romanés, ruso, francés, alemán, inglés, portugués, galego e castelán.

Fonte: El País

A Universidade de Vigo incorpórase ao programa de Voluntariado de Activación Lingüística

Unha persoa que teña habilidade de expresión oral en galego e outra que queira aprender a falar nesta lingua, poden, tamén agora na Universidade Vigo, poñer en común os seus intereses a través do programa de Voluntariado de Activación Lingüística, unha iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e A Mesa pola Normalización Lingüística, e na que a partir de agora se integran a Universidade de Vigo e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Fonte: DUVI

O grupo comarcal lugués da Mesa inicia unha campaña pola galeguización de tanatorios e establecementos funerarios

O colectivo lugués da entidade en defensa da lingua seguirá co seu labor de seguimento á situación do galego no ensino, nas administracións públicas e no SERGAS.

Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

O colectivo de Nais e Pais polo Ensino en Galego reclama que se aplique o decreto da lingua

O movemento de Nais e Pais polo Ensino en Galego (NPEG) reclamoulle á Consellería de Educación que adopte as medidas necesarias para que o decreto de galeguización do ensino se aplique en todos os centros educativos e “que se poña fin á situación calamitosa pola que pasa o idioma propio de Galicia neste ámbito, especialmente en infantil e primaria”.

Fonte: GzNación

Xa se pode descargar en galego a versión 3.0 do OpenOffice.org

Hai unhas semanas, publicouse a versión 3.0 do paquete ofimático OpenOffice.org, o paquete ofimático de software libre máis importante da actualidade, do que xa se pode descargar a versión en galego.

Fonte: CTNL

Galicia Bilingüe cifra en 2.000 as solicitudes para pedir que a Xunta lles deixe elixir o idioma de estudo na escola

A Asociación Galicia Bilingüe considera "un éxito" a campaña de presentación de escritos nas oficinas da Inspección Educativa de cinco cidades galegas para reclamar que se respecten os dereitos lingüísticos dos seus fillos. En concreto, foron ao redor de 2.000 os pais que lle solicitaron á Xunta que lles deixe elixir aos seus fillos o idioma de estudo.

Fonte: Galicia Hoxe

O PP vota en contra do plan de normalización do galego porque o BNG non lle ofreceu un pacto

Os conflitos polo idioma entraron plenamente no Parlamento, sobre todo para poñer a proba a munición ante a batalla electoral. O debate sobre unha iniciativa do deputado nacionalista Bieito Lobeira para que a Cámara "revalidara" o seu compromiso co Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por todos os grupos cando Manuel Fraga presidía a Xunta, finalizou cos 37 parlamentarios do PP proferindo apupos mentres os representantes de PSOE e BNG abandonaban o hemiciclo entre risas maliciosas.

Fonte: El País

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder