O pasado venres día 12 de setembro reuniuse, en Valladolid, a comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Xunta e a Junta de Castilla y León para abordar o comezo do curso e analizar o 2007-2008
O número de alumnos do programa de estudos de galego nesta comunidade non deixou de medrar desde que se puxo en marcha
A Comisión Mixta de Seguimento da Lingua Galega reuniuse o pasado venres día 12 de setembro en Valladolid para avaliar o desenvolvemento do curso 2007-2008, tratar as repercusións da nova normativa de organización académica no desenvolvemento do Programa e concretar as perspectivas para o curso 2008/2009. Tanto os representantes de Galicia como de Castilla y León manifestaron un alto grao de satisfacción polo traballo desenvolvido e pola consolidación do Programa para a Promoción da lingua galega en Castilla y León.
Os datos analizados no encontro, que constatan o incremento anual no número de alumnos que seguen o programa de promoción do galego (1.003 este curso que agora comeza en Infantil e Primaria, ademais dos que se matriculen na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada). Tamén se concretaron accións de mellora relacionadas coa dotación de materiais didácticos e a apertura de vías de intercambio entre os alumnos de ambas as dúas comunidades.
A comisión mixta está integrada por representantes designados respectivamente pola Consejería de Educación da Junta de Castilla y León (Emilio Gutiérrez, director xeral de Planificación) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia (Marisol López, secretaria xeral).
Os bos resultados obtidos tras o acordo de cooperación entre ambas as dúas consellerías para a promoción do idioma galego nos territorios limítrofes das comunidades autónomas (O Bierzo e Sanabria), asinado en xullo de 2001, chegouse ao protocolo xeral de colaboración entre a Junta de Castilla y León e a Xunta de Galicia para fomentar esta lingua nos citados territorios, asinado en agosto de 2006.
O obxecto deste protocolo é establecer as pautas de orientación política para a colaboración entre as dúas comunidades na promoción do galego nas provincias de León e Zamora, en concreto nas zonas do Bierzo e Sanabria, nas que esta lingua se fala, mediante a súa aprendizaxe nos centros non universitarios destas zonas.
A implantación destes estudos ten carácter voluntario para os centros e para os alumnos, de acordo co que establece a normativa vixente sobre autonomía pedagóxica, de organización e de xestión dos centros docentes, e para o alumnado. Non obstante, promoverase que os centros que optaran por este programa lle outorguen continuidade ao programa para garantir que os alumnos poidan completar os estudos e obter os certificados correspondentes.
Esta comisión de seguimento serve de punto de encontro entre as Comunidades, onde se leva a cabo o seguimento do protocolo vixente e se canaliza a colaboración prevista. Entre as súas funcións principais están:
a) Definir accións anuais que concreten a aplicación do protocolo
b) Estudar as peticións das comunidades escolares e favorecer o seu cumprimento.
c) Delimitar a extensión xeográfica da área de aplicación, concretando tanto os centros como o alumnado afectado
d) Establecer os criterios de selección e formación do profesorado
e) Propoñer as accións de formación, divulgación, bibliografía, materiais, etc. que permitan unha implantación de calidade deste ensino en correcta harmonía co ensino das linguas
Fonte: Xunta de Galicia



