Galicia

A Xunta inviste en dous tradutores galego-inglés

Política Lingüística (PSOE) e Industria (BNG) invisten, cada unha polo seu lado, en dous tradutores automáticos coa mesma función. O de Industria presentouno a pasada semana a empresa galega 'Imaxin'. O de Política Lingüística, tamén para galego-inglés, está a desenvolvelo a catalá 'Translendium'.

Fonte: A Nosa Terra

Os veterinarios contan xa cun vocabulario de termos en galego, castelán e inglés

O colectivo veterinario ou calquera outro profesional interesado poderá facer uso a partir da próxima semana do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria , en galego, español e inglés, que vai ser presentado o vindeiro mércores e no que estiveron traballando nos últimos catro anos unha decena de profesionais.

Fonte: La Voz de Galicia

Na Facultade de Veterinaria de Lugo a docencia en lingua galega apenas chega ao vinte por cento

Para Xusto Rodríguez Río, o galego no eido veterinario atravesa por dúas situacións bastante contrapostas. Por un lado, é a lingua maioritaria no que se refire ao traballo de campo que este profesionais levan a cabo cos propietarios dos animais. Non obstante a situación cambia totalmente no apartado da formación, xa que a docencia en galego na Facultade de Veterinaria se sitúa arredor do vinte por cento.

Fonte: La Voz de Galicia

Galicia Bilingüe reclama a gratuidade dos libros de texto en castelán

Galicia Bilingüe solicitou á Consellería de Educación que inclúa os libros de texto en castelán no programa de gratuidade. No seu escrito, a asociación sinala que, a pesar de que xa se recoñeceu o dereito a dous escolares de Pontedeume a usar os manuais en castelán e a utilizalo oralmente e por escrito na aula, a consellería debe «emitir agora un pronunciamento público que deixe clara a existencia dese dereito», así como que admita que os escolares que opten polo castelán teñan tamén acceso ao programa de gratuidade, restrinxido aos libros en galego para as materias impartidas nesa lingua.

Fonte: La Voz de Galicia

A Mocidade pola Normalización Lingüística pídelle ao Valedor que "actúe ante o incumprimento" do decreto do galego

O portavoz da Mocidade pola Normalización Lingüística, Fran Rei, acompañado de representantes de Galiza Nova e Comités, entregáronlle un escrito ao Valedor do Pobo, Benigno López, no que lle piden que "actúe ante o incumprimento" do decreto do galego no ensino.

Fonte: Europa Press

Educación cifra nun 25% o alumnado que secundou a folga polo decreto do galego, e os estudantes elévano ao 75%

A folga no segundo ciclo de secundaria, bacharelato e FP para reivindicar o cumprimento do decreto do galego no ensino foi secundada por un 25,2% do alumnado galego, segundo a Consellería de Educación. Con todo, a Mesa pola Normalización Lingüística, Galiza Nova e os Comités, que organizaban a protesta, sinalaron que a folga se notou na maioría dos 340 centros nos que estaba convocada e cifraron a súa incidencia global en «máis dun 75%».

Fonte: La Voz de Galicia

Escurís convértese na primeira conserveira galega en comercializar os seus produtos en braille

A conserveira Escurís comezou a comercializar a súa liña de atún claro en aceite de oliva en envases escritos en braille para facilitarlles as compras ás persoas con discapacidade visual. Deste xeito, convértese na primeira empresa do sector en Galicia en adoptar unha iniciativa deste tipo.

Fonte: Faro de Vigo

Unha campaña crea polémica por vincular a lingua cos malos tratos

A iniciativa do Concello, a Deputación e a Universidade da Coruña de reivindicar o galego no Día Internacional contra a Violencia Machista desatou unha polémica, mesmo nas filas locais do BNG. As tres institucións organizaron no paraninfo da Reitoría a lectura de textos de diversos autores baixo o lema "Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua".

Fonte: El País

Apróbase no Parlamento galego a creación dun servizo de intérpretes de signos para vítimas xordas de malos tratos

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei para instar a Xunta a adoptar medidas específicas para mulleres con discapacidade que son vítimas da violencia machista. A iniciativa foi presentada polo BNG e entre as medidas propón a creación dun servizo 24 horas de intérpretes de lingua de signos para os dispositivos de urxencia que atenden as denuncias de malos tratos.

Fonte: Galiciae

A Cova, a versión tecnolóxica do xogo das palabras encadeadas, visita Lugo e estará tamén na feira Cultur.gal

A instalación interactiva, na que os visitantes poden achegar palabras coas que se construirá unha cadea xigante, permanecerá na praza Maior de Lugo desde o venres 28 de novembro ata o domingo 30

Máis de 2500 persoas pasaron pola Cova, que recalou ata o momento en catro cidades galegas

Política Lingüística levará o xogo das palabras encadeadas á feira Cultur.gal, que se desenvolverá na Coruña entre o 4 e o 7 de decembro

A praza Maior da cidade luguesa acollerá o venres 28, o sábado 29 e o domingo 30 de novembro A Cova, unha instalación interactiva acorde coas novas tecnoloxías da comunicación e deseñada para fomentar a dinamización lingüística. Esta visita a Lugo supón o peche da itinerancia inicial prevista para esta montaxe, que está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística como unha actividade máis dentro da campaña “En galego, tes todo por vivir. Tócache!”. Tras o seu paso por Lugo, A Cova trasladarase a vindeira semana á Coruña para formar parte das iniciativas programadas no marco da segunda edición da feira Cultur.gal, na que Política Lingüística participa cun expositor por segundo ano consecutivo.

Persoas de calquera idade poden achegarse ata A Cova e deixar a súa pegada interactiva en forma de palabra. Con todas as achegas que fagan os visitantes elaborarase unha cadea xigante de palabras. O Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga) é a ferramenta que se emprega para garantir a corrección dos vocábulos que se van engadindo á cadea.

Esta instalación inspírase no mito da caverna de Platón. Iniciou a súa itinerancia en Santiago de Compostela e logo trasladouse ás cidades da Coruña, Ourense e Vigo. Ata o momento, levan participado xa no xogo das palabras encadeadas máis de 2500 persoas.

Feira das industrias culturais
De xeito excepcional, A Cova regresará á cidade da Coruña con motivo da participación da Secretaría Xeral de Política Lingüística na segunda edición da feira Cultur.gal. A instalación das palabras encadeadas permanecerá no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) desde o 4 ata o 7 de decembro. Política Lingüística participa por segundo ano consecutivo nesta feira galega das industrias culturais.

Fonte: Xunta de Galicia

Boletín

Subscríbase al boletín

Logo Feder