Novas

Cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado distribúen unha nova longametraxe infantil en galego
26 de novembro de 2008

Cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado distribúen unha nova longametraxe infantil en galego

Política Lingüística financiou a dobraxe ao galego da película de animación Doraemon e os sete magos, nunha edición que inclúe dous discos con 100 minutos de aventuras do popular gato cósmico

As voces que habitualmente lles dan vida na Televisión de Galicia aos personaxes desta serie infantil son as mesmas que se empregaron para a dobraxe da cinta

O lanzamento desta produción dirixida aos máis pequenos da casa realízase de xeito simultáneo en todas as linguas oficiais do Estado

As principais cadeas comerciais de Galicia e do resto do Estado empezaron a distribuír a nova película en DVD do coñecido gato cósmico Doraemon, que leva por título nesta ocasión Doraemon e os sete magos. O lanzamento desta longametraxe infantil prodúcese de xeito simultáneo na súa versión en galego e nas demais linguas oficiais do Estado. A Secretaría Xeral de Política Lingüística financiou a dobraxe deste vídeo.

Nesta película, Doraemon e o seu compañeiro de xogos Nobita viaxan a unha dimensión descoñecida na que todo o mundo voa sobre vasoiras e alfombras. Nobita quere demostralle ao seu amigo que a maxia existe e que, ás veces, é máis forte cá ciencia. Ambos os dous embárcanse nunha trepidante aventura para impedir que o planeta Terra sexa destruído polas forzas do mal.

Esta edición en formato DVD inclúe dous discos. Un deles é a curtametraxe extra titulada The Doraemons: un reto misterioso, na que os protagonistas son un grupo integrado por sete gatos cósmicos. En total, ofrécenselles aos espectadores infantís 100 minutos de aventuras e diversión.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo posible a dobraxe desta produción, para a cal se empregaron as mesmas voces que de xeito habitual lles dan vida ao gato robot e aos seus amigos nas emisións que realiza a Televisión de Galicia.

Navegación en catro idiomas
O DVD Doraemon e os sete magos ofrece a posibilidade de navegar en catro idiomas: galego, castelán, catalán e éuscaro. Ademais, permítelles a navegación ás persoas que teñen algún tipo de discapacidade sensorial (visual e auditiva).

A Xunta de Galicia aposta, co apoio a iniciativas como esta, por incrementar a presenza no mercado de produtos audiovisuais de lecer na lingua propia.

Outras novidades
A longametraxe Doraemon e os sete magos chega ao mercado unhas semanas despois do lanzamento do DVD Chamábanlle Shin chan, que contou tamén con financiamento de Política Lingüística para a súa dobraxe ao galego. Con estas accións, o departamento que dirixe Marisol López aposta por mellorar a oferta existente na lingua propia en materia de produtos audiovisuais dirixidos ao público infantil.

Ademais destes últimos lanzamentos, está prevista para decembro deste ano a estrea nas principais salas cinematográficas de Galicia da película A hora dos agasallos, pertencente ao xénero de animación en tres dimensións e dirixida tamén ao público infantil. Esta longametraxe, que se estreará en galego, conta igualmente cun investimento por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder