Galicia

O Concello de Lugo e a Fundación ONCE editan un ano máis o programa das festas de San Froilán en braille

O programa oficial do San Froilán 2008 contará con 25 exemplares en braille -o medio de lectura táctil que empregan as persoas cegas- e que poderán ser consultados polos afiliados á ONCE na sede da fundación na rúa San Roque e no Centro de Interpretación da Muralla.

Fonte: XornalGalicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística di que a única academia que respecta é a RAG

A Secretaría Xeral de Política Lingüística foi a única institución pública relacionada directamente coa lingua que se pronunciou sobre a presentación esta semana en Santiago da Academia Galega da Língua Portuguesa. Marisol López, máxima responsable do organismo, explicou que a única academia á que «apoia e respecta é a Real Academia Galega, que é realmente a nosa institución oficial de defensa e promoción da lingua galega».

Fonte: La Voz de Galicia

Consolídase na grella da Galega o Ben Falado!, un microespazo divulgativo sobre a lingua que agora se emite na sobremesa

O programa ten unha cota de pantalla do 15,5 por cento e multiplicou o número de espectadores no último mes, ata chegar aos 110.000 de media

Entre o Telexornal e o Cifras e Letras, o espazo dirixido e presentado por Xesús Ferro Ruibal chegará á páxina web da televisión á carta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia este produto televisivo, que tamén se emite para América e para o continente europeo

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo, e o académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal, presentaron en Santiago o microespazo Ben Falado!, un programa divulgativo sobre a lingua galega que desde o mes pasado se emite na franxa da sobremesa na Televisión de Galicia. Dirixido e presentado por Xesús Ferro, Ben Falado! pretende ensinar deleitando, con explicacións sobre toponimia e antroponimia, ortografía, fraseoloxía, gramática ou vocabulario, dun xeito ameno e áxil.

Concibido como un “prato combinado”, nos tres minutos de duración de cada capítulo o programa achega explicacións sobre nomes e apelidos, topónimos, curiosidades léxicas, gramaticais ou ortográficas. Ademais, este microespazo de servizo público ofrece reportaxes sobre como se move a lingua en centros de ensino, empresas, na internet ou no tecido asociativo, e achégase tamén ás novas tecnoloxías da lingua, á literatura galega e á historia da lingua. Ocúpase de todos os sectores de idade e abrangue todos os sectores sociais, de forma parella á presenza da lingua galega en todos eles.

Multiplicouse a audiencia
Desde que comezou a súa emisión na Galega, o pasado 20 de xullo, a audiencia do Ben Falado! non deixou de medrar. No pasado mes de setembro o programa deixou a franxa matinal na que se emitía e pasou a ocupar a sobremesa de luns a venres, despois do Telexornal Mediodía e antes do Cifras e Letras. Desde entón, duplicou a súa cota de pantalla, que chega na actualidade ao 15,5 por cento, cunha media de 110.000 espectadores que se multiplicaron ao longo deste tempo, o que supón un éxito de audiencia.

Á vista da boa marcha do programa e para que este chegue a un maior número de persoas interesadas, está previsto que a semana que vén estean xa dispoñibles, na páxina web da CRTVG, na sección de Televisión á carta, os 50 capítulos emitidos ata o de agora e todos os que se vaian ofrecendo diariamente. Ben Falado tamén pode seguirse diariamente en Arxentina, Uruguai, Brasil e México e en toda Europa.

Ben Falado!, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, responde aos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece como un dos obxectivos que cómpre conseguir no ámbito dos medios de comunicación o de lograr que os medios públicos ofrezan unha programación prestixiadora da lingua. Neste sentido, quíxose aproveitar o potencial da Televisión de Galicia como un dos axentes máis importantes de difusión, para emitir un programa sobre o galego con rigor, amenidade e xerador de interese ao redor da lingua.

Fonte: Xunta de Galicia

As entidades locais de Galicia contarán con 800.000 euros para a normalización da lingua galega

A Xunta de Galicia investirá cerca de 800.000 euros para crear e reforzar o servizo de normalización lingüística. En total, a Consellería de Presidencia investirá 799.875 euros en axudas para 145 entidades locais, unhas subvencións que se destinarán a 30 municipios e a 115 organismos para organizar e desenvolver campañas de normalización.

Fonte: La Voz de Galicia

Un equipo de investigadores da USC coordina un estudo sobre a aprendizaxe de idiomas nos centros de linguas das universidades

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela liderou un estudo para o Ministerio de Educación sobre a aprendizaxe de idiomas nos centros de linguas das universidades españolas. Analizaron o estado actual destes centros e presentaron propostas de mellora para a súa converxencia no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). A finalidade é poder deseñar un modelo común.

Fonte: Axencia Galega de Noticias

A UNED permitiralle a Héitor Mera defender a súa tese sobre Bernardino Graña en galego

O Consello de Goberno da UNED (Universidad Nacional de Educación a Distancia) que se celebrará o próximo día 23 de outubro ten previsto apoiar unha proposta da comisión de investigación celebrada en setembro, pola que se poderán leer as teses de doutoramento en calquera dos idiomas cooficiais de España.

Fonte: Faro de Vigo

A Mesa pola Normalización Lingüística defende as súas queixas contra os dereitos lingüísticos

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón asegurou que a asociación só denuncia os "casos graves" de conculcación de dereitos lingüísticos e incumprimento da lexislación, sempre desde métodos democráticos.

Fonte: Galicia Hoxe

Política Lingüística impulsa a galeguización das empresas de servizos nupciais a través do proxecto "DeVodas"

Esta iniciativa nace para aproveitar sinerxías neste ámbito empresarial e para promover a normalización lingüística nun sector en auxe
Arredor de 40 empresas integran esta nova organización, que presentará os seus produtos e servizos os vindeiros 25 e 26 de outubro nunha mostra
A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia o proxecto con 40.000 euros

A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa a galeguización das empresas de servizos nupciais a través do proxecto DeVodas, unha iniciativa promovida por 40 empresas do sector que asumen un compromiso co uso do galego no desenvolvemento cotiá da súa actividade empresarial. A subdirectora xeral de Política Lingüística, Cristina Rubal, participou na presentación desta iniciativa, da que forman parte florerías, xoierías, salóns de peiteado, tendas de traxes de noivos, negocios de restauración, de música, de fotografía e audiovisual, e de agasallos, entre outras.

Co lema Casa co galego, DeVodas comprométese a que todas as comunicacións verbais e escritas, incluíndo o material promocional que as empresas porán á disposición do público, serán en galego. Trátase dunha acción pioneira neste ámbito, para contribuír á promoción da lingua propia tanto entre as empresas do sector como nos usuarios e clientes. A Secretaría financia este proceso de normalización lingüística cun investimento de 40.000 euros.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiou desde o primeiro momento esta iniciativa, que dá resposta a un dos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega: aproveitar que a maioría da sociedade utiliza o galego en gran parte das súas relacións cotiás. Neste sentido, a subdirectora xeral de Política Lingüística referiuse aos contactos que está a manter o departamento con distintos ámbitos da empresa en Galicia e que xa están a dar os seus froitos. Empresas de tecnoloxías da información e da comunicación, de telefonía móbil, de construción naval ou adegas galegas xa asumiron este compromiso que, segundo demostran os resultados, vén supor unha vantaxe competitiva no mercado.

O proxecto DeVodas disporá dunha páxina web informativa e presentará os seus produtos e servizos os vindeiros días 25 e 26 de outubro en Santiago.

Fonte: Xunta de Galicia

O BNG forza o PP a debater outra vez sobre o idioma no Parlamento

A lingua volve ao centro do debate político a pesar do esforzo do Partido Popular por centrar a discusión nas consecuencias da crise. Será no pleno do Parlamento que se inicia o próximo martes 21 de outubro, apenas dúas semanas despois da polémica votación na que o PP se sumou a PSdeG e BNG no apoio á política de normalización lingüística da Xunta de Galicia para, a continuación, anunciar a súa intención de derrogar o decreto que regula o galego no ensino.

Fonte: El País

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística quere axudas directas a empresas por utilizar o galego

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, esixiulle á Xunta que retome as axudas directas ás empresas para o uso do galego. Callón, que presentou un informe sobre a situación do galego no mundo da empresa, cualificou de "distracción fraudulenta de diñeiro público" o "macroconvenio" asinado entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en materia de normalización lingüística, co que se substituíron estas axudas.

Fonte: Galicia Hoxe

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder