Novas

Fernández Mato destaca en México a oportunidade que representa o galego para desenvolver unha acción nos países lusófonos
24 de outubro de 2008

Fernández Mato destaca en México a oportunidade que representa o galego para desenvolver unha acción nos países lusófonos

O secretario xeral de Relacións Exteriores clausurou en México D.F. as actividades da Semana Cultural de Galicia, enmarcadas na Cátedra Bibiano Fernánez Osorio-Tafall da Universidade Nacional Autónoma de México

Fernández Mato afirmou que “o galego é, na actualidade, obxecto de estudo en máis de 45 universidades de todo o mundo”

Previamente, nas actividades da Semana Cultural o director da Editorial Galaxia, Manuel Bragado pronunciou un relatorio sobre A Edición Contemporánea en Galicia

O secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Julio Fernández Mato, clausurou a semana de actividades da Cátedra Bibiano Fernández Osorio–Tafall, de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na Universidade Nacional Autónoma de México. No decurso do seu relatorio, Fernández Mato referiuse á potencialidade que supón o idioma galego para a acción exterior de Galicia, especialmente na área lusófona (Portugal, Brasil, algúns países africanos e mesmo territorios asiáticos). Segundo Fernández Mato, esta potencialidade representa unha opotunidade para desenvolver unha acción exterior “singular e propia”.

“Hai un espazo que vén constituído polo mundo lusófono no que o potencial do galego se fai palpable e evidente”, destacou Fernández Mato. “A oportunidade que temos os galegos de entendernos, usando a nosa lingua, cos falantes da lingua portuguesa confire ao espazo lusófono un dos ámbitos máis interesantes para a difusión exterior da nosa lingua e literatura”, engadiu.

Estudo do galego en 45 universidades
O secretario xeral de Relacións Exteriores destacou tamén que “a UNAM nos ofrece un marco privilexiado para difundir a lingua e a cultura de Galicia posto que nos encontramos nun dos centros universitarios máis grandes e importantes de toda Iberoamérica”.

Por outra banda, Fernández Mato sinalou que“neste momento se pode estudar a lingua e a cultura galega en máis de 45 universidades de todo o mundo”. Son centros que contan con centros de estudos de lingua galega nos que se imparten clases adaptadas “xa sexa de conversa, gramática ou cursos de civilización e historia da lingua”, manifestou.

Rede de galegos no exterior
Xunto a isto, o secretario xeral destacou “o potente capital humano que representan os cidadáns galegos no exterior”. Segundo valorou, esta rede “permitiu á nosa lingua chegar a cidades tan dispares entre si como Sydney, Buenos Aires ou Zürich”. Segundo afirmou, o colectivo de galegos no exterior “contribúe de xeito decisivo á internacionalización da nosa lingua e cultura” .

A edición contemporánea en Galicia
Previamente, á clasura das actividades da Semana Cultural de Galicia en México, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, pronunciou un relatorio na UNAM sobre a edición contemporánea en Galicia.

Bragado presentou unha panorámica do estado actual da edición en galego, ofrecendo os datos máis significativos da produción editorial e da súa tipoloxía, ao tempo que analizando as causas da “esperanzadora” situación do sector. Os retos e tendencias de futuro, no contexto da actual revolución dixital no mundo da edición internacional, foron abordardos na última parte da súa intervención.

Fonte: Xunta de Galicia

Sección: 
  • Twitter logo
  • Facebook logo
  • LinkedIn logo

Novas relacionadas

Boletín

Subscríbase ao boletín

Logo Feder