Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de xaneiro de 2025

    A Primeira Enquisa da Xuventude en Baleares revela que só o 20,4 % da mocidade considera o catalán como lingua materna, fronte ao 47 % que opta polo castelán. Ademais, un número significativo de mozas e mozos elixe outros idiomas ou combinacións lingüísticas, unha situación máis frecuente que noutros territorios catalanófonos. O estudo, baseado en 2356 persoas de entre 15 e 34 anos, destaca que o uso do catalán diminúe a partir dos 20 anos e que se reduce ao 17,2 % entre os 30 e 34 anos.

    23 de xaneiro de 2025

    Os centros educativos de Redondela, xunto co Concello, impulsan a iniciativa «Unha semaniña enteira» para fomentar o uso do galego entre a mocidade, coincidindo co Día de Rosalía. O proxecto reta o alumnado a falar galego durante unha semana completa e conta coa colaboración de clubs deportivos e asociacións locais, que difundirán a campaña nas súas actividades e redes sociais.

    22 de xaneiro de 2025

    Horas despois da investidura do presidente Donald Trump, a súa administración eliminou a versión en español do sitio web oficial da Casa Branca. Tamén se desactivaron os seus perfís en español nas redes sociais.

    Fonte: AP News

    22 de xaneiro de 2025

    A cadea iraniana Press TV iniciou as emisións dunha nova canle en lingua turca, co obxectivo de fortalecer a súa presenza entre as comunidades de fala turca.

    Fonte: TGR

    22 de xaneiro de 2025

    A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o proxecto de lei de intelixencia artificial da Xunta exclúe o galego ao non prever o seu uso nos sistemas de IA que interactúan coa cidadanía. Critican a falta de medidas para garantir os dereitos lingüísticos nesta tecnoloxía e consideran que a iniciativa desincentiva o desenvolvemento de asistentes virtuais en galego.

    22 de xaneiro de 2025

    Meta está comezando a incorporar o catalán en Messenger, dispoñible en versión de escritorio e Android, pero aínda non en iOS. A Plataforma per la Llengua cualifica este avance de modesto e reclama que Instagram e Threads tamén ofrezan soporte para esta lingua. A entidade destaca a sorprendente exclusión do catalán en redes sociais populares, a pesar de estar presente en Facebook desde 2008 e WhatsApp desde 2012.

    22 de xaneiro de 2025

    A Real Academia Galega publicou en versión dixital o libro que compila as intervencións da IX Xornada de Onomástica Galega que se celebrou no Museo de Pontevedra no pasado mes de outubro e que estivo dedicada a "outros nomes", os que non designan persoas nin lugares.

    21 de xaneiro de 2025

    As escolas da rexión italiana do Friuli-Venecia Xulia abriron as inscricións para o ensino da lingua friulana. Esta iniciativa busca preservar e fomentar o uso do friulano entre o alumnado, promovendo a diversidade lingüística e cultural.

    Fonte: Rai News

    21 de xaneiro de 2025

    A serie de televisión en gaélico escocés An t-Eilean (A illa) busca atraer a unha audiencia máis ampla, superando as limitacións impostas pola barreira do idioma. A produción destaca por localizacións impresionantes e un orzamento innovador, co obxectivo de promover a lingua e cultura gaélica entre os espectadores.

    Fonte: BBC

    21 de xaneiro de 2025

    A Universidade Rovira i Virgili (URV) inaugurou un Punto de Dereitos Lingüísticos no Campus Catalunya, consistente nun panel con acceso mediante código QR á información sobre estes dereitos. O obxectivo é divulgar os recursos e as accións relacionados coa política lingüística da institución.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder