Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de febreiro de 2009

    Desde o 1 de xaneiro, Cataluña conta cunha nova asociación de tradutores e intérpretes, a Asociación Profesional de Tradutores e Intérpretes de Cataluña (APTIC), que ten por obxectivo velar polos intereses do gremio principalmente no territorio catalán. A asociación nace da fusión de dúas asociacións xa existentes anteriormente, ATIC e TRIAC, co cal aglutina máis de 500 profesionais asociados.

    Fonte: Linguamón

    04 de febreiro de 2009

    A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza unha viaxe de estudos a Galicia dos alumnos de primaria e secundaria que seguen o programa de galego en centros de ensino do Bierzo e de Sanabria, en Castela e León. A actividade encádrase no acordo de colaboración existente entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León para facilitar a aprendizaxe de galego nas zonas galegofalantes de León e Zamora, e realizarase entre os vindeiros días 13 e 18 de abril.

    Fonte: Xunta de Galicia

    03 de febreiro de 2009

    A CIG-Ensino fixo balance do traballo da Consellería de Educación durante esta lexislatura, e son máis as lagoas que os logros. Entre as primeiras, destacan os nacionalistas a ausencia dun compromiso real na galeguización e normalización do ensino, pois, aínda que se aprobou o Decreto 124/2007, non se puxeron en marcha as medidas necesarias para cumprilo.

    Fonte: La Voz de Galicia

    03 de febreiro de 2009

    O Concello de Ponteceso vén de pór en marcha unha campaña para dar a coñecer o seu Servizo de Normalización Lingüística, co que pretende fomentar o uso da lingua galega entre os veciños.

    Fonte: La Opinión

    03 de febreiro de 2009

    A Mesa pola Normalización Lingüística reclamará a intervención do Valedor do Pobo para que o idioma galego deixe de estar excluído da celebración da Semana Santa en Ferrol, ante a falta de compromiso do goberno local, encabezado en minoría polo Partido Socialista de Vicente Irisarri.

    Fonte: A Nosa Terra

    03 de febreiro de 2009

    Texas non terá que introducir de momento un novo plan didáctico para os estudantes de secundaria e bacharelato con poucos coñecementos de inglés, ou só o fará a finais de ano, se é que chega a ser un requirimento, segundo unha resolución dun tribunal federal de apelacións.

    Fonte: The Dallas Morning News

    03 de febreiro de 2009

    O debate xira sobre como implantar o inglés; a partir de que tipo de programas; con que persoal e con que recursos económicos e materiais. Todos estes temas foron postos sobre a mesa por Escola Valenciana, a entidade integrada na gran Plataforma per l'Ensenyament Públic (Plataforma pola Ensinanza Pública), xunto a sindicatos, confederacións de pais e alumnos, directores e inspectores, na segunda reunión para deseñar un plan de ensinanza trilingüe cos técnicos da Consellería de Educación valenciana.

    03 de febreiro de 2009

    Javier Cruz, representante internacional da Asemblea do Pobo Guaraní de Bolivia, é o autor do primeiro dicionario indíxena, que sairá á luz dentro de quince días coa tradución desta lingua nativa ao español. O dicionario do guaraní tamén sairá en edicións en catalán, vasco e valenciano, explicou Cruz na Feria Internacional de Turismo de Madrid (Fitur).

    Fonte: La Voz de Galicia

    03 de febreiro de 2009

    Un grupo de particulares aragoneses, englobados na iniciativa 'Lei de linguas, si', abriu unha recollida de sinaturas por internet para "instar as autoridades aragonesas" a dar cumprimento ao mandato estatutario que as obriga a promulgar unha lei de linguas de Aragón na que se ten que definir o status legal do catalán e o aragonés.

    Fonte: Avui

    03 de febreiro de 2009

    O Premio UKAN 2008 á innovación en medios de comunicación concedéuselle á revista eta kitto! de Eibar, pola mellora continua nos seus contidos e estruturas. O premio UKAN de publicidade entregáronllo a Euskaltel pola campaña da fibra óptica, da que o xurado valorou a creatividade dunha campaña pensada e deseñada en éuscaro. Houbo unha mención especial para a campaña da clínica dermatolóxica, DERMITEK.

    Fonte: Euskadi.net

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder