Os Premios Mil Primaveras, creados pola CTNL en 2019, recoñecen e difunden proxectos que fomentan o uso e prestixio do galego. A sexta edición péchase o 7 de xuño coa entrega de galardóns a catro proxectos destacados: Brazolinda, «Galego para peques», «Modo galego, actívao!» e «Vitamina G» nun evento no Pazo de Cultura de Pontevedra.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Un informe recente revela que en Romanía hai unha crecente demanda de profesionais que dominen idiomas estranxeiros, especialmente inglés, alemán e francés. As empresas buscan empregados multilingües para cubrir postos en sectores como atención ao cliente, tecnoloxía da información e finanzas.
Fonte: Romania-Insider
O Goberno vasco presentou Ahots Batuak, unha iniciativa que promove a diversidade lingüística e cultural como motor de transformación social e que aspira a incorporarse como un novo obxectivo da Axenda 2030. O proxecto busca reforzar os dereitos culturais e lingüísticos, impulsar alianzas globais e influír nas políticas internacionais, situando as linguas e culturas como elementos clave para a cohesión social e o desenvolvemento sostible.
O sistema arText, desenvolvido pola UNED, está agora dispoñible en catalán. Trátase dunha ferramenta gratuíta e en liña que facilita a redacción de textos especializados e en linguaxe clara en diversos ámbitos como a saúde ou o xurídico. O proxecto, que combina investigación lingüística e tecnoloxía, busca garantir a presenza do catalán nos recursos dixitais e avanzar cara a unha comunicación administrativa máis accesible.
O XVI Premio Rosalía de Castro recoñeceu este ano o labor de Xosé Ramón Freixeiro Mato, a asociación Ponte... nas ondas! e os proxectos CeibaRimas e Galego para peques. As iniciativas galardoadas destacan pola súa contribución á promoción do galego na investigación, na cultura e na creación de contidos para a infancia e a mocidade, o que reforza a vitalidade da lingua en espazos emerxentes e na sociedade actual.
O Correlingua celebrou o seu 25 aniversario cunha participación de máis de 14 000 estudantes de once concellos, que se sumaron ás actividades en prol da lingua galega baixo o lema «A mocidade activa por unha lingua viva».
O Parlamento Europeo elaborou unha lista de once linguas que, aínda que están recoñecidas oficialmente nos seus respectivos estados membros, non teñen status de lingua oficial na Unión Europea. Esta iniciativa busca pór en valor a diversidade lingüística interna da UE e podería abrir a porta a futuras demandas de oficialidade por parte destas comunidades lingüísticas.
Fonte: Diari de la Llengua
Segundo datos do Departamento do Censo dos EUA, máis do 22 % da poboación maior de cinco anos fala unha lingua distinta do inglés no ámbito doméstico. O español é a lingua máis común entre estas, representando o 61 % dos casos, mentres que as linguas indíxenas americanas experimentaron un descenso do 6 % no número de falantes entre 2009 e 2021. Este último dato reflicte unha perda progresiva destas linguas tradicionais.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou hoxe no Museo Centro Gaiás as liñas de traballo da exposición inmersiva Castelao. Mirar por Galicia. Realizada coa colaboración da Fundación Castelao, a mostra representa a experiencia tecnolóxico-cultural máis avanzada ata o momento ao redor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un percorrido para atravesar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras de Galicia.
O Concello de Pamplona inicia os traballos para elaborar un plan de normalización lingüística, co obxectivo de protexer e promover o uso do éuscaro na cidade. O plan, que contará cun orzamento específico e un Consello Municipal do Éuscaro para o seu seguimento, busca garantir o dereito da cidadanía a coñecer e utilizar esta lingua, e impulsar a súa presenza nas relacións coa Administración e nos espazos públicos como elemento de cohesión social.
Boletín
Subscríbase ao boletín



