Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de maio de 2025

    A oferta de materias en catalán nas universidades públicas de Cataluña mantívose no 74 % no curso 2023-2024, por baixo do obxectivo do 80 % fixado para 2025, mentres o uso do castelán aumentou. A consellaría destaca avances na formación do profesorado e na internacionalización, e confía en progresar grazas aos plans de incremento da docencia en catalán e outras medidas de apoio.

    30 de maio de 2025

    O Concello de Ames organiza a VI Festa do Apego, unha xornada festiva dedicada a promover a lingua galega no lecer familiar. O evento ofrece contos, xogos, teatro, obradoiros e espazos creativos para fomentar unha crianza positiva en galego.

    Fonte: Concello de Ames

    30 de maio de 2025

    A xornada «Comunicación, cultura e acción exterior» destacou a importancia de integrar o galego e a identidade galega como eixe estratéxico nas empresas. Presentáronse exemplos inspiradores e propostas concretas para fortalecer a lingua no ámbito da intelixencia artificial, nos medios e nas redes culturais no exterior.

    30 de maio de 2025

    Un comité asesor do goberno do Quebec propuxo crear un dereito fundamental para acceder a contidos culturais en francés nas plataformas dixitais, ante a crecente dominancia do inglés en servizos como Spotify ou Netflix. Entre as recomendacións inclúese establecer cotas mínimas de contido en francés e modificar os algoritmos para favorecer resultados nesta lingua.

    Fonte: Slator

    30 de maio de 2025

    O Consello de Europa, a través do Centro Europeo de Linguas Modernas (ECML), organizou en Graz un obradoiro centrado en mellorar o acceso á educación para persoas usuarias de linguas de signos, especialmente aquelas en situacións vulnerables como crianzas xordas, persoas migrantes ou refuxiadas. O evento reuniu expertos de 25 países para desenvolver directrices e recursos que promovan unha educación inclusiva e de calidade en linguas de signos.

    29 de maio de 2025

    A Real Academia Galega vén de incorporar ao seu dicionario o termo lubre, que designa un bosque sagrado de culto celta, tras unha proposta impulsada por Bieito Romero, líder do grupo musical Luar na Lubre.

    Fonte: Galicia Confidencial

    29 de maio de 2025

    Escola Valenciana elaborou un modelo de recurso administrativo para que as familias poidan reclamar o dereito a escolarizar as súas fillas e fillos en valenciano e rexeitar a asignación de grupos en castelán amparada pola chamada Lei Rovira. A entidade denuncia que esta normativa vulnera a liberdade lingüística e anuncia que, se a vía administrativa non resolve, recorrerán aos tribunais para garantir o ensino na lingua propia.

    29 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da obra O agrarismo nas terras de Chantada, de Antonio Paz Vázquez, gañadora do XVII Certame de Investigación Condado de Pallares.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    29 de maio de 2025

    O Concello de Barcelona reforzará o uso do catalán nas escolas e nas actividades extraescolares a través do «Pla de Barris», co obxectivo de combater as desigualdades e recuperar o valor cohesivo desta lingua. As novas medidas incluirán a esixencia do catalán como lingua vehicular nas empresas adxudicatarias, así como un programa de auxiliares de conversa en inglés para garantir a igualdade de oportunidades na mocidade.

    29 de maio de 2025

    A Real Academia Galega e a asociación Alingua estudan fórmulas de colaboración para promover a normalización do galego desde o ámbito local. No encontro, ambas as dúas entidades mostraron interese por proxectos compartidos como Enreguéifate, Youtubeiras ou Apego, así como por ampliar a iniciativa «Modo Galego, actívao!» a máis concellos.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder