Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de febreiro de 2020

    O Goberno de Hungría destinará 180 millóns de euros á formación en linguas estranxeiras en diferentes países do mundo para estudantes de ensino secundario.

    Fonte: The Pie

    19 de febreiro de 2020

    Unha campaña do servizo de promoción turística das Hébridas Exteriores de Escocia recorre á valorización da lingua e cultura gaélicas como reclamo para atraer visitantes á zona.

    Fonte: Scotsman 

    18 de febreiro de 2020

    Filmin Euskaraz, posto en marcha pola plataforma de cine en liña Filmin, é a primeira canle de películas en streaming en éuscaro e inclúe tanto producións rodadas nesta lingua como dobradas ou subtituladas. As persoas usuarias terán acceso a títulos que se dividen en tres bloques: ficción, documental e infantil.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    18 de febreiro de 2020

    O prazo de solicitude das axudas para a promoción das linguas catalá e aranesa en disciplinas vinculadas á cultura comeza neste mes de febreiro. Entre outras, servirán de apoio a iniciativas de proxección exterior da creación literaria a través da tradución a outras linguas, a internacionalización da produción cultural etc.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    18 de febreiro de 2020

    Co gallo do Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega (RAG), o Consello da Cultura Galega, a Associaçom Galega da Língua (AGAL), a CRTVG, a Fundación Penzol, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e os concellos de Santiago e Ferrol, entre outras entidades e institucións, veñen de presentar no Museo Centro Gaiás o avance dun programa de actividades conxunto que abrangue máis de 200 iniciativas.

    18 de febreiro de 2020

    A VI Semana Cultural de Convergências Portugal-Galiza homenaxeará a Rosalía de Castro do 23 de febreiro ao 1 de marzo cun amplo programa de actividades culturais que se desenvolverán en Santiago, Padrón, Ponteareas e Braga.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    18 de febreiro de 2020

    O colectivo de voluntariado lingüístico Mudiad Meithrin introduciu en todo o País de Gales o proxecto Croesi'r Bont (Cruzando a Ponte) para apoiar e fortalecer a adquisición da lingua galesa na primeira infancia.

    Fonte: BBC

    17 de febreiro de 2020

    O primeiro ministro italiano Giuseppe Conte aproveitou a inauguración do ano académico do Ateneo de Florencia para declarar que a capital da Toscana albergará o futuro Museo da Lingua Italiana.

    Fonte: Liberiamo

    17 de febreiro de 2020

    O proxecto de lei da función pública valenciana establece, por primeira vez nesta comunidade, a esixencia, para quen queira acceder a un emprego na Administración, dunha capacitación lingüística de valenciano proporcional e adecuada ao posto que se vaia desempeñar.

    Fonte: La Vanguardia

    17 de febreiro de 2020

    O proxecto para fomentar a voz dixital en catalán enmárcase nun plan para os vindeiros tres anos que contén unha serie de medidas para impulsar esta lingua e que está dotado dun orzamento de 1,5 millóns de euros.

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder