O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto do Día da Galeguidade Empresarial, baixo o lema Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro, que promove o Foro Enrique Peinador e que este ano acolleu o Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, coa colaboración desta institución e da Xunta de Galicia. Unha celebración que coincide co 20º aniversario da aprobación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Xunta de Galicia porá en marcha de cara a 2025 un plan para impulsar o uso do galego en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade.
O Libro das horas, obra do escritor, intelectual e político ourensán Vicente Risco, xa se pode ler en galego en edición do selo Dr. Alveiros da Fundación Vicente Risco, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da Secretaría Xeral da Lingua. O volume, publicado por primeira vez en 1961, recupera e recompila textos risquianos da sección xornalística “Horas” do diario La Región.
O Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa ve con preocupación que se obrigue as escolas de Cataluña a impartiren un 25 % das materias en castelán. Alén disto, o organismo europeo tamén advirte da “deterioración” da situación das linguas en Aragón, Baleares e a Comunidade Valenciana.
O Grupo de Traballo para a Promoción da Lingua Mirandesa reuniuse en Miranda do Douro para iniciar a súa estratexia de creación dunha fundación que garanta a promoción e protección da lingua mirandesa.
Fonte: Diário de Trás-os-Montes
A Casa da Cidadanía da Lingua da cidade portuguesa de Coímbra estrea a peza teatral Caim, baseada nun romance de José Saramago.
Fonte: Cámara Municipal de Coímbra
A Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) crea a Comisión de Especialistas en Multilingüismo co fin de promover as linguas iberoamericanas, especialmente o portugués e o español, como linguas de ciencia e cultura.
Fonte: OEI
A Universidade Pompeu Fabra (UPF) lanza o primeiro curso universitario dedicado á lingua de signos catalá (LSC) para que titulados en Tradución, Linguas Aplicadas ou Filoloxía poidan especializarse nesta área. O novo título, de tres anos de duración e 58 créditos ECTS, busca formar máis intérpretes e tradutores en LSC ante a demanda da comunidade xorda e o crecente interese académico.
O erromintxela, unha fala mesturada entre o romaní e o éuscaro, conta con arredor de 500 falantes en España e Francia, mais non goza de recoñecemento oficial nin de protección. Esta lingua, con 600 anos de historia, reflicte a convivencia entre os pobos xitano e vasco, que modificou incluso as estruturas sociais das familias xitanas.
O congreso internacional EPIA2024 recoñeceu co Best Application Paper Award o traballo "A Galician-Portuguese Generative Model", liderado por Pablo Gamallo no marco do Proxecto Nós da USC. Este modelo xerativo, deseñado para procesar galego e portugués europeo, representa un avance na integración destas linguas nos sistemas de intelixencia artificial. Adestrado no supercomputador Finisterrae III, o modelo destaca pola súa innovación no tratamento de linguas minoritarias.
Boletín
Subscríbase ao boletín



