Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de novembro de 2017

    O Goberno do País Vasco impulsou o proxecto 'Euskal Kirolari' para fomentar o uso da lingua vasca no eido do deporte, especialmente no ámbito dixital e das redes sociais. O proxecto contará coa participación de importantes deportistas que amosarán a súa relación co idioma e termos en éuscaro relacionados cos seus deportes.

    Fonte: 20minutos

    17 de novembro de 2017

    De acordo cos datos do Instituto Vasco de Estatística (Eustat), o 50,4 % das empresas do País Vasco que dispón de páxina web ofrece os seus servizos en éuscaro. A porcentaxe por provincias é do 61,7% en Guipúscoa, 46% en Biscaia e 39,1% en Áraba.

    Fonte: Finanzas.com

    16 de novembro de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou á historiadora Marta González na presentación da 'Guía ilustrada das igrexas de Santiago de Compostela', nun acto que se celebrou na Casa de Galicia e no que tamén participou o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    16 de novembro de 2017

    O Goberno de Navarra aprobou o decreto foral que regula o uso da lingua vasca nas Administracións Públicas de Navarra, nos seus organismos públicos e nas súas entidades de Dereito público. Con esta norma, a cidadanía poderá gozar do seu dereito a ser atendida en éuscaro pola Administración.

    Fonte: Pamplona actual

    16 de novembro de 2017

    O Senado admitiu unha proposición non de lei escrita en lingua aragonesa, que presentou o senador Carles Mulet (Compromís). É a primeira vez que o Senado acepta unha proposta escrita en aragonés.

    Fonte: El Periódico de Aragón

    16 de novembro de 2017

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na entrega dos XVII Premios San Martiño de Normalización que se celebrou no teatro Principal da Estrada.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    15 de novembro de 2017

    O Parlamento de Macedonia aprobou un borrador de lei que permitiría que o albanés, falado por un cuarto da poboación do país balcánico, poida ser segunda lingua oficial.

    Fonte: Fox News

    15 de novembro de 2017

    Esquerda Unida, Somos Avilés e Gañemos Avilés presentarán no Pleno do Concello unha proposición na que solicitan avanzar ata a oficialidade da lingua asturiana e pídenlle ao Goberno autonómico establecer un diálogo para reformar o Estatuto de Autonomía.

    Fonte: Asturies.com

    15 de novembro de 2017

    A Unión Europea subvencionará, a través de fondos Feder, o proxecto LINGUATEC da Dirección Xeral de Política Lingüística do Goberno de Aragón e de Turismo de Aragón, que permitirá o desenvolvemento dun tradutor e dun dicionario en liña para o aragonés.

    Fonte: Heraldo

    15 de novembro de 2017

    O Concello de Zas pon en marcha un ano máis o seu concurso PanxoliñaZAS, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso da tecnoloxía en galego nos espazos de lecer propios do Nadal.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder