Con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa, o Estudo Autónomo da Dirección Xeral de Educación de Portugal publicou tres eBooks didácticos gratuítos para fomentar a aprendizaxe autónoma e lúdica do portugués. Os títulos dispoñibles son: Português num minuto – dúvidas com verbos (Vol. I), Português num minuto – pares duvidosos (Vol. II) e Missão: aprender português.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Hibaika Arraun Elkartea presentou un dicionario bilingüe (éuscaro-castelán) de remo co obxectivo de promover o uso do éuscaro neste ámbito deportivo. A publicación distribuirase en centros educativos e bibliotecas de Errenteria e tamén terá versión dixital. Esta iniciativa procura un impacto positivo na mocidade e aproveitar o papel do deporte como canle de cohesión social e lingüística.
A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular, que recaeron no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda, na Coruña, e no instituto Castelao, de Vigo.
Ffilm Cymru Wales abriu a segunda convocatoria do fondo Sinema Cymru, destinado a apoiar o desenvolvemento de longametraxes en lingua galesa. O programa busca proxectos con potencial para o gran público e fai parte dos esforzos para revitalizar e promover a cultura e lingua galesas a través do cinema.
Fonte: South Wales Angus
O 5 de maio de 2025, San Tomé, capital de San Tomé e Príncipe, acolleu a sesión solemne do Día Mundial da Lingua Portuguesa e da Cultura na CPLP. O evento contou con intervencións institucionais, actuacións do músico brasileiro Vinícios Terra, danzas tradicionais a cargo do grupo Legi Tela e un desfile de moda da deseñadora Antonieta Almeida.
Fonte: Forbes
Un total de vinte membros do Parlamento de Cataluña decidiu mellorar o seu catalán grazas a un novo servizo de asesoramento lingüístico ofrecido pola cámara. A iniciativa permite revisar intervencións parlamentarias e corrixir erros a través dunha atención personalizada. O programa funciona de maneira voluntaria e busca promover un uso máis correcto da lingua catalá nas institucións.
A Unesco alerta do perigo de desaparición que sofre o aragonés, unha lingua que apenas conta con 10 000 persoas falantes habituais e cuxo uso resulta aínda máis residual en variedades coma o belestán. Esta última, falada no val de Bielsa, apenas sobrevive en vinte persoas. Para preservar esta riqueza lingüística, o pastor Ángel Luis Saludas leva case cinco décadas a elaborar a man un dicionario co vocabulario propio do belestán, un traballo que busca impedir que se perda para sempre.
Meaño incorpórase ao proxecto «Palabra e memoria», que investiga o uso do galego nas lápidas. O estudo inicial nas parroquias de Simes e San Xoán revela unha presenza aínda minoritaria desta lingua, con cifras do 1,3 % e do 7,2 % respectivamente. Esta iniciativa, que naceu en Burela e se estendeu por Galicia, mostra unha tímida pero crecente apertura ao galego nos cemiterios.
O Public Records Office de Irlanda do Norte acolle por primeira vez unha exposición en lingua irlandesa. Mná na hAthbheochana narra a historia das mulleres que foron clave no renacemento da lingua irlandesa, impulsando a creación da primeira Gaeltacht urbana e da primeira escola en inmersión lingüística nos anos 60 e 70.
Fonte: BBC
Duolingo duplicou a súa oferta educativa cun total de 148 novos cursos, creados coa axuda de intelixencia artificial xerativa. Os sete idiomas máis populares poderán agora aprenderse nas 28 linguas dispoñibles na plataforma, ampliando así o acceso á aprendizaxe para máis de mil millóns de persoas usuarias potenciais.
Fonte: Veja
Boletín
Subscríbase ao boletín
