Galicia

"Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua", campaña que vincula a defensa do galego con outras loitas sociais xustas

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizan conxuntamente a campaña “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua".
Co ánimo de vincular a defensa e promoción do idioma galego con outras loitas sociais xustas, e coincidindo coa celebración o vindeiro 25 de novembro do Día da Non-Violencia contra as Mulleres, estas tres entidades queren sensibilizar a sociedade de que o abandono histórico do uso da súa lingua por parte das mulleres, e as súas motivacións, debe ser entendido tamén como un tipo de violencia de xénero.
O acto consistirá nunha lectura pública de textos e terá lugar o vindeiro 25 de novembro, a partir das 10:00 h, na Praza da Fariña (A Coruña).

Fonte: Consello da Cultura Galega

As empresas do sector nupcial selan en Compostela o seu compromiso co idioma galego

A Asociación de Cerimonias, a primeira iniciativa do sector galego neste sentido, estará aberta a partir de agora á incorporación de todas as empresas que o soliciten e cumpran co decálogo de boas prácticas, no que se establece un compromiso coa lingua galega na identidade corporativa, na comunicación e en todos os seus procesos.

Fonte: Galicia Hoxe

Os comerciantes suxiren que non se pode rotular en galego porque ás veces o idioma é minoritario no país

O presidente da Federación Galega de Comercio (FGC), José María Seijas, criticou as axudas dirixidas a potenciar que se rotulen en lingua galega os establecementos porque, na súa opinión, hai zonas do país nas que se fala outro idioma e o comerciante debe utilizar outra lingua de mercadotecnia.

Fonte: Galicia Hoxe

O Parlamento galego esixe o uso non sexista da lingua

Os tres grupos con representación no arco parlamentario galego aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei na que se reclama unha nomenclatura das ocupacións 'acorde cun uso non sexista da linguaxe' nas estatísticas oficiais.

Fonte: A Nosa Terra

A segunda edición da xornada Xustiza e Lingua analizou o estado do galego na xustiza

A segunda edición da xornada "Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización" foi inaugurada e moderada polo decano do colexio de avogados compostelán, Evaristo Nogueira Pol, quen manifestou o seu compromiso co proceso normalizador que está a vivir a súa entidade. Nogueira fixo un breve repaso por algunhas das principais accións levadas a cabo neste sentido durante os últimos anos. No seu percorrido destacou coma positiva a continuidade da propia xornada, que botou a andar no pasado ano con moi bo acollemento. Tamén se referiu á publicación da revista colexial Avogacía Compostelá, editada integramente en galego, ou a variada oferta formativa en lingua galega dirixida ás/aos profesionais colexiados.

Fonte: Colexio de Avogados de Santiago de Compostela

O incremento nos orzamentos da Consellería de Educación permitirá afianzar programas destinados ao fomento do multilingüismo

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que ascenden a 2.389 millóns de euros

A Administración educativa aposta pola mellora do éxito escolar do alumnado galego incrementando un 23% o orzamento para os programas PROA, de éxito escolar destinado a centros e de diminución do abandono

A titular do departamento educativo galego salientou que en 2009 se investirá un 20% máis que este ano no programa de apertura de centros fóra do horario lectivo, no que participan actualmente máis de 700 centros de 175 concellos

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2009, que ascenden a 2.389 millóns de euros. Esta cifra, segundo destacou a máxima responsable da Administración educativa autonómica, supón un incremento do 4,5 % con respecto aos orzamentos do ano 2008. Así, Sánchez Piñón destacou que “nuns orzamentos marcados polo rigor e a austeridade, o Goberno galego situou a Educación, unha vez máis, entre as súas prioridades, incrementando as contas por riba da media de todo o Executivo: 4,5% fronte a 4,2% do Goberno”. A conselleira de Educación salientou que “esta importante aposta tradúcese nunha serie de accións prioritarias para o ano 2009 que consolidan proxectos iniciados en anos anteriores, esenciais para a consecución dos obxectivos de toda a lexislatura”.

No tocante aos programas de mellora do éxito escolar, a titular do departamento educativo galego referiuse aos programa PROA, ao de éxito escolar destinado a centros e ao de diminución do abandono, aos que se destinarán en 2009 un total de 13,3 millóns de euros, un 23% máis con respecto ao 2008. Así, Sánchez Piñón indicou que este curso uns 112.000 alumnos de 650 centros públicos se benefician do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería neste eido.

Dentro do apartado de igualdade de oportunidades, a conselleira de Educación indicou a aposta por “tres programas clave para este departamento” o vindeiro ano: mellora dos servizos complementarios, reafirmando así o esforzo realizado en comedores escolares nos últimos anos; consolidación do programa de gratuidade de libros de texto; e a extensión do programa de apertura de centros fóra do horario lectivo.

Con respecto a esta iniciativa, Laura Sánchez Piñón sinalou que este curso 2008/09 participan no programa máis de 700 centros pertencentes a 175 concellos. A conselleira de Educación salientou que, para a continuación desta medida, a Administración educativa “conta para o vindeiro ano con 3 millóns de euros, en colaboración co Ministerio de Educación”, o que supón un incremento do 20% en relación ao ano 2008.

No eido do multilingüismo, a titular da Administración educativa autonómica destacou que este departamento destinará o vindeiro ano máis de 7 millóns de euros a todos os programas de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, entre os que sinalou o incremento de seccións bilingües, as axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante o verán, e a aposta pola creación de novas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas.

Neste senso, Sánchez Piñón indicou que os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano permitirán complementar a liña de axudas -iniciada en 2006- destinadas ao alumnado de ESO e bacharelato co obxectivo de mellorar a súa competencia lingüística mediante estadías no estranxeiro. Así, Sánchez Piñón destacou que, nesta lexislatura, “o Goberno galego terá concedido un total de 7.094 bolsas para estudar idiomas en países como Reino Unido, Irlanda, Francia ou Canadá”, unhas accións que sumarán un total de 12 millóns de euros.

Aposta polas novas tecnoloxías e a mellora das infraestruturas
A conselleira de Educación referiuse tamén á aposta do seu departamento por “uns centros de ensino que sexan dinamizadores e integradores de do seu contorno xeográfico, de modo que se convertan en motores cívicos e sociais”. Así, indicou que o equipamento e fomento das tecnoloxías da información e a comunicación se ten convertido nun dos eixes para acadar este obxectivo. Neste apartado, Laura Sánchez Piñón indicou que “o vindeiro ano destinaremos máis de 4 millóns de euros ao canleado dos centros educativos”.

No tocante á actualización de infraestruturas existentes e á construción doutras novas, a titular de Educación indicou que o vindeiro exercicio a Administración educativa galega destinará máis de 33 millóns de euros a este apartado. Sánchez Piñón salientou que todas as accións neste senso se realizarán na etapa de educación infantil e primaria “de cara a acadar uns centros de ensino acordes coa sociedade actual”. Neste senso, a conselleira destacou que “incrementamos o 32,7% con respecto ao ano 2008, atendendo así as necesidades do sistema educativo, que como todos vostedes saben se están rexistrando nas primeiras etapas de escolarización”.

Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica salientou a aposta do seu departamento polo ensino postobrigatorio. Neste apartado, Sánchez Piñón referiuse ao impulso das ensinanzas de Formación Profesional, que se reflicte no incremento do 9,1% experimentado polo orzamento para FP nos orzamentos do vindeiro ano, así como na partida destinada á formación do profesorado destas ensinanzas, que rexistra unha suba do 97,8% con respecto ao 2008. Ao mesmo tempo, a conselleira salientou que os orzamentos do seu departamento para 2009 consolidan tamén a aposta do Goberno pola modernización do Sistema Universitario de Galicia.

Incremento global por riba do 30%
Laura Sánchez Piñón destacou o “peso fundamental” que a Educación está a ter nesta lexislatura, “tal e como o demostra o incremento global do seu orzamento entre os anos 2005 e 2009 por riba do 30%”. “Superamos en máis de 10 puntos as propias previsións do Goberno galego, que se propoñía incrementar estas achegas un 20% en toda a lexislatura”, salientou Sánchez Piñón, ao tempo que amosou a “satisfacción de confirmar que este obxectivo está cumprido”.

Fonte: Xunta de Galicia

Google e Microsoft analizan a importancia de aplicar estratexias plurilingües no ámbito das novas tecnoloxías

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta en Vigo unha xornada baixo o título “A idade dixital do galego”, no marco da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”

Oitocentos alumnos dunha decena de centros educativos de secundaria visitarán a devandita mostra durante esta semana e a seguinte

Representantes de Google e Microsoft analizan o martes 28 de outubro en Vigo, ás 19:30 horas nas instalacións da Estación Marítima, a importancia de aplicar estratexias plurilingües como unha oportunidade de negocio no ámbito das novas tecnoloxías da comunicación e da información. Farano durante a celebración da xornada “A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa”, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da estancia en Vigo da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”. Este encontro está aberto a todo tipo de públicos.

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presidirá a devandita xornada, na que tamén intervirán o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada; o director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, Luis Collado; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo.

A incorporación progresiva das diferentes linguas favorece a penetración das empresas tecnolóxicas nos mercados locais. A aposta polo uso do galego nos produtos informáticos é hoxe unha realidade nas empresas máis destacadas de ámbito internacional.

Visitas á exposición
Durante esta semana e a seguinte, está previsto que visiten a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” preto de oitocentos alumnos pertencentes a unha decena de centros educativos de secundaria de Vigo e da súa área xeográfica de influencia. Co fin de familiarizar os máis novos coa diversidade das linguas do mundo e mais coa propia lingua galega, a visita guiada acompáñase dunha unidade didáctica para profesores e alumnos.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.

Ademais, conta cun sitio web paralelo www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.

Outras visitas
A maiores das visitas de carácter escolar, membros de asociacións culturais da cidade viguesa teñen programado visitar tamén a exposición coas explicacións e as actividades suxeridas por un monitor, que os axudará a descubrir os contidos de forma amena e didáctica.

Fonte: Xunta de Galicia

O escritor chinés Gao Xinjiang, impresionado coa diversidade lingüística española

O escritor chinés Gao Xinjiang, galardoado en 2000 co Premio Nobel de Literatura, mostrouse "encantado e impresionado" coa riqueza cultural de España e a súa diversidade lingüística. O autor descubriu na súa visita á comunidade a existencia da lingua galega, e afirmou ante a súa editora que "sería unha honra" que as súas obras fosen traducidas a esta lingua.

Fonte: El Correo Gallego

Touriño destaca que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” durante a sinatura dun convenio con Aclunaga

O titular do Goberno de Galicia presidiu a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga) para a promoción da lingua galega no sector

Lembra que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia”

Marca como obxectivo lingüístico do Goberno galego conseguir que “as xeracións que están hoxe a estudar en Educación infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”

Asegura que “son cada vez máis numerosas as empresas actuantes en Galicia que queren sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”

Xustifica que “o galego precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente non precisa o castelán”

Promete non baixar a garda e seguir traballando cos axentes sociais para “plantarlle cara á crise” con todos os medios e coa forza da “unidade, o consenso, a capacidade de negociación o acordo e a vontade de superar esta situación”

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o galego é un factor de “unidade e de identificación colectiva” na Comunidade Autónoma, e rexeitou polémicas entre o galego e o castelán: “a elección está clara, os dous”. O titular da Xunta fixo estas declaracións tras presidir o martes 28 de outubro en Vigo a sinatura dun convenio entre a Xunta e a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga).

O máximo mandatario galego precisou que este non é o primeiro convenio que a Xunta de Galicia asina con “empresas sobranceiras e actuantes en Galicia”, senón que aquelas que hoxe asinan este convenio se unen a unha longa lista de firmas “do máis alto nivel e recoñecemento” que están “decididas a impulsar e promover o galego no mundo empresarial”, así como a “sumarse ao empeño colectivo de recuperar e dignificar a lingua galega”, entre as que se contan “relevantes adegas galegas, ata holdings multinacionais da comunicación, como Microsoft, Dell ou HP”, indicou.

Emilio Pérez Touriño asegurou que en Galicia existe “un amplísimo consenso social arredor da lingua”, pois a “inmensa maioría dos galegos, sen distingos ideolóxicos, políticos ou sociais, quere que o galego sexa un idioma vivo e operativo, presente e normalizado en todos os ámbitos da vida do país”, afirmou. “Quero dicir aquí, con total claridade o debate non é entre o galego e o castelán. O obxectivo de Galicia hoxe non pode ser que nos dediquemos a polemizar entre galego e castelán, porque a ese respecto a elección está claro: galego e castelán, os dous”, remarcou.

Neste sentido, Touriño apelou a brindar toda axuda á lingua propia de Galicia, xa que o galego “precisa de apoios e de esforzos dos que, afortunadamente, non precisa o castelán”, apuntou, explicando que son necesidades derivadas das “circunstancias históricas e as concepcións centralistas de España, que situaron ao galego nunha situación anómala, nunha situación de inferioridade e falta de recoñecemento”.

O presidente da Xunta lembrou que “o idioma galego é un dos grandes distintivos de Galicia”, comparable “á ría de Vigo, á Catedral de Santiago ou á Costa da Morte”, en definitiva “un dos principais constitutivos da identidade de Galicia,” ademais “dun factor de unidade e de identificación colectiva”, do que é consciente toda a sociedade galega e por iso, indicou Touriño “son moi poucos os que queren converter ese elemento de unión nunha divisoria infranqueable ou nunha ferramenta para a disputa, o conflito ou a segregación educativa e social”, precisou. Por esta razón, subliñou, que “como galegos sensatos”, “non podemos “mostrarnos indiferentes cara ao presente e co futuro da lingua galega”.

Educando as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia
O máximo responsable do Goberno autonómico indicou que o “obxectivo lingüístico do Goberno galego é “conseguir que as xeracións que están hoxe a estudar Educación Infantil, Primaria e Secundaria sexan as primeiras xeracións plurilingües da historia de Galicia”, e que “saiban desenvolverse perfectamente en castelán, galego, en inglés e noutros idiomas estranxeiros”. Un obxectivo, que pola súa importancia no futuro nos seguirá esixindo “formación, profesionalidade, coñecemento e competitividade”, destacou Touriño, quen asegurou que grazas á “educación bilingüe en galego e castelán” estas xeracións “van ver favorecida a súa aprendizaxe doutras linguas, como o portugués, o francés e o italiano”.

Por este motivo, Pérez Touriño situou o verdadeiro debate, no plurilingüismo e non “nunha suposta batalla entre galego e castelán que a convivencia cidadá desmente diariamente”. Así o presidente da Xunta confesou sentirse orgullo das políticas públicas postas en marcha “para que os fillos dos traballadores poidan viaxar ao estranxeiro no verán para aprender inglés ou francés”, anteriormente só permitidas ás familias de rendas máis altas; ou que “cada ano sexa máis e máis alto o número de colexios do sistema público educativo que ofrecen aulas bilingües ou que incorporan á súa oferta docente programas de anticipación para a aprendizaxe temperá de linguas estranxeiras”; así como da crecente demanda e oferta de prazas nas Escolas Oficiais de Idiomas, garantindo que “hoxe todo cidadán que queira aprender idiomas ten oferta pública suficiente para poder facelo”, puntualizou.

Fonte: Xunta de Galicia

Marisol López destaca a incorporación do galego aos produtos tecnolóxicos en termos de rendibilidade empresarial

A secretaria xeral de Política Lingüística participou o pasado martes 28 de outubro na xornada “A idade dixital do galego”, no marco da exposición itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos”

Representantes de Google e Microsoft explicaron a estratexia plurilingüe que están desenvolvendo as súas empresas en resposta ás novas necesidades dos cidadáns e das empresas

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, destacou que as empresas tecnológicas optan, cada vez máis, “pola incorporación do galego nos seus produtos en termos claros de rendibilidade empresarial”. Marisol López fixo estas consideracións na xornada “A idade dixital do galego. Lingua, tecnoloxía e empresa”, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da estancia en Vigo da exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”.

A secretaria xeral explicou que “as empresas tecnolóxicas e os axentes implicados no desenvolvemento de novos programas e aplicacións levan anos demostrando que o uso da lingua local, o galego, non é un impedimento para lanzar fóra, ao espazo global, os seus produtos”.

Marisol López presidiu esta xornada, na que tamén interviron o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, Xosé María Pousada; o director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, Luis Collado; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica, Montserrat Pardo.

A incorporación progresiva das diferentes linguas favorece a penetración das empresas tecnolóxicas nos mercados locais. A aposta polo uso do galego nos produtos informáticos é hoxe unha realidade nas empresas máis destacadas de ámbito internacional.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder