Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de maio de 2025

    Ribeira presenta o Maio Cultural 2025 cun amplo abano de actividades que buscan promover a lingua e a cultura galegas. O programa, dirixido a toda a veciñanza e con especial atención á infancia, inclúe contacontos, concertos, exposicións e conferencias en diversos espazos do municipio.

    Fonte: Concello de Ribeira

    02 de maio de 2025

    Un grupo de universidades españolas desenvolveu un sistema de tradución automática neuronal centrado nas linguas románicas peninsulares, incluído o asturiano, o aragonés e o aranés. O proxecto TAN-IBE  ten como obxectivo adestrar modelos mediante técnicas innovadoras, a partir de corpus multilingües e acordos institucionais, para crear ferramentas libres que impulsen o uso e a visibilidade destas linguas en contornos dixitais.

    02 de maio de 2025

    O FC Barcelona decidiu substituír a denominación inglesa das súas tendas oficiais pola forma en catalán Barça Botiga, como mostra do seu compromiso coa defensa e promoción da lingua propia. A medida, xa posta en práctica na tenda principal do estadio, aplicarase de forma progresiva en todos os puntos de venda.

    02 de maio de 2025

    A Embaixada de Alemaña en Bucarest anunciou a asignación de 495 000 euros destinados a apoiar o ensino da lingua alemá en Romanía. Con esta iniciativa, preténdese reforzar a educación en alemán no seo da comunidade xermanófona do país.

    Fonte: Romania Insider

    02 de maio de 2025

    O 5 de maio, a Unesco conmemora o quinto aniversario do Día Mundial da Lingua Portuguesa, instaurado no ano 2019. A efeméride será celebrada con múltiples actividades culturais e educativas en diversos países, poñendo en valor o papel do portugués como ferramenta de cohesión, diálogo intercultural e expresión da diversidade global.

    30 de abril de 2025

    O Concello de Tafalla celebrará en maio o Día do Éuscaro cun amplo programa de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o mes baixo o lema “Euskararen Udaberria” e que inclúen obradoiros culturais, literarios etc.

    Fonte: Tafallako Udala

    30 de abril de 2025

    O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña avalou o uso do catalán como lingua propia no Concello do Masnou, ao desestimar o recurso de dúas veciñas contra o seu regulamento. A sentenza recoñece que a administración pode actuar nun só idioma oficial, sempre que respecte o dereito da cidadanía a elixir a súa lingua de relación.

    30 de abril de 2025

    A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Mesa pola Normalización Lingüística presentaron na sede de Nacións Unidas un informe sobre dereitos lingüísticos en Galicia que conta co apoio de 26 personalidades do ámbito cultural da lusofonía.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    30 de abril de 2025

    NotebookLM, a ferramenta de Google baseada en intelixencia artificial, permite agora crear resumos sonoros en máis de 50 linguas, entre elas o galego, o que facilita o acceso a contidos complexos mediante conversas simuladas. Esta nova funcionalidade fai máis doada a comprensión da información en distintos formatos e idiomas.

    Fonte: Código Cero

    29 de abril de 2025

    O sociólogo e exministro de Educación guineano Dautarim da Costa expresa preocupación ante a posibilidade de que Senegal, país veciño con maior poboación e investimentos en educación, supere a Guinea-Bissau en número de falantes de portugués. Esta situación podería afectar á soberanía lingüística guineana.

    Fonte: RFI

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder