Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de maio de 2025

    O ministro irlandés Dara Calleary presentará o Plan Lingüístico 2025–2032 para Castlebar, recoñecida como cidade servizo da Gaeltacht. Este plan busca promover o uso do irlandés na vida pública e social da vila, beneficiando tanto a comunidade local como as zonas de fala irlandesa próximas.

    Fonte: Connaught Telegraph

    21 de maio de 2025

    A votación prevista para o 27 de maio no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea sobre a oficialidade do catalán, o éuscaro e o galego está en risco debido ás reticencias dunha decena de estados membros. A pesar do apoio de países como Portugal, Bélxica e Hungría, outros como Suecia, Finlandia e Lituania expresaron dúbidas. O Goberno español comprometeuse a asumir os custos asociados e presentou un memorando para evitar un efecto chamada.

    21 de maio de 2025

    O Consello de Goberno aprobou unha convocatoria de subvencións por valor de 1.116.400 euros para apoiar o desenvolvemento de longametraxes, series e miniseries ata 2026, con especial atención aos proxectos en éuscaro. As axudas cubrirán gastos previos á produción, como guión, márketing, localizacións ou asesoramento xurídico. A contía máxima variará segundo o formato, xénero e lingua, e será maior para as producións en éuscaro.

    21 de maio de 2025

    O uso do éuscaro nas redes sociais entre a mocidade de 15 a 29 anos aumentou ata o 43,6 % en 2025, cunha maior presenza entre as mulleres. Guipúscoa lidera esta tendencia con máis da metade da mocidade empregando a lingua, mentres que Biscaia e Áraba tamén experimentan subas significativas. Os datos, recollidos polo Observatorio Vasco da Xuventude, revelan un avance sostido cara á normalización do éuscaro nos espazos dixitais.

    21 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da foliada das letras galego-portuguesas «Agora cantamos nós». Trátase dunha iniciativa que organiza «Ponte... nas ondas!», a quen agradeceu o seu traballo no reforzo dos lazos coa lusofonía.

    21 de maio de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu á XXII edición do Festival de Cine de Cans que acolleu a apertura da exposición «Cans senior» e a inauguración da rúa efémera dedicada á cineasta galega Cruz Risco. No acto, acompañado por un grupo de alumnos gañadores do certame «Nós tamén creamos!», destacou a importancia da creación en galego como referente para as novas xeracións.

    20 de maio de 2025

    A Academia de Linguas Maias de Guatemala (ALMG) está a promover a revitalización do idioma achí mediante a creación de audiolibros subtitulados en achí e español. Con esta iniciativa, queren reforzar a identidade cultural da comunidade e animar a xente a ler e aprender na súa propia lingua.

    Fonte: Agencia Guatemalteca de Noticias

    20 de maio de 2025

    Durante o 2.º Simposio da Lingua Kurda celebrado en Van (Turquía), defensores das linguas kurda e sami reclamaron o seu recoñecemento oficial para combater as políticas de asimilación cultural. As persoas participantes subliñaron a importancia de garantir o dereito á educación nas linguas maternas e de preservar a diversidade lingüística fronte ás presións uniformizadoras dos estados.

    Fonte: MedyaNews

    20 de maio de 2025

    A Xunta volve colaborar un ano máis coa Vegalsa-Eroski na campaña das Letras Galegas coa que esta distribuidora alimentaria homenaxea as cantareiras e a poesía popular oral. Para iso, durante todo o mes de maio exhibirá nos seus 150 establecementos de toda Galicia carteis conmemorativos e repartirá entre os seus clientes unha edición especial das súas bolsas da compra.

    20 de maio de 2025

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado doutros membros do Goberno galego, presidiu a Sesión Plenaria Extraordinaria e Pública da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas 2025 celebrada no Centro Cívico Cultural de Malpica de Bergantiños.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder