Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de febreiro de 2025

    A Deputación de Pontevedra abre unha liña de axudas para concellos e entidades locais que queiran crear, manter ou reforzar os seus servizos de normalización lingüística en 2025. As subvencións están dispoñibles para municipios de menos de 50.000 habitantes e asociacións municipais sen este servizo, así como para os que precisen ampliación de persoal ou xornada. O prazo para presentar solicitudes será dun mes desde a publicación da convocatoria.

    11 de febreiro de 2025

    A Université Sorbonne Nouvelle - París 3 ofertará unha titulación sobre linguas da Península Ibérica, incluíndo o galego como lingua de especialización. O programa está financiado pola Xunta de Galicia, o Instituto Ramón Llull e o Instituto Etxepare.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    11 de febreiro de 2025

    Meta e a UNESCO lanzan un proxecto para mellorar a tradución automática de linguas con poucos recursos tecnolóxicos. O obxectivo é preservar a diversidade lingüística a través da intelixencia artificial.

    Fonte: Tiempo

    11 de febreiro de 2025

    A Comisión sobre o Catalán no Contorno Dixital concluíu cun informe que propón un plan local de lingua en Barcelona para fomentar o uso do catalán, especialmente entre a mocidade, para o que se recomenda  integrar a lingua nas políticas xuvenís, culturais e comunitarias. As propostas inclúen impulsar referentes xuvenís en internet, implicar a mocidade na creación de contidos institucionais e lanzar campañas que vinculen o catalán coa identidade barcelonesa.

    11 de febreiro de 2025

    O Goberno de Navarra, a través de Euskarabidea, lanza a campaña «Dales nuestro legado, dales euskera / Emaiezu hemengoa, emaiezu euskara» dirixida ás familias para fomentar o uso do éuscaro na infancia. A campaña terá ampla difusión en medios e espazos públicos e contará cun orzamento de 55 000 euros.

    11 de febreiro de 2025

    A Real Academia Galega e o Concello de Ames continúan co proxecto «Modo galego, actívao!», que busca incrementar o uso do galego na infancia a través de retos diarios en infantil e primaria. As actividades, deseñadas segundo avaliacións previas, implican alumnado, profesorado, familias e persoal municipal. O programa conta cunha notable adhesión e a colaboración de figuras destacadas da música, o teatro e as redes sociais.

    11 de febreiro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe a próxima convocatoria da terceira edición do Premio Relato Curto Nélida Piñón, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Cerdedo-Cotobade. Fíxoo nunha visita a este municipio pontevedrés, terra familiar da escritora brasileira, onde puxo en valor a importancia de recuperar, tras o parón causado pola pandemia, “este certame prestixioso, tanto pola autora á que homenaxea como polos autores aos que se ten recoñecido con este galardón”.

    10 de febreiro de 2025

    Presentan en Costa Rica o primeiro glosario da lingua ngäbere, unha ferramenta que busca facilitar a aprendizaxe e preservación deste idioma indíxena, promovendo a súa valorización e uso entre as novas xeracións.

    Fonte: CRhoy

    10 de febreiro de 2025

    A cidade sarda de L'Alguer aprobou unha normativa que establece o catalán como lingua preferente no escudo e nos actos institucionais, así como nas deliberacións da xunta de goberno municipal.

    Fonte: Diari de la Llengua

    10 de febreiro de 2025

    O alumnado do mestrado de formación do profesorado na especialidade de asturiano denuncia que a Universidade de Oviedo impide presentar todos os traballos nesta lingua. Consideran que se está vulnerando o seu dereito a empregala, mentres que o decanato argumenta que só se garante o seu uso nas materias específicas, xa que non existe unha normativa que obrigue a avaliala no resto de disciplinas comúns con outras especialidades.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder