Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de outubro de 2014

    O voceiro de Izquierda-Ezkerra, José Miguel Nuin, explicou que varios grupos da oposición finalizarán o traballo de elaboración dunha modificación da Lei foral do éuscaro para implantar o modelo D nos lugares de Navarra nos que haxa demanda.

    Fonte: Diario de Navarra

    07 de outubro de 2014

    A Xunta de Galicia deu conta do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) no relativo á promoción do uso da lingua galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    06 de outubro de 2014

    A nova directora do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) defendeu que o acordo ortográfico será aplicado en todos os estados da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), admitindo que cada un ten un ritmo propio. Angola e Mozambique son os únicos, entre os oito estados da CPLP, que aínda non ratificaron o novo acordo ortográfico.

    Fonte: Jornali

    06 de outubro de 2014

    O presidente ucraíno, Petro Poroshenko, suxeriu que as clases de inglés deberían substituír as de ruso para mellorar o nivel de vida do país. "Hai unha ligazón entre o nivel de vida das persoas e o de coñecemento da lingua inglesa. Cantos máis ucraínos falen inglés, mellor será Ucraína", sustentou.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    06 de outubro de 2014

    Logroño, Nájera, Haro e Alfaro contan ou contarán con cursos de formación en lingua vasca.

    Fonte: Noticias de Álava

    06 de outubro de 2014

    A lingua galega ten percorrido en internet. Cada vez son máis os usuarios que empregan esta plataforma para verter as súas ideas, inquedanzas ou ben para relacionarse nun universo cada vez máis global. O galego está vivo na rede. De feito, é unha das 26 linguas máis empregadas nas redes sociais entre máis de 6000 idiomas censados. Fonte: La Voz de Galicia

    06 de outubro de 2014

    O viceconselleiro vasco de Política Lingüística, Patxi Baztarrika, anunciou que o Goberno vasco vai implantar o modelo B e impulsar o modelo D, a oferta educativa en éuscaro, na Formación Profesional (FP).

    Fonte: Europa Press

    06 de outubro de 2014

    O diario El País estrea edición dixital en catalán (elpais.cat), o que supón unha aposta por esta lingua deste medio que xa contaba con información en catalán na súa edición en papel.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    06 de outubro de 2014

    Para poder facer unha análise íntegra do sexismo lingüístico cómpre ter en conta tanto o sexismo directo como o indirecto, toda unha serie de prácticas moi sutís e non sempre doadas de detectar que, debido a isto precisamente, se seguen estendendo e dificultan o camiño para chegar a acadar un imaxinario colectivo moito máis igualitario.

    Fonte: Universidade de Vigo

    03 de outubro de 2014

    O hospital Ysbyty Cwm Rhondda designou unha sala específica para ofrecer asistencia médica aos pacientes que queiran expresarse en lingua galesa. Trátase dunha medida dun proxecto piloto que se está a aplicar no val de Rhondda, no sur de Gales.

    Fonte: Wales Online

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder