Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de novembro de 2017

    A Xunta de Galicia, membro de pleno dereito da Rede Europea para Promover a Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés), participou en Bruxelas na conferencia de alto nivel ‘Os retos actuais das linguas minoritarias das complexas sociedades de hoxe’, organizada por esta entidade e polo Centre Maurits Coppieters.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    13 de novembro de 2017

    A Escola Balear de Administración Pública presentou o Plan de Formación de Lingua Catalá que prevé unha oferta dunhas 1000 prazas para cursos de catalán destinados ao persoal das Administración Públicas das illas Baleares.

    Fonte: La Vanguardia

    13 de novembro de 2017

    De acordo cos resultados do "Proxecto Arrue" sobre uso de éuscaro no eido escolar, a utilización da lingua vasca aumentou no período 2011-2015, acadando un 59,4 % en 4º de Educación Primaria e un 42,3 % en 2º da ESO.

    Fonte: La Vanguardia

    13 de novembro de 2017

    O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compartiu co alumnado do CPI Domingo Fontán, de Portas, o acto do Día da Ciencia en Galego, no marco do mes dedicado a esta efeméride e que este ano ten como protagonista ao científico Domingo Fontán Rodríguez, que elaborou o primeiro mapa topográfico-científico de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de novembro de 2017

    Por primeira vez na historia de Chipre, a igrexa ortodoxa organizará a primeira celebración litúrxica en lingua de signos co fin de que as persoas con dificultades auditivas poidan ter acceso a este servizo relixioso.

    Fonte: News in Cyprus

    10 de novembro de 2017

    Un grupo de 314 profesoras e profesores de francés mostrou o seu rexeitamento ante a negativa da Academia Francesa de aceptar mudanzas normativas que convertan o francés nunha lingua máis inclusiva en cuestións de xénero.

    Fonte: The Telegraph

    10 de novembro de 2017

    A oficina estatística do Canadá revelou que, a pesar do incremento poboacional rexistrado polas comunidades indíxenas, as súas linguas teñen cada vez unha situación máis feble.

    Fonte: Language Magazine

    10 de novembro de 2017

    De acordo coa axencia educativa Education First (EF), China sitúase agora no posto 36 no que respecta ao dominio da lingua inglesa, a súa mellor posición da historia.

    Fonte: GB Times

    10 de novembro de 2017

    Preséntase a segunda edición de DivulgaTerra, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Santiago para a difusión do traballo desenvolvido polos novos investigadores e investigadoras e para promover o uso do galego como lingua da comunicación e da divulgación científica.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    10 de novembro de 2017

    A obra premiada é Home is Like a Different Time, versión inglesa de A veiga é como un tempo distinto de Eva Moreda, traducida do galego por Craig Patterson.

    Fonte: Galicia Confidencial

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder