Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de abril de 2011

    O servizo vía web Opentrad, capaz de traducir textos en galego, español, portugués, inglés, francés e catalán de xeito automático, incorpora unha nova funcionalidade consistente na tradución de documentos en distintos formatos (.DOC, .DOCX, .PPTX, .XLSX, .ODT, .HTML, .XML e .TXT) mantendo o formato e estilo orixinais.

    Fonte: Código Cero

    07 de abril de 2011

    A competencia do profesor de español como lingua estranxeira será a temática sobre a que xirará a terceira edición dos Encontros ELE Comillas, que se celebrarán entre o 10 e o 12 de novembro.

    Fonte: 20 minutos

    07 de abril de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a investigación sobre lingua galega a través da convocatoria de bolsas de formación en proxectos que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

    Fonte: Xunta de Galicia

    07 de abril de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística promove a competencia en galego do funcionariado cunha nova oferta de formación en linguaxe administrativa galega. A través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), o departamento que dirixe Anxo Lorenzo convoca cinco cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio na modalidade de teleformación e cinco cursos de linguaxe administrativa galega de nivel superior na modalidade presencial.

    Fonte: Xunta de Galicia

    06 de abril de 2011

    O Instituto Etxepare, responsable da promoción da lingua e a cultura vascas no exterior, creará sete novos postos de lectores universitarios de éuscaro. Tres dos postos habilitaranse en universidades dos Estados Unidos (Stanford, California e Chicago) e o resto distribuirase en cidades europeas como París, Constanza, Liverpool e unha cidade en Polonia.

    Fonte: El País

    06 de abril de 2011

    Durante os próximos cinco anos, o Ministerio de Educación de Singapur ofrecerá 1 millón de dólares ao Comité para a Promoción da Aprendizaxe da Lingua Támil para a promoción da aprendizaxe e o uso desta lingua.

    Fonte: GovMonitor

    06 de abril de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ourense presentaron a terceira edición do Certame de Cinema OUFF Escola, unha iniciativa que se enmarca no XVI Festival de Cine Internacional de Ourense.

    Fonte: Xunta de Galicia

    06 de abril de 2011

    O Consello de Goberno aprobou o decreto polo que se aproban os estatutos da Academia da Lingua Aragonesa e a Academia Aragonesa do Catalán.

    Fonte: Diario Siglo XXI

    06 de abril de 2011

    A Axencia Tributaria diferencia entre catalán e valenciano aínda que o Tribunal Supremo avalou en 2008 a denominación académica de catalán para o valenciano e que o Institut d'Estudis Catalans e a entidade homónima en Valencia aseguran que se trata da mesma lingua.

    Fonte: La Vanguardia

    06 de abril de 2011

    A plataforma de defensa da lingua galega Prolingua iniciou unha campaña de sensibilización para que os promotores do centro comercial Marineda City da Coruña empreguen o galego na súa comunicación.

    Fonte: A Nosa Terra

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder