Galicia

O galego segue ausente das liturxias malia o apoio dos fregueses

Un estudo asegura que o 90% dos galegofalantes di ser "crente" e ten unha actitude "moi favorable" cara á lingua, aínda que os cregos escollen maioritariamente o castelán.

Fonte: Vieiros

A Consellería de Educación iniciou o informe sobre o cumprimento do galego

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, asegurou que a Consellería de Educación solicitou información durante o curso pasado dos 1.500 centros que aplican o decreto do uso do galego no ensino para determinar, nun informe "oficial e definitivo", o seu cumprimento.

Fonte: Galicia Hoxe

A Mesa inicia unha campaña para que os cidadáns exerciten o seu dereito a ser atendidos en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou unha campaña para que os cidadáns sexan conscientes do seu dereito a ser "atendidos, non só entendidos" en galego e para que "o exerciten" e reclamen que se cumpra "cun sorriso", segundo indicou o presidente desta asociación, Carlos Callón.

Fonte: GZnación

O valedor alerta dun maior conflito polo galego

O Pleno do Parlamento de Galicia debateu o informe do Valedor do Pobo sobre 2007. Benigno López destacou que na política lingüística hai "unha tendencia a promover que a materia se converta en obxecto de conflito".

Fonte: A Nosa Terra

Galicia Bilingüe enfróntase á Universidade de Vigo pola súa campaña lingüística

A Asociación Galicia Bilingüe considera unha "vergoñenta manipulación" a campaña a favor do uso do galego no sistema educativo que impulsa a Universidade de Vigo e que prevé celebrar conferencias en distintos colexios e institutos. Por iso, indican nun comunicado, comezaron a remitir cartas aos distintos centros educativos galegos para advertirlles de que a campaña da institución universitaria "Europa é plurilingüe. Quen sabe galego, sabe máis" está baseada nun "cúmulo de falsidades" sobre o modelo lingüístico de ensinanza doutros países.

Fonte: El Correo Gallego

Máis da metade dos profesores dan clase en español nas universidades galegas

Segundo datos da Universidade da Coruña (UDC), nas facultades da cidade herculina o 90% dos docentes exprésanse en español á hora de dar clase. Pero a situación pouco cambia nas aulas de Vigo (84%) e Santiago (80%).

Fonte: 20minutos

Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollen a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

O prazo de inscrición para poder participar nas sesións que se impartirán nesas catro cidades permanecerá aberto ata o venres 14 de novembro

A relación da lingua galega coas novas tecnoloxías e a elaboración de proxectos de planificación lingüística destinados aos centros de ensino son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo destas xornadas

En Ferrol, Pontevedra e Ourense xa se levou a cabo esta iniciativa a comezos de outubro, cunha elevada participación de docentes

As cidades de Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo acollerán, entre finais deste mes e comezos de decembro, a terceira edición dos Seminarios de Dinamización Lingüística no Ensino, que van dirixidos ao profesorado de ensino primario e secundario dos centros públicos e privados de Galicia. A organización desta iniciativa parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que conta para estas xornadas coa colaboración da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Nos catro casos, os seminarios empezarán o 25 de novembro e prolongaranse durante os días 26 e 27 dese mesmo mes, e os días 2, 3 e 4 de decembro, sempre a partir das 18.00 horas. En Santiago, as sesións desenvolveranse no IES As Fontiñas; na Coruña serán no IES Rafael Dieste; en Lugo no IES Politécnico, e en Vigo no IES Politécnico.

O prazo de matrícula para inscribirse nestes cursos remata este venres, 14 de novembro. Os profesores e as profesoras que desexen asistir aos seminarios poden inscribirse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es/fprof. O número de prazas dispoñibles por cada unha das cidades mencionadas é de 50 como máximo.

Contidos
O programa dos seminarios de dinamización inclúe varias sesións nas que se porán en común os modelos de planificación sociolingüística implantados con éxito en diferentes centros de ensino de Galicia e noutras comunidades. As xornadas contarán coa participación de dous especialistas en planificación lingüística da Comunitat Valenciana, Vicent Pascuall e Rafael Fresquet. A maiores, os asistentes abordarán outras cuestións, como a relación da lingua galega coas novas tecnoloxías da información e da comunicación, e poderán tamén participar en obradoiros prácticos nos que aprenderán a elaborar plans e proxectos de normalización lingüística.

Este programa impulsado pola Xunta de Galicia tenta contribuír a mellorar a formación dos docentes que se encargan de desenvolver tarefas de planificación lingüística nos seus respectivos centros de ensino. Os participantes nos seminarios obterán un certificado de asistencia expedido polo Servizo de Formación do Profesorado da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Boa acollida
Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo non serán as primeiras cidades galegas nas que se leve a cabo a terceira edición do Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino. De feito, as devanditas xornadas xa se desenvolveron a comezos de outubro en Ferrol, Pontevedra e Ourense, onde tiveron moi boa aceptación entre os docentes, que cubriron a totalidade das prazas que se ofertaban.

Fonte: Xunta de Galicia

Microsoft premia a Xunta de Galicia por impulsar o galego en Vista e Office 2007

O goberno galego recibiu o galardón ‘Microsoft Local Language Program Award’ por apoiar a diversidade lingüística e o seu “compromiso co galego nas novas tecnoloxías”.

Fonte: Vnunet

Homenaxe a Antón Santamarina pola súa entrega á lingua galega

"Máis de 40 anos de entrega total á causa da lingua galega: á súa investigación e dignificación". O catedrático de Filoloxía Románica e membro da Real Academia Galega Francisco Fernández Rei condensou con estas palabras a traxectoria de Antón Santamarina, a quen os seus compañeiros homenaxearán na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Fonte: Galicia Hoxe

A Xunta recórdalle ao Concello de Lugo que un tema das oposicións terá que ser en galego

Na reunión da mesa de traballo da que forman parte os representantes sindicais dos traballadores municipais e os do goberno local celebrada o pasado 12 de novembro, o concelleiro delegado do alcalde para Réxime Interior, o socialista José Rábade, informou os sindicalistas que a Xunta enviou un escrito ao Concello de Lugo no que lle recorda que nos temarios das probas selectivas para accesos a postos de traballo deberá figurar como mínimo un en galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder