Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de maio de 2025

    A Unión Europea volve adiar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro. A falta de acordo unánime entre os 27 Estados membros impide que prospere, por agora, a proposta presentada polo Goberno español no Consello de Asuntos Xerais, polo que as tres linguas deberán continuar á espera da súa oficialidade en Europa.

    Fonte: Praza Pública

    27 de maio de 2025

    O Concello sardo de L'Alguer consolida a certificación oficial do nivel C1 de catalán grazas á colaboración institucional e educativa. Esta iniciativa reforza o ensino da lingua e promove a súa presenza cultural e social na cidade sarda.

    Fonte: Diari de la Llengua

    27 de maio de 2025

    O Departamento de Política Lingüística subvencionou 17 proxectos para incorporar o catalán no ámbito dos videoxogos, cun investimento de máis de 126 000 euros. As propostas abranguen desde videoxogos narrativos e de terror ata xogos educativos e minixogos accesibles en liña. Todos eles pasarán a formar parte de VDJOC, a base de datos que recolle os videoxogos comerciais dispoñibles en catalán.

    27 de maio de 2025

    Oito universidades catalás elaboraron unha guía multilingüe para facilitar a aprendizaxe do catalán a través da interacción con ChatGPT, dirixida especialmente ao alumnado de intercambio. O documento ofrece consellos técnicos e lingüísticos, exemplos de uso e propostas de actividades para practicar a conversa de xeito autónomo e eficaz con intelixencia artificial.

    26 de maio de 2025

    O Goberno de Andorra impuxo dúas sancións e abriu trinta expedientes por incumprimentos da Lei do Catalán desde que rematou a moratoria en xaneiro. A medida busca garantir o uso do catalán na atención ao público, aínda que algúns partidos consideran que a aplicación das sancións é insuficiente.

    Fonte: Diari de la Llengua

    26 de maio de 2025

    Oito estudantes universitarios participaron na selección nacional checa da "Ponte Chinesa", onde demostraron os seus coñecementos de chinés e talentos artísticos. Dúas alumnas foron recoñecidas pola súa destacada actuación.

    Fonte: Xinhua Portugués

    26 de maio de 2025

    A Academia da Lingua Asturiana presenta Noyos, un novo método de alfabetización en asturiano dirixido a persoas adultas, baseado no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas. O proxecto abrangue todos os niveis de competencia e combina un manual impreso cunha plataforma dixital con recursos audiovisuais e exercicios para a autoaprendizaxe.

    26 de maio de 2025

    O Goberno de Navarra e Euskaltzaindia asinaron un acordo bilateral para impulsar o desenvolvemento do éuscaro na Comunidade Foral, que se concreta en accións como a recuperación de gravacións lingüísticas, a elaboración de dicionarios e a creación dunha biblioteca específica. Este convenio, que lle outorga a Navarra plena capacidade de decisión e mellor coordinación, establece a creación de comisións para garantir o seguimento, planificación e avaliación das accións previstas.

    26 de maio de 2025

    A USC convoca a segunda edición do Concurso de edición da Galipedia, co obxectivo de fomentar a creación e mellora de contidos enciclopédicos en galego en distintas áreas do saber. A iniciativa, dirixida á comunidade universitaria, busca reforzar a presenza do idioma na difusión do coñecemento. Concederanse premios ás mellores achegas en cinco ámbitos temáticos.

    26 de maio de 2025

    O Goberno vasco puxo en marcha o proxecto LANERA para promover o uso do éuscaro no ámbito laboral e socioeconómico, un sector clave para a súa normalización. A iniciativa, estruturada en cinco fases ata 2026, comeza cunha recolla de información nos 252 municipios da CAPV para identificar iniciativas en curso e establecer prioridades comúns. O obxectivo é facer do éuscaro unha ferramenta real de traballo que xere novas oportunidades.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder