Galicia
Emilio Pérez Touriño pide buscar o que une e non o que separa no debate lingüístico
Desprazado no debate lingüístico polos discursos máis acendidos de populares e nacionalistas, o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, avogou por pasar páxina e "buscar o que une e non o que separa" para, a falta de consenso, superar os enfrontamentos das últimas semanas.
Fonte: El País
“As nosas palabras, os nosos mundos” reivindica en Vigo a competitividade do galego no eido empresarial
A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima ata o 7 de novembro
No marco da exposición, celebrarase a xornada “A idade dixital do galego”, na que representantes de Google e Microsoft analizarán a importancia da incorporación de estratexias plurilingües como oportunidade de negocio no ámbito tecnolóxico
A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Paz, e a concelleira de Educación, Laura López, inauguraron o pasado venres 24 de outubro en Vigo a mostra itinerante “As nosas palabras, os nosos mundos” sobre o galego na diversidade das linguas. Tras recibir un amplo apoio institucional en Bruxelas, a exposición quere presentar en Vigo o plurilingüismo como unha oportunidade para as empresas.
No seu discurso, Marisol López citou o informe do Foro Empresarial sobre Multilingüismo creado pola Unión Europea, que sinala que “as linguas son a clave do mundo que representan. O plurilingüismo potencia a apertura e a tolerancia pero, ademais, tamén abrirá portas para os novos mercados e novas oportunidades empresarias.”
Así mesmo, a responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia sinalou que “cada vez hai máis empresas ás que lles saen as contas co galego. A lingua cotiá de traballo comeza a gañar terreo na formalidade da rotulación interna, na etiquetaxe, no achegamento ao cliente. Isto vai facer que o galego gañe unha enorme visibilidade que ata hai poucos anos apenas tiñas nese ámbito formal”.
A inauguración da exposición contou coa presenza de numerosos representantes de diversas institucións e entidades. Así, asistiron ao acto celebrado na Estación Marítima de Vigo o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, o xefe superior de Policía de Galicia, Luís Manuel García Mañá, o director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes, o conselleiro delegado de A Nosa Terra, Alfonso Eiré e o coordinador do Foro Enrique Peinador, Xosé González, entre outros.
Visitas á exposición
Na cidade de Vigo, e unha vez inaugurado o curso escolar, a mostra será visitada polo estudantado de secundaria. Co fin de familiarizar os máis novos coa diversidade das linguas do mundo e mais coa propia lingua galega, a visita guiada acompáñase dunha unidade didáctica para profesores e alumnos.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
Ademais conta cun sitio web paralelo www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse á información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.
A idade dixital do galego
O plurilingüismo nas novas ferramentas tecnolóxicas, como tradutores automáticos, dicionarios electrónicos ou contornos de traballo informáticos, favorecen a adaptación das empresas aos mercados locais. Estes recursos novos da lingua tamén están presente en “As nosas palabras, os nosos mundos” e refórzase en Vigo coa celebración da xornada “A idade dixital do galego”, o vindeiro 28 de outubro.
O evento, que presentará Marisol López, contará coa intervención do director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Nel participarán, ademais, Luis Collado, Director de Google Procura de Libros, Google Académico e Google Arquivo de Noticias para España e Portugal, e Montserrat Pardo, Xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica. Durante a xornada, analizarase a importancia do plurilingüismo no ámbito tecnolóxico como elemento xerador de novas oportunidades de negocio.
Os contidos: desde as orixes ata hoxe
“As nosas palabras, os nosos mundos” permítelles aos visitantes achegarse ao galego e á diversidade lingüística a través de diferentes elementos visuais, gráficos e sonoros. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, éuscaro, catalán, castelán, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.
O punto de partida da mostra é “As orixes”, que introduce o visitante no misterio do nacemento da linguaxe coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres...). A visita desemboca na “Árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado “Isto é galego”, o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.
Os contidos do terceiro bloque, que lle dá nome á exposición, apostan pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. Este módulo pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade.
O último tramo da mostra, “A nosa lingua na nosa vida” é o que reflicte a importancia do galego nas novas tecnoloxías e no ámbito empresarial. Nel tamén se achegan exemplos da lingua galega noutros ámbitos da sociedade como a música, a literatura ou o cine.
Próximo destino, Madrid
Despois de Vigo, Madrid será o seguinte destino desta mostra itinerante. “As nosas palabras, os nosos mundos” poderá visitarse no Círculo de Belas Artes en novembro. O último destino de 2008 será A Coruña e durante o 2009 a mostra poderá verse en Barcelona, Sevilla, Pontevedra, Lugo, Bos Aires e Ourense.
Fonte: Xunta de Galicia
Galicia participa por primeira vez na rede internacional de aprendizaxe integrada de contidos e lingua

Asesores da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria trasladan a experiencia galega no eido das seccións bilingües no marco dun congreso internacional que se celebrou o 24 e o 25 de outubro en Tallin (Estonia)
O ensino CLIL (aprendizaxe integrada de contidos e lingua) consiste no ensino-aprendizaxe de materias non lingüísticas de maneira bilingüe
Asesores lingüísticos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria trasladaron a experiencia galega no eido das seccións bilingües no marco do Congreso internacional CLIL Fusion Multilingual Mindsets in a Multicultural World: Building quality learning communities, que se celebrou en Tallin (Estonia) o 24 e 25 de outubro. Esta conferencia, na que se abordaron temas como o éxito educativo en comunidades de aprendizaxe CLIL, aprendizaxe e neuro-ciencia, boas prácticas CLIL ou o diálogo intercultural, está organizada pola CCN (CLIL Cascade Network), organismo internacional financiado pola Comisión Europea; o Centro de Inmersión Lingüística de Estonia; e a Universidade de Jyväskylä (Finlandia). O aumento rexistrado no número de centros e seccións bilingües que se desenvolven na Comunidade galega este curso 2008/09 levou á CCN a convidar a Consellería de Educación a explicar por primeira vez a súa experiencia neste congreso.
A Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras (AICLE; en inglés Content and Language Integrated Learning) é unha corrente da lingüística aplicada que propugna que nos contextos escolares existe un maior éxito na aprendizaxe das linguas estranxeiras a través das materias comúns, como a historia ou as ciencias, que por medio dos currículos funcionais.
A investigación neste eido ten demostrado tamén que o plurilingüismo na escola, aproveitando os recursos, estratexias e destrezas que desenvolve o alumno cando aprende unha lingua ou materia, a través dos currículos integrados das linguas e áreas non lingüísticas, contribúe de maneira eficaz ao desenvolvemento dunha competencia comunicativa en linguas que optimiza e facilita as aprendizaxes posteriores.
Este curso 2008/09 un total de 190 centros da Comunidade galega desenvolven 665 seccións bilingües, fronte aos 114 centros e as 332 seccións do curso pasado. Isto supón un incremento do 100% no número de seccións bilingües que se desenvolven este ano académico con respecto ao 2007/08.
Unha sección bilingüe é a organización da ensinanza dunha área ou materia non lingüística da educación primaria, da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou bacharelato, ou dun módulo de Formación Profesional específica, que se cursa cun grupo de alumnos dun xeito bilingüe: en galego ou castelán, segundo corresponda de acordo coa normativa vixente en materia de normalización lingüística, e nunha lingua estranxeira falada na Unión Europea. A súa finalidade é reforzar a aprendizaxe da lingua estranxeira a través da incorporación parcial do seu uso como vehículo de comunicación na área, materia ou módulo en que se desenvolve, así como a adquisición da terminoloxía específica.
Fonte: Xunta de Galicia
O PP tacha de "ilegais" as aulas nas que se dan todas as clases en galego
A embestida do PP contra a política lingüística do bipartito franqueou xa os muros da educación infantil. O partido da oposición asegura que as aulas voluntarias creadas pola Consellería de Educación para que as familias poidan escolarizar os seus fillos de 3 a 6 anos en galego son "ilegais". Os populares sosteñen que estas unidades, creadas a petición dos pais en 44 colexios, incumpren a Lei de normalización lingüística porque "segregan" os pequenos segundo o idioma.
Fonte: El País
"Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua", campaña que vincula a defensa do galego con outras loitas sociais xustas
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organizan conxuntamente a campaña “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua".
Co ánimo de vincular a defensa e promoción do idioma galego con outras loitas sociais xustas, e coincidindo coa celebración o vindeiro 25 de novembro do Día da Non-Violencia contra as Mulleres, estas tres entidades queren sensibilizar a sociedade de que o abandono histórico do uso da súa lingua por parte das mulleres, e as súas motivacións, debe ser entendido tamén como un tipo de violencia de xénero.
O acto consistirá nunha lectura pública de textos e terá lugar o vindeiro 25 de novembro, a partir das 10:00 h, na Praza da Fariña (A Coruña).
Fonte: Consello da Cultura Galega
As empresas do sector nupcial selan en Compostela o seu compromiso co idioma galego
A Asociación de Cerimonias, a primeira iniciativa do sector galego neste sentido, estará aberta a partir de agora á incorporación de todas as empresas que o soliciten e cumpran co decálogo de boas prácticas, no que se establece un compromiso coa lingua galega na identidade corporativa, na comunicación e en todos os seus procesos.
Fonte: Galicia Hoxe
Os comerciantes suxiren que non se pode rotular en galego porque ás veces o idioma é minoritario no país
O presidente da Federación Galega de Comercio (FGC), José María Seijas, criticou as axudas dirixidas a potenciar que se rotulen en lingua galega os establecementos porque, na súa opinión, hai zonas do país nas que se fala outro idioma e o comerciante debe utilizar outra lingua de mercadotecnia.
Fonte: Galicia Hoxe
O Parlamento galego esixe o uso non sexista da lingua
Os tres grupos con representación no arco parlamentario galego aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei na que se reclama unha nomenclatura das ocupacións 'acorde cun uso non sexista da linguaxe' nas estatísticas oficiais.
Fonte: A Nosa Terra
A segunda edición da xornada Xustiza e Lingua analizou o estado do galego na xustiza
A segunda edición da xornada "Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización" foi inaugurada e moderada polo decano do colexio de avogados compostelán, Evaristo Nogueira Pol, quen manifestou o seu compromiso co proceso normalizador que está a vivir a súa entidade. Nogueira fixo un breve repaso por algunhas das principais accións levadas a cabo neste sentido durante os últimos anos. No seu percorrido destacou coma positiva a continuidade da propia xornada, que botou a andar no pasado ano con moi bo acollemento. Tamén se referiu á publicación da revista colexial Avogacía Compostelá, editada integramente en galego, ou a variada oferta formativa en lingua galega dirixida ás/aos profesionais colexiados.
O incremento nos orzamentos da Consellería de Educación permitirá afianzar programas destinados ao fomento do multilingüismo
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano, que ascenden a 2.389 millóns de euros
A Administración educativa aposta pola mellora do éxito escolar do alumnado galego incrementando un 23% o orzamento para os programas PROA, de éxito escolar destinado a centros e de diminución do abandono
A titular do departamento educativo galego salientou que en 2009 se investirá un 20% máis que este ano no programa de apertura de centros fóra do horario lectivo, no que participan actualmente máis de 700 centros de 175 concellos
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, compareceu no Parlamento para explicar os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano 2009, que ascenden a 2.389 millóns de euros. Esta cifra, segundo destacou a máxima responsable da Administración educativa autonómica, supón un incremento do 4,5 % con respecto aos orzamentos do ano 2008. Así, Sánchez Piñón destacou que “nuns orzamentos marcados polo rigor e a austeridade, o Goberno galego situou a Educación, unha vez máis, entre as súas prioridades, incrementando as contas por riba da media de todo o Executivo: 4,5% fronte a 4,2% do Goberno”. A conselleira de Educación salientou que “esta importante aposta tradúcese nunha serie de accións prioritarias para o ano 2009 que consolidan proxectos iniciados en anos anteriores, esenciais para a consecución dos obxectivos de toda a lexislatura”.
No tocante aos programas de mellora do éxito escolar, a titular do departamento educativo galego referiuse aos programa PROA, ao de éxito escolar destinado a centros e ao de diminución do abandono, aos que se destinarán en 2009 un total de 13,3 millóns de euros, un 23% máis con respecto ao 2008. Así, Sánchez Piñón indicou que este curso uns 112.000 alumnos de 650 centros públicos se benefician do conxunto de iniciativas desenvolvidas pola Consellería neste eido.
Dentro do apartado de igualdade de oportunidades, a conselleira de Educación indicou a aposta por “tres programas clave para este departamento” o vindeiro ano: mellora dos servizos complementarios, reafirmando así o esforzo realizado en comedores escolares nos últimos anos; consolidación do programa de gratuidade de libros de texto; e a extensión do programa de apertura de centros fóra do horario lectivo.
Con respecto a esta iniciativa, Laura Sánchez Piñón sinalou que este curso 2008/09 participan no programa máis de 700 centros pertencentes a 175 concellos. A conselleira de Educación salientou que, para a continuación desta medida, a Administración educativa “conta para o vindeiro ano con 3 millóns de euros, en colaboración co Ministerio de Educación”, o que supón un incremento do 20% en relación ao ano 2008.
No eido do multilingüismo, a titular da Administración educativa autonómica destacou que este departamento destinará o vindeiro ano máis de 7 millóns de euros a todos os programas de fomento da aprendizaxe de linguas estranxeiras, entre os que sinalou o incremento de seccións bilingües, as axudas para estudar idiomas no estranxeiro durante o verán, e a aposta pola creación de novas seccións das Escolas Oficiais de Idiomas.
Neste senso, Sánchez Piñón indicou que os orzamentos do seu departamento para o vindeiro ano permitirán complementar a liña de axudas -iniciada en 2006- destinadas ao alumnado de ESO e bacharelato co obxectivo de mellorar a súa competencia lingüística mediante estadías no estranxeiro. Así, Sánchez Piñón destacou que, nesta lexislatura, “o Goberno galego terá concedido un total de 7.094 bolsas para estudar idiomas en países como Reino Unido, Irlanda, Francia ou Canadá”, unhas accións que sumarán un total de 12 millóns de euros.
Aposta polas novas tecnoloxías e a mellora das infraestruturas
A conselleira de Educación referiuse tamén á aposta do seu departamento por “uns centros de ensino que sexan dinamizadores e integradores de do seu contorno xeográfico, de modo que se convertan en motores cívicos e sociais”. Así, indicou que o equipamento e fomento das tecnoloxías da información e a comunicación se ten convertido nun dos eixes para acadar este obxectivo. Neste apartado, Laura Sánchez Piñón indicou que “o vindeiro ano destinaremos máis de 4 millóns de euros ao canleado dos centros educativos”.
No tocante á actualización de infraestruturas existentes e á construción doutras novas, a titular de Educación indicou que o vindeiro exercicio a Administración educativa galega destinará máis de 33 millóns de euros a este apartado. Sánchez Piñón salientou que todas as accións neste senso se realizarán na etapa de educación infantil e primaria “de cara a acadar uns centros de ensino acordes coa sociedade actual”. Neste senso, a conselleira destacou que “incrementamos o 32,7% con respecto ao ano 2008, atendendo así as necesidades do sistema educativo, que como todos vostedes saben se están rexistrando nas primeiras etapas de escolarización”.
Ademais, a máxima responsable da Administración educativa autonómica salientou a aposta do seu departamento polo ensino postobrigatorio. Neste apartado, Sánchez Piñón referiuse ao impulso das ensinanzas de Formación Profesional, que se reflicte no incremento do 9,1% experimentado polo orzamento para FP nos orzamentos do vindeiro ano, así como na partida destinada á formación do profesorado destas ensinanzas, que rexistra unha suba do 97,8% con respecto ao 2008. Ao mesmo tempo, a conselleira salientou que os orzamentos do seu departamento para 2009 consolidan tamén a aposta do Goberno pola modernización do Sistema Universitario de Galicia.
Incremento global por riba do 30%
Laura Sánchez Piñón destacou o “peso fundamental” que a Educación está a ter nesta lexislatura, “tal e como o demostra o incremento global do seu orzamento entre os anos 2005 e 2009 por riba do 30%”. “Superamos en máis de 10 puntos as propias previsións do Goberno galego, que se propoñía incrementar estas achegas un 20% en toda a lexislatura”, salientou Sánchez Piñón, ao tempo que amosou a “satisfacción de confirmar que este obxectivo está cumprido”.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase al boletín