Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de outubro de 2014

    O comisario de Linguas Oficiais do Canadá, Graham Fraser, presentou un novo relatorio sobre a situación do bilingüismo no Canadá. Despois de facer unha análise positiva da situación actual, declarou que existen certas institucións que continúan a violar a lei de linguas oficiais ano tras ano. Os organismos que máis queixas acumulan en materia lingüística son a compañía aérea Air Canada e a Axencia de Servizos Fronteirizos do Canadá.

    10 de outubro de 2014

    O papa Francisco decidiu que a lingua latina deixará de ser o idioma oficial do sínodo de bispos no Vaticano e será substituída polo italiano.

    Fonte: A Bola

    10 de outubro de 2014

    Na manifestación, algúns repartían adhesivos e cuartillas con manifestos a favor do ensino en valenciano e contra a denominación desta lingua como catalán.

    Fonte: La Vanguardia

    10 de outubro de 2014

    O Concello de Huarte aprobou as bases de subvencións para o uso do éuscaro na rotulación de establecementos comerciais de Huarte por un importe máximo de 400 euros.

    Fonte: Pamplona Actual

    10 de outubro de 2014

    Case 70 alumnos de Educación Social da Facultade de CC. da Educación da Universidade de Santiago deron lectura, na Casa de Rosalía de Padrón, a un manifesto no que os alumnos amosan a súa preocupación "polo presente e o futuro do galego".

    Fonte: Culturagalega.org

    09 de outubro de 2014

    A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Braga na xornada “Perspectivas da lingua portuguesa” que organizan a Comisión Temática de Promoción e Difusión da Lingua Portuguesa dos Observadores Consultivos da Comunidade dos Países da Lingua Portuguesa (CPLP) e a Universidade do Minho.

    Fonte: Xunta de Galicia

    09 de outubro de 2014

    Tres concellos da provincia da Coruña adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia recibirán esta semana a visita de dúas propostas de lecer en galego do FalaRedes 2014.

    Fonte: Xunta de Galicia

    09 de outubro de 2014

    O Congreso rexeitou unha iniciativa da Esquerda Plural, apoiada por CiU e PSOE, encamiñada a pedirlle ao Goberno que retire o real decreto que regula a escolarización en lingua castelá en Cataluña de acordo coa Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce).

    Fonte: La Vanguardia

    09 de outubro de 2014

    A Asociación de Alumnos da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada e o colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo manifestaron o seu malestar polo peche dos primeiros cursos de galego e portugués antes de finalizar o prazo de matrícula.

    Fonte: Bierzo Diario

    08 de outubro de 2014

    O British Council, a organización internacional do Reino Unido para a promoción cultural e as oportunidades do ensino, lanzou unha nova plataforma en liña de aprendizaxe da lingua inglesa desenvolvida por CTI Digital e baseada no programa libre Drupal.

    Fonte: The Drum

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder