O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, anunciou un plan de formación en linguas oficiais para mil funcionarios da Administración Xeral do Estado en seis comunidades autónomas, co obxectivo de mellorar a atención ao público nas súas linguas propias. Ademais, avanzou a tradución dos contidos da sede electrónica do seu ministerio ás linguas cooficiais.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Área de Normalización Lingüística abriu unha nova convocatoria de axudas para fomentar o uso do galego en teses de doutoramento e traballos de fin de grao e de mestrado, cun total de 12 000 euros. Os importes variarán entre 600 euros para as mellores teses e 150 para os TFG e TFM. As solicitudes, que poderán facerse ata o 30 de setembro, deberán acreditar a realización do traballo en galego e unha cualificación mínima de 9 nos TFG e TFM.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou o Día Internacional da Tradución co acto da entrega do Premio Plácido Castro de Tradución, que na súa XXII edición recaeu en Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As iluminacións, de Arthur Rimbaud.
Actualmente existen en Macau 3000 alumnos e alumnas estudando portugués. Trátase de alumnado desde infantil até secundaria.
Fonte: Plataforma Media
Eduardo Llanquiman, estudante da Universidade de Chile, realizou un estudo centrado na preservación e revitalización do ckunsa (ou kunza), un idioma ancestral que se falaba no deserto de Atacama, norte de Chile.
Fonte: Universidad de Chile
A Comarca Alto Gállego publicou un mapa interactivo, accesible mediante un código QR, titulado "Topónimos de Serrablo", no que se recollen os nomes de fontes, camiños e montes de vinte localidades. O traballo, elaborado por Miguel López Otal, baséase en entrevistas realizadas nos anos setenta e oitenta a antigos habitantes da zona, o que permitiu rescatar así unha valiosa memoria lingüística e cultural. A iniciativa busca consolidar a lingua aragonesa conservada na toponimia local.
O conselleiro de Política Lingüística, Francesc Xavier Vila, anunciou un plan para mellorar a aprendizaxe do catalán entre adultos que inclúe a creación de novos formatos de cursos, o aumento da oferta en horarios demandados e a colaboración con entidades locais e sociais. Este proxecto chega tras denuncias sobre dificultades de acceso aos cursos.
A Asociación Cultural S.I.R. La Devesana organiza a exposición "Palabra e memoria nas parroquias de Ortigueira", na que o historiador Jerónimo Martínez documenta a evolución do uso do galego en inscricións funerarias de vinte cemiterios entre 1972 e 2024.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O 19 de setembro de 2024 inaugurouse oficialmente o Centro de Estudos Galegos na Universidade de Woxsen, o primeiro en Asia. Este proxecto, froito da colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta, promoverá intercambios científicos e culturais entre Galicia e a India. O centro estará dirixido polo profesor Anik Nandi, experto en sociolingüística galega, e na súa apertura participaron destacadas autoridades académicas e diplomáticas.
Xa están dispoñibles as bases para os premios Youtubeiras+, que buscan fomentar a creación de contido en galego en YouTube e TikTok. Poden participar maiores de 14 anos con canles autoproducidas, sempre que a maioría dos seus vídeos estean en galego e inclúan un posterior ao 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras. O prazo de inscrición remata o 15 de novembro de 2024, e concederanse sete premios en metálico.
Boletín
Subscríbase ao boletín


