Galicia

A administración local coruñesa recibiu 109 queixas por vulnerar os dereitos de uso do galego

A Administración local da Coruña é o sector que máis queixas recibe dos cidadáns pola suposta vulneración dos seus dereitos lingüísticos, cun total de 109 tramitadas pola Mesa pola Normalización Lingüística, a través do servizo "A liña do galego".

Fonte: El Correo Gallego

O Colexio de Avogados de Santiago organiza a II xornada sobre xustiza e lingua galega

O Colexio de Avogados de Santiago organizará o próximo día 21 de outubro a II xornada "Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización", que pretende debater sobre a relación entre a lingua galega e o exercicio dos labores xudiciais.

Fonte: Europa Press

Os partidos políticos retoman o consenso na normalización do galego

Os grupos políticos galegos tardaron quince meses en volver falar o mesmo idioma en materia de política de normalización do galego. Despois de que o consenso se quebrara debido á promulgación, en xuño de 2007, do decreto que regula o uso da lingua propia nas aulas, os tres grupos políticos foron capaces de pactar unha proposta de resolución para seguir avanzando da man, tal e como reclamou varias veces neste debate o presidente da Xunta de Galicia.

Fonte: La Voz de Galicia

O Concello do Porriño convoca por cuarto ano o seu concurso de mensaxes de móbiles en galego

Unha mensaxe de móbil é suficiente para participar nun concurso que organiza o Concello do Porriño. Ademais, premiarase o autor do sms que resulte gañador con 250 euros. A única condición é que ten que estar escrito en galego.

Fonte: La Voz de Galicia

Google podería estar a crear unha fenda lingüística ao marxinar as webs en galego nos seus resultados de busca

A dependencia tecnolóxica de produtos e servizos é un dos grandes problemas que achega internet, pois os usuarios afanse á utilización de ferramentas que se converten en indispensables, polo que a súa manipulación ou fallo poden ter repercusións moi serias.

Fonte: Código Cero

A implantación do inglés na Universidade de Santiago será gradual por falta de recursos

Este ano os estudantes de Dereito non serán os únicos que poidan optar a seguir as súas clases en inglés. Este plan piloto tamén o probarán os alumnos da Escola Técnica Superior. En relación con esta medida, que aínda está a proba pero que se espera que co paso dos anos se converta en algo habitual nas aulas santiaguesas, Máximo Plo, vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, explica que "parece que en España dan pánico as linguas, pero a cuestión é poñerse".

Fonte: La Voz de Galicia

Núñez Feijóo derrogará o decreto do galego no ensino se gaña as eleccións

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, afirma que derrogará o decreto que regula o galego no ensino se gaña as eleccións. Segundo manifestou nunha rolda de prensa, Núñez Feijóo desexa "volver ao consenso" e "ao bilingüismo cordial".

Fontes: Galicia Hoxe; El País; Televisión de Galicia

O Concello de Lugo e a Fundación ONCE editan un ano máis o programa das festas de San Froilán en braille

O programa oficial do San Froilán 2008 contará con 25 exemplares en braille -o medio de lectura táctil que empregan as persoas cegas- e que poderán ser consultados polos afiliados á ONCE na sede da fundación na rúa San Roque e no Centro de Interpretación da Muralla.

Fonte: XornalGalicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística di que a única academia que respecta é a RAG

A Secretaría Xeral de Política Lingüística foi a única institución pública relacionada directamente coa lingua que se pronunciou sobre a presentación esta semana en Santiago da Academia Galega da Língua Portuguesa. Marisol López, máxima responsable do organismo, explicou que a única academia á que «apoia e respecta é a Real Academia Galega, que é realmente a nosa institución oficial de defensa e promoción da lingua galega».

Fonte: La Voz de Galicia

Consolídase na grella da Galega o Ben Falado!, un microespazo divulgativo sobre a lingua que agora se emite na sobremesa

O programa ten unha cota de pantalla do 15,5 por cento e multiplicou o número de espectadores no último mes, ata chegar aos 110.000 de media

Entre o Telexornal e o Cifras e Letras, o espazo dirixido e presentado por Xesús Ferro Ruibal chegará á páxina web da televisión á carta

A Secretaría Xeral de Política Lingüística financia este produto televisivo, que tamén se emite para América e para o continente europeo

A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, o director de Comunicación e Relacións Externas da CRTVG, Pastor Lorenzo, e o académico e secretario do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Xesús Ferro Ruibal, presentaron en Santiago o microespazo Ben Falado!, un programa divulgativo sobre a lingua galega que desde o mes pasado se emite na franxa da sobremesa na Televisión de Galicia. Dirixido e presentado por Xesús Ferro, Ben Falado! pretende ensinar deleitando, con explicacións sobre toponimia e antroponimia, ortografía, fraseoloxía, gramática ou vocabulario, dun xeito ameno e áxil.

Concibido como un “prato combinado”, nos tres minutos de duración de cada capítulo o programa achega explicacións sobre nomes e apelidos, topónimos, curiosidades léxicas, gramaticais ou ortográficas. Ademais, este microespazo de servizo público ofrece reportaxes sobre como se move a lingua en centros de ensino, empresas, na internet ou no tecido asociativo, e achégase tamén ás novas tecnoloxías da lingua, á literatura galega e á historia da lingua. Ocúpase de todos os sectores de idade e abrangue todos os sectores sociais, de forma parella á presenza da lingua galega en todos eles.

Multiplicouse a audiencia
Desde que comezou a súa emisión na Galega, o pasado 20 de xullo, a audiencia do Ben Falado! non deixou de medrar. No pasado mes de setembro o programa deixou a franxa matinal na que se emitía e pasou a ocupar a sobremesa de luns a venres, despois do Telexornal Mediodía e antes do Cifras e Letras. Desde entón, duplicou a súa cota de pantalla, que chega na actualidade ao 15,5 por cento, cunha media de 110.000 espectadores que se multiplicaron ao longo deste tempo, o que supón un éxito de audiencia.

Á vista da boa marcha do programa e para que este chegue a un maior número de persoas interesadas, está previsto que a semana que vén estean xa dispoñibles, na páxina web da CRTVG, na sección de Televisión á carta, os 50 capítulos emitidos ata o de agora e todos os que se vaian ofrecendo diariamente. Ben Falado tamén pode seguirse diariamente en Arxentina, Uruguai, Brasil e México e en toda Europa.

Ben Falado!, financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, responde aos obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega, que establece como un dos obxectivos que cómpre conseguir no ámbito dos medios de comunicación o de lograr que os medios públicos ofrezan unha programación prestixiadora da lingua. Neste sentido, quíxose aproveitar o potencial da Televisión de Galicia como un dos axentes máis importantes de difusión, para emitir un programa sobre o galego con rigor, amenidade e xerador de interese ao redor da lingua.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder