Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de abril de 2013

    A serie de debuxos animados da BBC Friends and Heroes retransmitiuse por vez primeira en 2007 e foi traducida a un total de once linguas. A última delas é o gaélico da illa de Man onde se distribuirán copias da serie nas escolas.

    Fonte: BBC

    20 de abril de 2013

    Segundo o Tribunal de Xustiza da Unión Europa, o decreto flamengo que pretendía que todos os contratos de traballo de empresas situadas na rexión belga de Flandres estivesen redactados en neerlandés atenta contra a libre circulación de traballadores.

    Fonte: Le Soir

    20 de abril de 2013

    Un tribunal do noroeste da provincia chinesa de Qinghai condenou oito estudantes tibetanos a unha pena de ata catro anos de cárcere por defenderen os seus dereitos a empregar a lingua tibetana.

    Fonte: Radio Free Asia

    20 de abril de 2013

    A lingua mirandesa foi escollida polo Concello portugués de Miranda do Douro como tema central das conmemoracións do Día Internacional de Monumentos e Sitios, nunha iniciativa que este ano está subordinada ao tema "Patrimonio, máis Educación igual a Identidade".

    Fonte: RTP Notícias

    19 de abril de 2013

    Para moitos alumnos e para aquelas persoas que acaban de aprender éuscaro, o euskaltegi é o único espazo do que dispoñen para falar este idioma. Dispostos a dar resposta a esta necesidade, os concellos crearon a iniciativa Mintzagun, que trata de «salientar, reforzar e promover a dimensión social da euscaldunización» en toda a comarca de Oarsoaldea.

    Fonte: Diario Vasco

    19 de abril de 2013

    A revista Ze Berri? de información sobre éuscaro e cultura vasca publicará o seu número 100. O primeiro exemplar viu a luz en setembro de 1996 e, co traballo e a participación de 36 localidades navarras, a aposta por promover o éuscaro tanto para falantes de éuscaro como, sobre todo, para castelanfalantes, chega ata hoxe.

    Fonte: Noticias de Navarra

    19 de abril de 2013

    A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar os innumerables atrancos que no día a día sofre o galego na UNED e amosou o seu apoio ao estudantado que reclama unha presenza real da lingua galega nesta universidade pública.

    Fonte: Crónica 3

    19 de abril de 2013

    Traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos de Cantares Gallegos, "Airiños, airiños, aires" e "Adios ríos, adiós fontes", é o obxectivo do proxecto Rosalía é Mundial, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro na que están a colaborar arredor de 40 tradutores de todo o mundo.

    Fonte: Universidade de Vigo

    18 de abril de 2013

    O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou na apertura dos Encontros para a Normalización Lingüística, que este ano chegan á súa XV edición centrados na análise e no debate arredor dos 30 anos de vixencia da Lei de normalización lingüística de Galicia.

    Fonte: Xunta de Galicia

    18 de abril de 2013

    O titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Xosé Luís Armesto Barbeito, veñen de ratificar a colaboración das dúas entidades en prol da dinamización lingüística desde o ámbito universitario.

    Fonte: Xunta de Galicia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder