Galicia
A Mesa asegura que a Consellería de Presidencia é a que "máis vulnera" o Plan xeral de normalización da lingua galega
A Mesa pola Normalización Lingüística pediulle á Consellería de Presidencia que "adopte as medidas necesarias" para cumprir co Plan xeral de normalización da lingua galega xa que, asegurou, é o departamento autonómico que "máis vulnera" esta normativa.
Fonte: Europa Press
Convócase un curso de introdución ao traballo en servizos de normalización lingüística
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca un novo curso de formación dirixido a persoas que comezaron a traballar recentemente nun servizo de normalización lingüística (SNL) e a estudantado co obxectivo de introducir no traballo dos SNL e formar novos/as técnicos/as de normalización.
Fonte: CTNL
Polémica pola foto de Touriño cun cartel en galego mal escrito
A fotografía do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e da secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, baixo un cartel con graves erros ortográficos mentres asinaban un convenio de apoio á lingua galega, foi noticia estrela das páxinas webs.
Fonte: Galicia Hoxe
O PP pide un pronunciamento da Mesa do Parlamento galego sobre a denominación oficial desta institución
O portavoz do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, rexistrou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento de Galicia no que lle pide un pronunciamento sobre a denominación oficial que debe utilizarse na documentación e nos órganos colexiados da Cámara lexislativa.
Fonte: Xornal.com
Familias de Mondoñedo, Ribadeo, Burela e Ortigueira participarán esta fin de semana nos encontros dos axóuxeres
As montaxes compóñense de xogos, cancións e dinámicas interactivas para que participen nelas nenos de 1 a 5 anos de idade cos seus pais e nais
Estas funcións teñen unha duración dunha hora e realízanse en espazos cunha capacidade limitada a 60 espectadores para facilitar a interacción do público
Nas dúas primeiras vilas nas que se desenvolveron, en Carballo e Melide, os encontros contaron cunha destacada participación de familias
Catro vilas galegas acollen esta fin de semana os Encontros dos Axóuxeres. Mondoñedo, Ribadeo, Burela e Ortigueira son os próximos destinos desta festa familiar, que comezou hai sete días en Carballo e Melide, con grande éxito de participación. Mañá, 31 de outubro, este espectáculo interactivo encamiñado a potenciar o uso da lingua galega no ámbito familiar desembarcará no Auditorio Municipal Pascual Veiga, en Mondoñedo, onde comezará ás 18.00 horas. O sábado, 1 de novembro, a montaxe levaranse a cabo pola mañá en Ribadeo, no Auditorio Municipal Hernán Naval ás 12.00 horas; e pola tarde en Burela, na Casa da Cultura, ás 18.00 horas. Xa o domingo, 2 de novembro, será a vila de Ortigueira a que acollerá os Encontros dos Axóuxeres, ás 12.00 horas no Teatro da Beneficencia.
As montaxes que se están a programar estes días forman parte da primeira xeira dos Encontros dos Axóuxeres, que durará ata finais de novembro. Con posterioridade, a partir de xaneiro, retomaranse as funcións noutras 16 vilas de Galicia.
Viaxe polo mundo dos sentidos
Os cinco sentidos (oído, vista, tacto, gusto e cheiro) contan cun peso moi importante dentro da construción creativa dos Encontros dos Axóuxeres, un programa organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e producido pola empresa Galitoon. Do mesmo xeito, a música desempeña un papel clave no desenvolvemento das funcións, xa que hai cinco cancións compostas expresamente para este proxecto que actúan de nexo. Cada un dos temas musicais introduce un xogo ou unha dinámica para que interactúen os pais e as nais cos seus bebés e cativos.
A cantante e artista Elena Paz é a encargada de conducir cada un dos Encontros dos Axóuxeres, nos que tamén interveñen outros músicos e actores. Outra peza imprescindible destas montaxes chámase Totó, que é un boneco inmerso na aprendizaxe das súas primeiras palabras.
Público obxectivo
Os espectáculos están especialmente deseñados para un público composto por bebés e cativos de 1 a 5 anos de idade, e para os seus pais e nais. Ademais, teñen unha hora de duración e desenvólvense sempre en espazos pechados e cunha capacidade máxima para 60 espectadores (20 bebés cos seus acompañantes).
As familias interesadas en participar nesta iniciativa deben inscribirse sempre previamente chamando ao número de teléfono 686 160 879. A inscrición previa obedece ás limitacións de capacidade esixidas polas características do espectáculo.
Información
Todos os detalles sobre esta iniciativa promovida polo departamento que dirixe Marisol López, así como as datas e as vilas nas que se levarán a cabo os Encontros, poden consultarse no enderezo
www.xunta.es/linguagalega/encontros_dos_axouxeres_2008
Nese mesmo espazo virtual, cabe a posibilidade de descargar as letras das cancións compostas para os Encontros, e de escoitalas, posto que outro dos obxectivos que persegue esta experiencia é a de facilitar que os pais e as nais poidan seguir xogando na casa cos pequenos.
As seguintes escalas deste programa, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística aposta por favorecer o emprego do galego como lingua habitual no seo da familia, serán as vilas de Ribadavia, Celanova e Oroso.
Fonte: Xunta de Galicia
A Mesa pídelles ao PSOE e ao BNG de Cambre que aposten pola ordenanza de normalización lingüística aprobada en 2005
O grupo local da Mesa pola Normalización Lingüística en Cambre pídelles a todos os grupos municipais que “defendan” o texto íntegro da ordenanza municipal de normalización da lingua galega aprobada polo Concello en novembro de 2005. O colectivo cidadán apela sinaladadamente ao PSdG-PSOE e ao BNG, baixo cuxo goberno de coalición se elaborou e aprobou a citada ordenanza, para que “loiten” por demostrar a “legalidade” do texto orixinal.
Premiada a campaña "Saborea a túa lingua" realizada por dúas alumnas da Universidade de Vigo
A publicidade en galego está de moda, e se non que llo digan a dúas rapazas que acaban de licenciarse en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo. Aída Pérez e Laura López recolleron o premio ‘Autopromoción do Premio de Publicidade en Galego’ pola súa campaña "Saborea a túa lingua".
Fonte: Diario de Pontevedra
A Xunta esixirá para traballar como policía municipal que se coñeza e se fale galego
Para traballar como policía local non só será obrigatorio a partir de agora realizar un curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública de máis de 850 horas, senón que os aspirantes deberán acreditar que "comprenden, falan e escriben correctamente" o galego. Esta proba será eliminatoria para entrar nos corpos policiais que dependen dos concellos.
Fonte: Faro de Vigo
O Concello de Oleiros gastará 7.200 euros en bolsas para promover o galego no comercio
O Concello de Oleiros ten previsto gastar 7.200 euros na impresión de 6.000 bolsas de papel para promover o uso do galego no pequeno comercio do municipio.
Fonte: La Opinión
Preto de mil persoas visitaron a mostra sobre o galego durante a súa primeira semana en Vigo
A exposición da Secretaría Xeral de Política Lingüística permanecerá na Estación Marítima ata o 7 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas
A mostra sae esta tarde á rúa cunha instalación informativa para achegar os seus contidos aos máis pequenos
Preto de mil persoas visitaron na Estación Marítima de Vigo a mostra “As nosas palabras, os nosos mundos” desde a súa inauguración, o pasado 24 de outubro. Ademais das visitas recibidas en horario de apertura ao público, tamén se programaron percorridos guiados pola mostra para centros de educación secundaria e asociacións culturais da cidade viguesa. Esta semana, unha decena de centros descubriron os contidos de “As nosas palabras, os nosos mundos” a través da unidade didáctica que acompaña a visita guiada.
“As nosas palabras, os nosos mundos” continuará aberta ao público e cos percorridos guiados ata o 7 de novembro na Estación Marítima de Vigo, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas.
Ademais, en paralelo está en marcha o sitio web www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre diversidade lingüística, que permite unha visita virtual á exposición e achegarse a información de interese sobre o galego e sobre as linguas do mundo. A web pódese visitar en sete idiomas.
A mostra na rúa
Para reforzar a súa estancia en Vigo, “As nosas palabras, os nosos mundos”, celebrada no marco do Ano Internacional das Linguas e do Ano Europeo do Diálogo Intercultural, sae esta tarde á rúa cunha instalación informativa na Praza da Constitución para achegar o seu contido aos cidadáns, sobre todo aos máis pequenos. O obxectivo é familiarizar os máis novos coa diversidade das linguas e coa propia lingua galega.
Fonte: Xunta de Galicia
Boletín
Subscríbase al boletín