Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de abril de 2011

    A día de hoxe, o 95% dos cidadáns de Cataluña entende o catalán, aínda que só o 77% sabe falalo e apenas o 60% o sabe escribir. Pero, en cambio, é extremadamente importante o dato de que entre os novos de 14 a 19 anos, a porcentaxe dos que entenden, falan e escriben catalán é do 97%, practicamente o total dos comprendidos nesa franxa de idade.

    Fonte: La Vanguardia

    04 de abril de 2011

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co Festival Internacional de Documentais de Tui, Play-Doc, na promoción do uso do galego.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de abril de 2011

    O novo regulamento sobre a función pública nos rexistros civís do departamento boliviano de Cochabamba esixirá aos novos funcionarios o dominio de dúas linguas: o español e a lingua vernácula da rexión en cuestión.

    Fonte: Opinión

    03 de abril de 2011

    En Suíza, os inmigrantes que non falan as linguas nacionais atópanse con problemas á hora de buscar atención sanitaria. Co fin de resolver estas eivas de comunicación, un proxecto piloto ofrecerá un servizo de interpretación telefónico para emerxencias médicas ou para orientacións breves. Os intérpretes estarán capacitados para traducir de 12 linguas estranxeiras cara ás tres linguas oficiais de Suíza (alemán, francés e italiano) e viceversa.

    Fonte: Swissinfo

    02 de abril de 2011

    O Principiño, obra escrita por Antoine de Saint-Exupéry, xa conta con tradución en mirandés. O título da edición mirandesa é L Princepico. De acordo coa editorial francesa Gallimard, trátase "do libro máis traducido en todo o mundo despois da Biblia", con versións "en preto de 200 linguas ou máis, incluíndo dialectos europeos, asiáticos e africanos".

    Fonte: Jornal Digital

    02 de abril de 2011

    A maioría dos candidatos nas próximas eleccións parlamentarias en Finlandia apoia a supresión do sueco como lingua obrigatoria no sistema educativo. Máis da metade dos candidatos de todos os partidos, a excepción do Partido Popular Sueco (SFP), estaría a favor de converter a lingua sueca en materia optativa. En total, un 62,5 % apoia esta iniciativa.

    Fonte: Helsinki Times

    02 de abril de 2011

    De acordo cun estudo publicado por EF English First, o maior centro de ensino de inglés do mundo, os países escandinavos son os que ocupan o primeiro lugar en dominio desta lingua, mentres que Rusia, Turquía e os países suramericanos ocupan os últimos lugares de competencia.

    Fonte: Reuters

    01 de abril de 2011

    O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, mantivo un encontro co profesorado e cos lectores de galego da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e da Universidade de Barcelona (UB).

    Fonte: Xunta de Galicia

    01 de abril de 2011

    A primeira gramática do éuscaro en internet xa está dispoñible na rede (www.ehu.es/seg). A aplicación, de acceso gratuíto, inclúe 25 millóns de palabras e enlaces con exemplos do seu uso tanto na literatura e na prensa vasca, coma na televisión.

    Fonte: Elcorreo.com

    01 de abril de 2011

    Máis da metade dos cidadáns de Cataluña, un 56 %, ten o castelán como lingua de uso habitual, mentres que case catro de cada 10 (un 39,5 %) emprega o catalán como idioma habitual.

    Fonte: El Periódico

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder