Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de outubro de 2024

    A Facultade de Dereito do campus de Ourense celebrou o seminario "O dereito tamén en galego", co obxectivo de destacar a importancia do galego no estudo do Dereito e nas profesións xurídicas. O evento incluíu unha conferencia sobre a historia do dereito en Galicia, ofrecida por Luis Rodríguez Ennes, e outra sobre os dereitos lingüísticos na práctica xurídica, a cargo de Elsa Quintas. Ambas abordaron a relevancia do uso do galego no ámbito legal e as dificultades que existen para a súa normalización.

    03 de outubro de 2024

    As consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e mais a Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), presentaron o novo proxecto Os Bolechas. Familias acolledoras, un conxunto de materiais dirixidos á xente miúda e ás familias que participan en acollida temporal de nenos e nenas, que teñen como finalidade dinamizar o uso do galego nestes procesos.

    03 de outubro de 2024

    O Plan estratéxico para a lingua catalá ten como obxectivo fomentar o seu uso social na cidade e garantir o seu emprego na Administración local. Estrutúrase en catro eixes e prevese a creación dun portal web que conterá unha caixa de suxestións cidadá e información sobre dereitos e deberes lingüísticos, campañas de fomento da lingua catalá, contactos de entidades de defensa lingüística e formación.

    03 de outubro de 2024

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou a Daniel Chapela na presentación da obra Biscoito de laranxa (Editorial Galaxia, 2024), peza galardoada co segundo premio na categoría de poesía na edición 2022 do certame Xuventude Crea, que promove a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

    02 de outubro de 2024

    Os trens da compañía ferroviaria Northern, que opera no norte de Inglaterra, introducirá anuncios en lingua de signos en todas as súas conexións.

    Fonte: BBC

    02 de outubro de 2024

    O Ministerio de Asuntos Exteriores de Italia anunciou que a XXIV edición da Semana da Lingua Italiana no Mundo estará dedicada aos libros e levará o título "O italiano e o libro: o mundo entre liñas".   

    Fonte: Ministero degli Affari Esteri e d'ella Cooperazione Internazionale

    02 de outubro de 2024

    O informe da Acadèmia Valenciana de la Llengua (AVL) ratifica que a forma en valenciano "Castelló de la Plana" debe ser a única oficial, tal como se decidiu en 2019. Non obstante, se se recupera o topónimo bilingüe, a forma en valenciano debe ir sempre primeiro.

    Fonte: Castellón Plaza

    02 de outubro de 2024

    Preto de 4000 persoas solicitaron o certificado automático de valenciano nas primeiras horas dun proceso que permite acreditar os niveis B2 e C1 segundo as cualificacións obtidas en Bacharelato e a Proba de Acceso á Universidade. A medida busca incentivar o estudo do valenciano, pero foi criticada por entidades que consideran que non respecta os criterios educativos, o que podería xerar inxustizas entre centros educativos.

    02 de outubro de 2024

    A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC organiza o concurso “Mocidade ao mando”, co fin de promover a creación de contidos audiovisuais en galego sobre economía e empresa. O certame está dirixido ao alumnado da ESO, formación profesional e bacharelato de Galicia, e premiará os mellores vídeos de entre 30 e 90 segundos de duración con ata 150 euros.

    02 de outubro de 2024

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reivindicou a Frei Martín Sarmiento como referente para a consecución dun “novo Rexurdimento” no prestixio do uso do galego que potencie o seu emprego en todos os eidos e por todas as xeracións.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder