Galicia

Convócanse axudas para actividades de dinamización lingüística no Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo publica, no BOP da Coruña do 24 de setembro de 2008, a convocatoria de subvencións municipais destinadas a entidades sen ánimo de lucro, colexios públicos e persoas físicas deste concello. Entre as actividades subvencionables na área de cultura, deportes e participación cidadá están as orientadas a fomentar a lingua e a cultura galegas.

Fonte: Consello da Cultura Galega

O 80% das clases nos institutos de Barbanza impártense en galego

Os docentes indican que máis do 70% dos alumnos de secundaria utiliza a diario a lingua galega.
O ensino privado é o que ten a menor taxa de uso do galego, aínda que sempre chega ao 50%.

Fonte: La Voz de Galicia

O BNG pide vixilancia sobre o decreto do galego no ensino

O voceiro de Educación do grupo parlamentario do BNG, Manuel Parga, pediulle á Consellería de Educación que avalíe os resultados da aplicación do decreto da lingua no ensino. A norma entrou en vigor a principios do pasado curso co obxectivo de que a metade das materias se impartan en galego.

Fonte: El País

O bipartito pediralles aos alcaldes que falen galego de xeito sistemático

Cada un dos 315 alcaldes de Galicia, así como os catro presidentes das deputacións, recibirán en breve unha comunicación da Xunta na que son instados a utilizar "de xeito sistemático" a lingua galega no exercicio das súas funcións, tanto nos actos orais coma nos escritos.

Fonte: La Voz de Galicia

O Foro Enrique Peinador anuncia novas campañas de galeguización de empresas

Despois do acto do pasado mes de xullo no estaleiro vigués Barreras, no que se asinou un convenio con Política Lingüística para a galeguización das actividades da empresa, o Foro Enrique Peinador reuniuse de novo para programar máis actos de galeguización empresarial.

Fonte: Faro de Vigo

Cultura celebra o Día Internacional da Tradución cunha homenaxe a Valentín Arias en Vigo

O luns 29 de setembro celebrouse unha xornada sobre terminoloxía e tradución

A Consellería de Cultura triplicou desde 2004 as axudas á tradución desde e para o galego, que este ano superaron os 300.000 euros

O 30 de setembro é o Día Internacional da Tradución e a Consellería de Cultura e Deporte celebrarao cunha homenaxe en Vigo ao tradutor Valentín Arias. Os actos conmemorativos enmárcanse nunha política da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural de aposta polo fomento da tradución, cun forte incremento das axudas, que se triplicaron en só catro anos.

O 30 de setembro é a data na que os tradutores e intérpretes celebran o seu patrón, San Xerome. Ese día a Consellería recoñecerá o traballo desenvolvido por Valentín Arias, un dos máis grandes tradutores de Galicia. Será nun acto no Auditorio do Centro Sociocultural Caixanova de Vigo ás 19:00 horas, no que intervirá a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

Este acto complétase coa celebración dunha xornada sobre terminoloxía e tradución, que se celebrou na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Os actos conmemorativos están organizados pola Consellería de Cultura e Deporte en colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da interpretación e a Universidade de Vigo.

Valentín Arias
Valentín Arias López, homenaxeado no Día da Tradución, naceu en Sarria en 1934. En 1969 comezou a traballar coa Editorial Galaxia. Foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que foi presidente. Traduce fundamentalmente do francés, do portugués e do español. En 1989 recibiu o premio Ramón Cabanillas de Tradución, e o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura.

Entre as súas moitas traducións atópanse as obras de Jules Verne “A volta ao mundo en oitenta días”, “Viaxe ao centro da terra” e “Da Terra á Lúa”, “Voo de noite” de Antoine de Saint-Exupéry, “O estranxeiro” de Albert Camus e “A fractura do miocardio” de Jacques Fansten. Tamén traballou no equipo que traduciu “O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha”. Ademais publicou numerosos artigos sobre a tradución e a función do tradutor, en especial en países con linguas minorizadas.

Auxe da tradución
A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural destinou este ano 307.689 euros á subvencionar traducións e probas de tradución, o que supón superar en máis do triple os 90.000 euros que destinou en 2004 para o mesmo fin o anterior goberno da Xunta. Este incremento permitiu que as obras subvencionadas pasasen de 30 en 2004 a 89 en 2007. Este ano agárdase que arredor de 120 libros se beneficien destas axudas, destinadas tanto á edición en galego de textos doutras linguas como para a tradución a outras linguas de textos orixinais en galego.

O aumento das traducións produciuse nas obras publicadas en galego desde outros idiomas, que pasaron de 16 a 63 obras, e tamén na cantidade de obras galegas que foron editadas noutros idiomas co apoio da Consellería, que se no 2004 eran 14, en 2007 pasaron a ser 26. Estas axudas permitiron a publicación de obras literarias galegas en castelán, catalán, inglés, francés, italiano e portugués, entre outros.

En 2008 creouse ademais unha nova modalidade de axuda, a dirixida a probas de tradución, para as que se destinaron 25.000 euros. Trátase de apoiar a tradución a outras linguas de fragmentos de entre 100 e 1.000 palabras cos que se procura que as persoas ou entidades do exterior poidan formar unha primeira opinión con respecto da obra, para iniciar os contactos para a edición dese texto na súa lingua. Esta acción busca favorecer a exportación de textos de autores galegos a outras linguas.

Con este incremento das axudas a Consellería quere facilitar que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción literaria a mercados exteriores noutras linguas. Ao mesmo tempo, procúrase facer posible que se poidan atopar no noso país e na nosa lingua textos significativos producidos no exterior, incluíndo obras de referencia clásicas e de actualidade. As axudas favorecen ademais o traballo dos profesionais galegos da tradución.

Fonte: Xunta de Galicia

O Colexio de Avogados de Santiago pon na rede o Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego)

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago ofrece na súa páxina web o Glosario de termos xurídicos dubidos (castelán-galego). Este glosario conta coa supervisión do Termigal (Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica da Real Academia Galega) e está formado por preto de 200 termos.

Fonte: Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela

Caixa Galicia pon en marcha unha web para mellorar o galego dos seus empregados

Caixa Galicia vén de crear o blog 'Galeteca' -http://www.galeteca.com-, unha ferramenta que nace co obxectivo de achegar e mellorar o uso do galego dos seus empregados e clientes, así como de calquera persoa interesada na lingua do país, especialmente a empregada no mundo das finanzas, segundo informou a entidade financieira.

Fonte: GZnación

Renóvase o dicionario en liña inglés–galego máis completo

Vén de presentarse a segunda edición do Dicionario CLUVI inglés-galego, un glosario que achega 20 mil entradas e 30 mil acepcións con cadanseu exemplo de uso real tirado dun corpus de máis de oito millóns de palabras.

Fonte: Vieiros

Empresas do sector turístico reciben cartas para que utilicen o galego na súa actividade

Algunhas empresas do sector turístico están recibindo presións para que inclúan o galego na súa actividade, mediante unha serie de cartas remitidas pola Mesa pola Normalización Lingüística.

Fonte: Nexotur

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder