Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de xuño de 2025

    O Concello de Pamplona inicia os traballos para elaborar un plan de normalización lingüística, co obxectivo de protexer e promover o uso do éuscaro na cidade. O plan, que contará cun orzamento específico e un Consello Municipal do Éuscaro para o seu seguimento, busca garantir o dereito da cidadanía a coñecer e utilizar esta lingua, e impulsar a súa presenza nas relacións coa Administración e nos espazos públicos como elemento de cohesión social.

    04 de xuño de 2025

    O Concello de Xirona e a Universidade de Xirona desenvolverán un estudo para avaliar o uso do catalán na cidade e identificar ámbitos nos que sexa preciso reforzalo. O proxecto, que incluirá enquisas a domicilio e grupos de discusión, permitirá deseñar medidas concretas para promover a lingua no tecido social.

    04 de xuño de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou en Santiago de Compostela a edición comentada de Filosofía da Saudade, de Ramón Piñeiro, a obra editada pola Xunta de Galicia para conmemorar a celebración do 110º aniversario do nacemento do escritor, político e filósofo que foi unha das figuras históricas do galeguismo durante o século XX e homenaxeado no Día das Letras Galegas no ano 2009.

    04 de xuño de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega de premios da 16ª edición do Concurso Coca-Cola Novos Talentos de Relato Curto de Galicia, cuxa gañadora da fase autonómica foi Gabriela Villada, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, na provincia da Coruña.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de xuño de 2025

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entregou os premios do escape room sobre a figura de Castelao organizado polo Departamento Territorial de Lugo na Biblioteca Pública Provincial, no que participaron uns 725 escolares de sexto de Primaria procedentes de quince centros da cidade.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    04 de xuño de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da versión en liña da Biblia en galego, iniciativa coa que colabora a Xunta no senso de “seguir dando pasos adiante en todos os ámbitos da sociedade, como é o eido relixioso, a prol do uso da nosa lingua”, apuntou.

    03 de xuño de 2025

    O goberno flamengo puxo en marcha unha campaña para reforzar a aprendizaxe da lingua nos colexios de primaria. A medida busca mellorar as habilidades lingüísticas do alumnado, especialmente entre os que falan outras linguas na casa, e facilitar así a súa integración escolar.

    Fonte: Belga News Agency

    03 de xuño de 2025

    O goberno do estado brasileiro de Goiás lanzou un libro didáctico adaptado a distintas linguas indíxenas, co obxectivo de garantir o acceso á educación nas linguas maternas dos pobos orixinarios. A iniciativa forma parte dunha política de inclusión e valorización da diversidade lingüística.

    Fonte: Diário de Goiás

    03 de xuño de 2025

    O Goberno de Navarra abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a promover o uso e a presenza do éuscaro en entidades sen ánimo de lucro da Comunidade Foral. As subvencións apoiarán a elaboración e a implementación de plans lingüísticos, medidas concretas e investimentos en contidos dixitais en éuscaro.

    03 de xuño de 2025

    O Departamento de Saúde de Cataluña presentou unha guía para que as entidades do sistema sanitario público elaboren plans de xestión lingüística que garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Estes plans deberán asegurar que o persoal poida atender oralmente e por escrito na lingua oficial escollida polas persoas usuarias.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder