O Parlamento de Navarra aprobou instar a Unión Europea a recoñecer como oficiais o éuscaro, o catalán e o galego, resaltando a importancia de reflectir a diversidade lingüística europea. A proposta busca garantir a presenza destas linguas nas comunicacións e documentos oficiais da UE.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O goberno local de Ferrol abriu o prazo de inscrición para o curso Comunicación en lingua galega de nivel 2, dirixido a persoas en situación de desemprego e sen a ESO ou equivalente. Este curso, de 138 horas e de balde, forma parte da oferta de competencias clave financiada pola Xunta.
En total, tres de cada catro residentes amosan preocupación polo retroceso do uso social do catalán, o que sitúa a Menorca como a illa das Baleares con maior desasosego respecto á súa lingua. Aínda que o catalán segue sendo a lingua maioritaria en Menorca, tanto no ámbito familiar como noutros espazos sociais, persiste a inquietude polo seu futuro.
Isadora Moon, a protagonista dunha popular serie de libros infantís, chega agora ao galego coa publicación dos volumes Isadora Moon vai á escola e Isadora Moon quere axudar pola editorial Bululú. A serie, escrita por Harriet Muncaster, está dirixida a nenos e nenas de 5 a 8 anos.
Fonte: Praza
O Tribunal de Xustiza de Roraima iniciou un proxecto pioneiro para traducir a Constitución Federal brasileira á lingua macuxí. Esta iniciativa, presentada na comunidade indíxena Maturuca, busca garantir o acceso á información xurídica e recoñecer a identidade dos pobos orixinarios.
Fonte: Roraima em Foco
Un informe sinala que o tempo que o alumnado de Irlanda do Norte dedica ao estudo de linguas é o máis curto de Europa. Segundo outro estudo do British Council, o español superou por primeira vez o francés como idioma máis ensinado nas escolas da rexión.
Fonte: BBC
Andorra dá un novo paso na súa política lingüística coa creación do Consello Nacional para a Lingua. Este organismo reúne representantes institucionais e sociais para promover o uso do catalán. O seu obxectivo é facer seguimento da lei lingüística e fomentar o uso social da lingua en todos os ámbitos.
Fonte: El Diari de la Llengua
O libro Charrando aragonés, presentado na Feira do Libro de Huesca, destaca a vitalidade do aragonés na súa zona de uso predominante, a pesar das dificultades demográficas e sociais. A investigación, baseada en mil enquisas realizadas en 60 municipios de Aragón, revela que aproximadamente 35 000 persoas teñen contacto coa lingua, pero o número de falantes activos é menor, e a transmisión interxeracional está comprometida.
A partir do vindeiro curso, as persoas que se matriculen no nivel básico A2 dos euskaltegis poderán facelo practicamente de xeito gratuíto, unha medida que forma parte da política de gratuidade impulsada polo Goberno vasco, que xa mostrou os seus efectos positivos ao incrementar as matriculacións nun 20 % no nivel A1 e un 73 % entre as persoas de 16 a 18 anos no nivel C1. A iniciativa tamén busca fortalecer o coñecemento e uso do éuscaro en diversos ámbitos sociais e laborais.
O noveno volume da serie Toponimia do Val de Fragoso aborda máis de 150 topónimos da parroquia de Teis. A obra, elaborada por Vera Álvarez Suárez, recolle nomes relacionados coa auga, como regatos, ríos, fontes e praias, e describe a súa orixe histórica e etimolóxica. O traballo destaca a importancia de conservar e difundir a toponimia como parte da nosa memoria oral.
Boletín
Subscríbase ao boletín

