Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de maio de 2025

    A Consellería de Educación da Comunidade Valenciana elaborou un modelo orientativo para proporcionarlles axuda aos centros educativos para organizar a proporción de linguas vehiculares segundo a nova Lei de liberdade educativa. O documento propón exemplos de distribución por niveis e zonas lingüísticas, mantendo unha estrutura flexible que cada centro deberá adaptar.

    13 de maio de 2025

    O Ateneo e o Concello de Pontevedra organizan o ciclo de conferencias «O galego, lingua de éxito», que se celebrará os días 13, 20 e 27 de maio coa participación de profesionais de diversos eidos. A iniciativa pretende visibilizar o potencial da lingua galega máis alá dos usos formais e destacar casos de éxito en galego.

    12 de maio de 2025

    Desde os anos 90, o número de estudantes de portugués en institutos e universidades do Senegal multiplicouse por cinco, pasando de 10 000 a 47 000. Este crecemento está ligado tanto ao impulso inicial do presidente Léopold Sédar Senghor, defensor do plurilingüismo e promotor do idioma portugués, como ao labor incansable do profesor José Horta, referente no ensino da lingua e homenaxeado con institucións que levan o seu nome.

    Fonte: ONU News

    12 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia tramitou este ano 2413 matrículas para certificar o nivel de coñecemento en lingua galega. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou ás persoas que se examinaron do Celga 4 no instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

    12 de maio de 2025

    A Xunta de Galicia colabora coa empresa Gadis no proxecto artístico Foliada! co que a cadea de supermercados se suma aos actos de celebración das Letras Galegas “homenaxeando desde unha ollada contemporánea ás cantareiras e á tradición oral, ás que se lle dedica este ano a efeméride”.

    12 de maio de 2025

    Con motivo do Día Internacional da Lingua Kurda, o nordeste de Siria acolleu manifestacións masivas promovidas pola administración educativa, o sindicato de docentes e a Fundación da Lingua Kurda. Co lema "A nosa lingua é a nosa identidade", os participantes reclamaron educación en kurdo e o seu recoñecemento oficial na Constitución siria.

    Fonte: Havarnews

    12 de maio de 2025

    Un xulgado de Xixón, tras estimar un recurso presentado en outubro,  anulou o Plan de normalización lingüística municipal ao considerar que o presentaba múltiples irregularidades legais. A sentenza sinala deficiencias como a falta de informes obrigatorios, ausencia de consulta pública e omisións na tramitación e publicación do plan, polo que declara a súa nulidade.

    12 de maio de 2025

    O TERMCAT incorporou ao seu banco terminolóxico un conxunto de termos vinculados á intelixencia artificial, co que quedan fixadas as súas formas en catalán. O proxecto, que conta coa colaboración de persoas expertas neste ámbito, culminará cun dicionario en liña previsto para o outono.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    12 de maio de 2025

    TikTok únese á celebración do Día das Letras Galegas salientando o aumento de contidos en galego no seu espazo dixital, en especial no feed «Para Ti». A plataforma destaca a difusión global do patrimonio cultural galego mediante cancelos como #galego, así como o seu potencial para impulsar o pequeno comercio, pois ofrécelles ás pemes galegas novas vías de conexión co público.

    12 de maio de 2025

    Máis de cen representantes municipais de diversas forzas políticas galegas comprometéronse publicamente coa defensa e a promoción da lingua galega. Nun acto celebrado en Santiago de Compostela, reivindicaron o seu papel na aplicación das leis e plans que amparan os dereitos lingüísticos.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder